Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

A LOUCURA DE KATSUMOTO*

A causa da loucura de Alonso Quijano, foi a lectura desmedida de libros de cabalería. Algo parecido lle pasou a Katsumoto (neno vitorioso) coa lectura obsesiva de libros de  Manga.

Ben, realmente o noso heroe, chamábase Eladio Ferreiro, veciño dunha aldea do Corgo, pero que un bo día decidiu cambiar o seu nome polo de Katsumoto Ferreiro, tal era o amor e a paixón polas historietas xaponesas.

    Ao principio esta afección, agás o cambio de nome, non afectou a súa vida profesional nin social. El exercía de funcionario na Delegación de Facenda da Xunta, estaba casado con dous fillos e levaba unha vida normal; iso si, no tempo de lecer non paraba de ler manga, algo que provocaba algunha pequena discusión coa súa esposa, pero sen chegar nunca o sangue ao río.O problema veu a raíz da lectura de “ O home sen talento” de Yoshiharu Tsuge. Aquí, o protagonista, Sukezo Sukegawa, autor de éxito no mundo do Manga, decide esquecelo,  para adicarse á arte do Suesiki -busca da beleza natural nas pedras-. Coas pedras que vai atopando instala un posto á beira do río, para vendelas aos turistas, pero o negocio resulta un auténtico fiasco, con consecuencias na súa vida familiar.

    Katsumoto, impresionado pola historia de Sukezo, decide emulalo, substituíndo as pedras por carrabouxos. Os carrabouxos, bugallos, ou bolas de cuco -así é coma lles chamaba eu, de neno-  son unha reacción de defensa dalgunhas árbores, coma os carballos, fronte a certos insectos véspidos.

    Así, Katsumoto, parte do seu ocio,  empezouno a adicar a percorrer as carballeiras da contorna, ampliando cada vez máis o círculo,  á procura do prezado obxecto. Mesmo á muller e aos fillos pareceulles ben. Polo menos saía con eles polo monte e xa non estaba tantas horas mergullado nas malditas historias xaponesas. Que errados estaban!

    Cando xa conseguiu unha boa colección, o seguinte paso foi pintalos e decoralos. Ata aquí a cousa máis ou menos normal. A familia non podía sospeitar o que viría ao cabo dun tempo, non moi lonxano.

    Un bo día, chegou do traballo dicindo que se cansara de atender á xente, que so lle ían con lerias, que estaba cheo, e que ía montar un posto de venda de bugallos. O desgusto da muller e dos fillos foi tremendo. Trataron de convencelo, pero todo foi en van.

    Á semana seguinte, en torno á praza de Abastos de Lugo, puxo o seu posto. Como lle pasara a Suzeco, os seus produtos foron totalmente ignorados. E os poucos posibles clientes que se achegaron por alí, foi para mofarse del. Mais el seguiu erre que erre, e, claro, as consecuencias familiares, xa se pode un imaxinar, foron devastadoras, ruptura total da convivencia, tendo que abandonar a casa e pasar as noites durmindo no parque ou nun caixeiro dun banco.

Así continuou co posto, durante case un ano, ata que un día desapareceu e ninguén volveu saber nada máis del.

    O outro día paseando pola Gran Vía de Vigo pareceume recoñecelo nun viandante. Dirixinme a el e pregunteille se era Katsumoto e, efectivamente, era el. Contoume que levaba tempo na cidade, mendigando e vivindo do que podía. Por certo, non perdera a afección ao manga. Agora ía por todas as bibliotecas da cidade para poder lelos. Xa os lera unha e mil veces, pero tanto lle daba. Pregunteille polos bugallos e díxome que aquelo fora unha loucura, que estaba arrepentido de facelo, pero que xa era tarde para volver atrás. Cinco minutos escasos foi a nosa conversa, enseguida se despediu e continuou pola avenida adiante, camiñando con dificultade.

*O venres 18, foi a primeira presentación do libro “Paseando canguros”. O acto tivo lugar no CPI de Castroverde. Acompañáronme  Pili Ferreiro, concelleira de cultura e deportes, Ánxela Gracián, escritora e tradutora e Manuel Vázquez, escritor e autor do prólogo.

Este é un dos 131 relatos do citado libro.