Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

A GATA

Toda a vida traballando coma unha desgraciada, e total para que? Para pasar os derradeiros anos, sen motivación ningunha, medio vexetando, deixando correr as horas, os días, os meses, os anos… Agardando ese día que a todas nos chega e, oxalá que sexa dun xeito, aquí te pillo, aquí te mato, que non hai cousa peor que estar sufrindo e agoniando na casa ou peor aínda, nun hospital. Total para ao final terse que marchar. E por riba aturar o imbécil do marido, que o único que fai é pasar o día cos ditosos encrucillados e as sopas de letras, cando non escoitando nun vello radio casete, que non sei como aínda é capaz de emitir son algún, cancións de Lola Flores, As Grecas ou Dani Daniel.

Levaba tempo con estes pensamentos e ideas derrotistas, ata que unha tarde despois de escoitar ao pánfilo do meu Lolín dicir que iamos necesitar un gato porque o galiñeiro estaba infestado de ratos, decidín cambiar de actitude. Pero imos ver, isto non pode seguir así. Eu que sempre fun unha muller arroutada e que nunca me dobreguei ante nada non podo seguir un día máis con este xeito de vida, razoei para min.

Lolín, por unha vez na vida acababa de abrirme os ollos. Que mellor gata ca min! Porque debo confesar que eu sempre fun algo felina, se cadra moito. Forte e resistente coma brava gata, preparada para esta vida, que en si, non deixa de ser un risco. E fun consciente de que chegara o intre do comezo dunha nova etapa e propúxenme ser unha gata da cabeza aos pés. Unha auténtica felina; nada de medias tintas.

E aquí estou no galiñeiro da Cortiña, horas e horas á caza do rato, e cando non, durmindo ou tomando o sol. Meus pobres, foron liscando, que remedio. Mais non me preocupa hai abondos pola leira abaixo e nos galiñeiros veciños. Malo será que no tempo que me queda neste mundo non teña alimento abondo. Porque eu, o que si non quero, é esa merda de penso que din que ten peixe e moitas porteinas. Que o coman as miñaxoias de agora, que están tan afeitas a el e que desprezan esta tenra e deliciosa carne ratonil.

—A ver Auroriña. Vés para a casa ou quedas aí. Desde hai unha tempada non saes do galiñeiro. Calquera día quedas a durmir. Por certo desde hai un tempo non se ve un rato. Mellor, non gañaba para penso. Non lle deixaban nada ás galiñas.

Pero será parvo este meu home. Xa vai boa que deixei de ser Aurora e aínda non se decatou. Maldita a hora que o coñecín na romaría do Carme. Máis me valera quedarme alindando as vacas no Prado Novo.