Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

COLLIOURE

“Estos días azules /este sol de la infancia”. 

Uns días despois de falecer o poeta, ocorrida o 22 de febreiro de 1939, José, o irmán que o acompañou ao exilio xunto coa nai, atopou no bolso do seu abrigo estes versos. Foron os derradeiros que escribiu, unha volta á infancia, a aqueles días azuis e soleados que  esporearon os primeiros anos da súa vida na Sevilla de finais do XIX, onde nacera un 26 de xullo do ano 1875.

Ía tempo que non collía un libro de Machado, don Antonio, o da cinsa perpetua nas lapelas do traxe, que tan preocupada traía a Ana Ruíz, a súa nai; sempre tras del a quitarlle os restos do tabaco que se ían amoreando nas solapas ata formar costra. Hoxe arranxando un caixón da mesiña de noite, atopeime de todo, un auténtico amasillo: billetes usados de metro, recibos de compras, das que xa non queda nin rastro, anotacións sobre libros, casetes dos que nin sabía que existían, bolígrafos sen tinta…  E no medio de toda esta mistura, “Campos de Castilla”. Collino na man e vin que se trataba dunha Edición de Cátedra de 1974.  Comecei a ler poemas ao chou coma adoito facer cando leo poesía. Abro o libro por onde cadre e vou recitando en voz alta, saltándome follas e sen ningún criterio. Pois ben, sempre que penso en Machado vénseme á cabeza Collioure, a fermosa vila francesa onde pasou os últimos días — non chegaría a un mes—  da súa vida, e onde repousan os seus restos desde aquel fatídico inverno do 39. Tamén esta tarde tiven esa lembranza.

Tiven a sorte de estar varias veces nesa vila francesa. De feito sempre que vou a Perpignan aproveito para facerlle unha visita e de paso entrar no camposanto e botar unha parolada co ilustre sevillano, ou se cadra sería máis correcto dicir, ilustre castelán. A primeira vez que fun, segundo estabamos entrando —ía coa familia— unha señora que portaba un ramo de flores ao oírnos falar galego, sen preguntarnos nada, díxonos algo así: “Suivez-moi. Je vais vous dire où se trouve la tombe.”. E alá nos levou. 

Sería a primeira vez, despois volvería máis, ás veces coa intención de ir e mesmo unha vez sen querer. Tal foi o caso daquel mes de xullo de hai uns doce anos en que saín de Lugo de mañá cedo en compañía do meu fillo maior.  Despois de parar a comer en Irún, pasamos a fronteira coa intención de chegar a Perpignan, todo máis tardar ás oito do serán. Inxenuos de nós. Por causas que agora non procede contar aquí, ás nove andabamos por Carcassonne. E iso non era o peor, en pouco máis dunha hora, se a cousa fora ben, estariamos no destino e esqueceriámonos do acaecido; un pequeno atraso de dúas horas, sen máis. Efectivamente pasadas as dez atopabámonos na entrada de Perpignan. Pero aquí comezaría o calvario. Os parentes que íamos visitar cambiaran de residencia, agora vivían na periferia de Perpignan. Veña preguntar, e dar voltas, voltas e voltas pola cidade. Por un cúmulo de malas interpretacións, que sería longo de contar, cando nos descoidamos estabamos en Collioure, e mira por onde, xusto enfronte do cemiterio; eran máis das doce da noite. Ao final chegamos ao destino pasada a unha, todos pendentes e preocupados polo que nos puidera pasar. Xa deran parte á Ertzaintza, por se sabían dun accidente entre Irún e Perpignan.  Daquela había que activar o famoso Roaming, cousa que nós non fixeramos e en consecuencia estiveramos todo ese tempo, desde que  sairamos de Irún,  incomunicados, polo que nos foi imposible poñernos en contacto con eles.

Por suposto aquela noite non visitamos a D. Antonio, non eran horas, cousa que fixemos aos poucos días, claro está, pola mañá. Despois dariamos unha volta pola vila, incluso tomariamos o sol e un baño na praia, que está mesmo no centro e, obviamente,  tampouco nos esqueceriamos de sacarlle unhas fotos a Collioure. Logo fomos comer a un restaurante e mentres degustabamos  uns moules-frites ( mexillóns con patacas fritas) lembreime da dona da pensión Bougnol Quintana, onde paraban os Machado. Resulta que nunca baixaban comer os dous irmáns xuntos. Primeiro baixaba José e logo Antonio, ou ao revés, mais xamais xuntos. A anfitrioa estaba intrigada, ata que soubo que era porque só tiñan unha americana e non querían acudir ao xantar ou á cea sen ela.

Ai, Collouire, Collioure, cantas lembranzas!

“Estos días azules/ este sol de la infancia”

Suso de Lameliña