Aínda non pasaron dous anos desde aquel 3 de outubro de 2015 no que un grupo de poetas novos de Guitiriz honraban a Díaz Castro no XXV cabodano na igrexa dos Vilares. Aquel grupo foi bautizado por Armando Requeixo co nome de #NovaPoesiaGuitirica NPG e véu a luz con un fermoso manifesto da súa autoría publicado no premiado blog Criticalia.

O que podería parecer un bonito acto froito da resaca das letras galegas adicadas ao poeta do Vilariño o ano anterior, convertiuse nunha iniciativa estábel e dinámica que deu lugar a diversos recitais poético-musicais en Guitiriz e noutras localidades, orixinando propostas, como a dos poemas pendurados das farolas ou o certame de micropoemas <VILARIÑAS>, xornadas arredor de Díaz Castro e Manuel María, participación dos diferentes compoñentes do grupo en recitais en distintas localidades, participación en diversas publicacións colectivas e mesmo que se teñan musicado poemas dalgunha poeta da NPG.

Desde aquela, a Nova Poesía Guitirica ten medrado en integrantes e en recoñecemento. Ao grupo da igrexa dos Vilares do 3 de outubro de 2015 con Judiña de Lea, Mar Beres, Luz Campello, Jaki S.Quintela, Xosé Antón Cascudo, Fátima Fernández e Pas Veres, sumáronse despois André da Ponte, Adriana Quijada e Xelo Teijido nunha composición heteroxénea de estilos e uniforme na ideia de sumar arredor da admiración polo poeta do Vilariño.

Recitais poéticos en Sada, Vilalba, Compostela, Mondoñedo, Ferrol e en San Sadurniño, contaron con xente da NPG, así como publicacións colectivas en formato tradicional e en soporte dixital. A menos dun mes de cumprirse dous anos daquel 3 de outubro de 2015 no que, ademais do público, participaron nomes tan importantes como a própria alcaldesa, Xulio Xiz, Man Castro e Alfonso Blanco, podemos afirmar que a poesía reside en Guitiriz, nos versos d@s afillad@s de Pepe, na parróquia dos Vilares, no lugar do Vilariño, na casa de Díaz Castro, #ACasaDaXente.

 

*Información facilitada pola Asociación OS VILARES, LAREIRA DE SOÑOS

 

Os Vilares, Lareira de Soños 
dosvilares@gmail.com
+34 662 183 149
www.dosvilares.com
www.facebook.com/osvilares
twitter@dosvilares1