procura da poesía

carlos drummond de andrade

 

dar forma

ir do abismo da abstracción

ao concreto dalgún ser

 

porque nomear é

consentir o sentido

encarnalo

e as cousas toman corpo

aparécense

 

mais antes diso é preciso

convivir con elas

en silencio

mentres medran

 

primeiro síntelas

logo anuncianse

e ao fin chegan

a xeito de verbaimaxes

 

 

seres camiñando a emerxer

da lameira primixenia

onde acaso habite todo o indecible

até as plumas do paxaro

que migra para escapar do frío

de estar soliño no mundo

 

dar forma

ir da sima ao ceo

da raizame do carballo até

o fulgor das chamas a transcender

do novelo onde os sensos se entrelazan

até o celme do voo

 

..

 

corvo buxo

seixo seara

carne limo

ser camiñando a vibrar

verba pronta

numen nuance

ser a se despegar da terra

nube fume

lume ar

..

 

trouxeste a chave?

 

querían saber as cousas nunca ditas

estaban a preguntar sen xeito

 

terror do amorfo

urro do indefinido

noméanos!

 

e eu sen a chave

debina esquecer non andel que fica

alén das faíscas

debeume caír ao río ao cruzar a ponte miserela

o caso é que non poden saír

 

e berran todas no limiar

ás veces non se atura este balbordo

ouzan, quen vai!

e abrollan misturadas

no escuro da lentura

e atóanse e queren ser ditas

 

..

 

 

era ámbar

o que reclamaban para si

e eu sen a chave

no limiar dun verso

 

e o terror do amorfo

ha ser a orixe desta xeira

 

trouxen unha caixa de mistos!

 

..

 

á luz da lareira procuro

muxicas na labareda

trenzo restras de candados

que gardan delicadezas

as de drummond e florbela

as de pessoa e teixeira

 

e acho algúns adxectivos

espantosos iludidos

verbas marabillosas

mundos novos acendidos

materia prima para a alquimia

do ir do dito ao por dicir

 

..

 

criar substancia

 

..

 

ando a fundir unha chave

traio mistos para o lume desta fragua

e teño un crisol pequeno pequeno

encarnado inefable e latexante coma un puño

 

vou baixar á carballeira

cando comece a alborear

cando a néboa estea rentes

vou subir procurar formas