
O Noia Harp Fest pecha a súa 13ª edición coa réplica dos instrumentos medievais de San Martiño e o directo de Sona Jobarteh, a primeira muller solista de kora en sete séculos
Manuel Vilas e a agrupación Entrebescant farán soar na Igrexa de San Francisco as réplicas dos instrumentos do século XV esculpidos na fachada de San Martiño
Neleta Ortiz e Thomas Piel estrearán no Claustro de San Francisco unha obra inédita de Enrico Mainardi, mentres que a Praza do Tapal acollerá a gran clausura do evento coa música e activista africana
O Noia Harp Fest despide este sábado 1 de agosto a súa décimo terceira edición cunha última xornada que xunta a recuperación do patrimonio arquitectónico da vila, a investigación musicolóxica e un dos concertos máis agardados do seu cartel internacional. A entrada a todas as actuacións da xornada será libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos.
A programación arrancará ás 12:30 horas na Igrexa de San Francisco co concerto de Manuel Vilas e da formación de música antiga Entrebescant. Trátase dun dos fitos máis singulares do evento, no que se empregarán en exclusiva as sete réplicas dos instrumentos medievais (dúas arpas, un rabel, dúas violas e dous salterios) reconstruídas en 2018 polo festival e o Concello a partir da iconografía do século XV da Arquivolta de San Martiño de Noia. Vilas, un dos arpistas máis prestixiosos na recuperación do patrimonio musical, únese a Entrebescant para devolverlle a vida ao son orixinal que concibiron os artesáns medievais.

Pola tarde, ás 20:00 horas no Claustro de San Francisco, a arpista Neleta Ortiz e o violonchelista Thomas Piel presentarán en primicia e coa máxima rigorosidade académica unha obra para arpa e violonchelo do prestixioso compositor e director italiano Enrico Mainardi, froito duns minuciosos traballos de investigación sobre o seu legado. Tanto este directo coma o de Manuel Vilas está organizado en colaboración coa Asociación Española de Arpistas (AEDA).
O concerto de clausura do festival celebrarase ás 22:00 horas, a ceo aberto, no seu escenario máis emblemático: a Praza do Tapal e coa gambiana Sona Jobarteh como protagonista absoluta. Nada no seo dunha prestixiosa liñaxe de griots e doutora honoris causa pola Berklee College of Music, Jobarteh fixo historia ao ser a primeira muller solista de kora, rompendo con sete séculos de tradición masculina. Recoñecida tamén polo seu compromiso social e educativo como fundadora da Gambia Academy, a compositora e cantante ofrecerá acompañada pola súa banda un potente directo no que combinará a tradición mandinga co blues e o afropop.
Noia Harp Fest
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) é unha iniciativa promovida por Nalgures Producións e cuxa dirección artística recae na Asociación Cultural Noia Harp Fest. O evento, que se celebra do 29 de xullo ao 1 de agosto, conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e do proxecto Concertos do Xacobeo. Tamén colaboran a Sociedade Cultura Recreativa Liceo de Noia, a Asociación Española de Arpistas (AEDA) e a Deputación Provincial da Coruña e Acción Cultural Española.
AXENDA SÁBADO 1 DE AGOSTO
01.08, 12.30 horas
Igrexa de San Francisco | Manuel Vilas e Entrebescant
01.08, 20.00 horas
Claustro de San Francisco | Neleta Ortiz e Thomas Piel
01.08, 22.00 horas
Praza do Tapal | Sona Jobarteh
Os tres concertos son de acceso gratuíto e libre ata completar capacidade.
DOSSIER 13º NOIA HARP FEST
Dossier-GAL-NHF-2026-baixa

