Este sábado, 5 de marzo, ás 19 horas, na Casa-Museo Manuel María, o escritor, crítico literario e historiador da literatura galega, Francisco Rodríguez, presenta a súa obra Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV), concretamente o Tomo I, que vén de saír do prelo, que leva por título “A relevancia do reino galego medieval”. Un libro que non deixará indiferente a ninguén. 

A contracapa do libro salienta o seguinte: 
Este libro sobre a etapa medieval de normalidade e esplendor do reino de Galiza e a crise da segunda metade do século XIV responde a un afán por combater a ignorancia colectiva sobre o noso pasado medieval e as deformacións e ocultacións sobre el. É, en certa maneira, un traballo a favor da saúde mental colectiva da sociedade galega. Xurdiu da necesidade de colaborar a un coñecemento sobre a nosa historia, entre os séculos VIII e XIV, radicalmente confrontado coa ocultación e terxiversación do oficial dominante. É, pois, unha visión crítica do estado da cuestión e unha proclama a favor de descubrir o oculto ou manipulado. O autor faino, analizando, debatendo e tirando conclusións, desde a historiografía oficial e académica e desde as fontes documentais existentes. Tamén desde a importante, malia ser considerada con frecuencia, historiografía que se ten esforzado xa desde o século XIX, por combater a manipulación que levou a ignorar a existencia relevante do reino de Galiza e a eliminarnos como realidade política específica na Península, para así mellor construír unha visión histórica ao servizo do castelanismo, primeiro, e do españolismo, despois.

Este Tomo I céntrase en evidenciar esa relevancia incuestionábel, para logo (Tomo II) entrar na análise dun momento estelar e conflitivo, segunda metade do século XIV, cuxo desenlace tivo transcendencia para o noso futuro.

Para asistir a esta actividade, é necesario inscribirse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.