Tanto soñei contigo que perdes a túa realidade.

¿Hai tempo aínda para alcanzar ese corpo vivo e bicar

sobres esa boca o nacemento da voz que quero?

Tanto soñei contigo que os meus brazos, habituados a cruzarse sobre

o meu peito cando apertan a túa sombra, quizais xa non poderían

adaptarse ao contorno do teu corpo (…)

Robert Desnos, “A la mystérieuse” (outra versión)

Estes versos forman parte dun poema modificado que deixou escrito o poeta surrealista francés, Robert Desnos. Recluído no campo de concentración de Terezin, no que antes era a Checoslovaquia, sometido ás máis crueis privacións e aldraxes, dedicou os seu días finais a escribir un poema. Nel non fala de horror, non fala de violencia, non fala de dor nin da fame que padecía. Desnos creou nesas circunstancias de morte un dos seus máis delicados poemas de amor.

Precisamente, referíndose a ese poema e ás motivacións creadoras do mesmo, o tamén poeta de orixe chilena Raúl Zurita, cando recibiu o Premio Iberoamericano de Poesía Pablo Neruda 2016, alegou: “Opoño, entón, a infinita devoción dese poema, a súa insubornábel pureza, a todas as crueldades da historia, porque se a poesía de Robert Desnos non existise, se a arte non existise, probabelmente a violencia sería a norma. Pero existe, e o sinxelo feito de que alguén non medio do holocausto, puido escribir algo tan fermoso como “Tanto soñei contigo que perdes a túa realidade”, fai que o crime sexa infinitamente máis crime e o asasino infinitamente máis asasino.

E non vou esquecer a Gloria Fuertes, a poeta da que este ano se celebra o centenario do seu nacemento e que vestiu a vida coas roupaxes dos versos, sobre todo versos dirixidos a un público infantil, deixou frases coma:

“…Os nenos que len poesía aficiónanse á beleza da linguaxe e seguirán lendo poesía para toda a súa vida…”

“…Un neno cun libro de poesía nas mans nunca terá de maior unha arma entre elas…”

Polo tanto, no Día  Mundial da Poesía, convídovos a lembrar, a celebrar a forza de vida que leva aos poemas oporse á violencia, á dor, á morte.

Sintamos a poesía!

 

*Autoría da imaxe: Modesto Renda Santiso