A Gala Inaugural do Festival Atlántica celebra os trinta anos de Leilía con música e contos (Velaquí enlace á nota de prensa)

·       O espectáculo será este mércores, 13 de marzo, no Teatro Principal, a partir das 21 horas

·       Amais da música de Leilía, actuarán os contadores María da Pontragha, Soledad Felloza, Celso F. Sanmartín e Quico Cadaval

·       O programa da xornada completarase cunha clase maxistral sobre narración oral impartida polos artistas Yoshi Hioki e Maricuela

A segunda xornada de Atlántica 2019 vai estar protagonizada por unha das citas emblemáticas do festival: a Gala Inaugural. O espectáculo desenvolverase este mércores, 13 de marzo, no Teatro Principal, co fío condutor da celebración dos trinta anos do grupo musical Leilía. A carón desta agrupación estarán os contos de María da Pontragha, Soledad Felloza, Celso F. Sanmartín e Quico Cadaval, que é ademais responsable da dirección escénica do espectáculo. As entradas para a gala teñen un custo de 14 euros e pódense adquirir con antelación na web da ABANCA e tamén na billetería do Teatro Principal de 18 a 21 horas e o mesmo día da función.

A maiores, un pouco antes do espectáculo, ás 18 horas, os alumnos do curso de narración oral do Centro Xove da Almáciga van ter a oportunidade de afondar na arte da narración oral grazas á clase maxistral que impartirán o xaponés Yoshi Hioki e mais a turolense Maricuela.

30 anos coa tradición

Leilía naceu no ano 1989 da man de seis mulleres decididas a recuperar do esquecemento a tradición oral galega. Foi así como as irmáns Ana e Rosario Rodríguez, Mercedes Rodríguez, Montse Rivera e mais as tamén irmás Felisa e Patricia Segade comezaron a súa singradura como cantareiras e pandeireteiras cun repertorio que amosa as súas recollidas de coplas tradicionais galegas. Nestes trinta anos de traballo, Leilía foi quen de manter viva a tradición e de abrir novos camiños musicais sen se traizoar. Algúns galardóns que recoñecen o seu labor son o premio Mellor Espectáculo Europeo ao Hent Sant Jaquez no European Forum Woldwide Music Festivals 1993, ou o Premio á Mellor Canción en Galego por Pedras contra tanques na VIII Edición dos Premios da Música (2004), entre outros. Na discografía do grupo figuran Leilía (1994), I é verdade i é mentira (1998), Madama (2003), Son de Leilía (2005) e Consentimento (2011).