
Glockenwise estrea en España Vale tudo para chegar a algum lado con dous concertos en Vigo e Santiago
A banda rock de Barcelos presenta en directo o seu sexto LP este venres 30 de outubro en La Fábrica de Chocolate (Vigo) e o sábado 31 en Riquela Club (Santiago de Compostela)
Tras a estrea do disco no Theatro Circo de Braga, o cuarteto trae a Galicia as súas primeiras datas en España, nas que estará acompañado de Guilherme Zapata
Un traballo entre o art-pop e o rock que parte da Guerra do Caulino para preguntarse polos futuros que nos prometeron

Glockenwise cruzan a raia para presentar por primeira vez en España Vale tudo para chegar a algum lado, o seu sexto LP. A banda de Barcelos, unha das máis salientables da escena rock portuguesa actual, ofrecerá esta fin de semana dous concertos en Galicia: o venres 30 de outubro en La Fábrica de Chocolate (Vigo) e o sábado 31 en Riquela Club (Santiago de Compostela). En ambas as citas, o grupo estará acompañado de Guilherme Zapata.
Os directos galegos chegan despois do concerto de estrea do álbum no Theatro Circo de Braga, o pasado 10 de outubro, e antes da presentación en Lisboa, na Culturgest, o 16 de decembro. Para Glockenwise son tamén un regreso a un público que xa os coñece: a banda tocou en Galicia en citas como o Festival Sinsal SON Estrella Galicia ou Osa do Mar.

Publicado o pasado 23 de setembro co selo da propia banda, Vida Vã, Vale tudo para chegar a algum lado chegou precedido dos sinxelos Vai dar e Guerra do Caulino. O disco continúa a viaxe do grupo polo art-pop sen renunciar á enerxía que os fixo coñecidos, e toma como punto de partida a Guerra do Caulino, o conflito veciñal que mobilizou a Barqueiros (Barcelos) arredor da explotación deste mineral, e que coincidiu no tempo co nacemento dos membros da banda.
A partir dese marcador cronolóxico, Glockenwise reflexionan sobre o futuro, as expectativas colectivas e a capacidade, ou a impotencia, de cadaquén para darlle forma. Así o explica o grupo: “Condenados a vivir nunha sala de espera, queremos indagar sobre o futuro. Queremos saber se somos o que no pasado proxectamos para o futuro, ou o que aínda estamos a tempo de intentar ser”. O álbum está dispoñible en todas as plataformas dixitais e en vinilo a través do Bandcamp da banda. As entradas para os dous concertos xa están á venda.

Glockenwise
Glockenwise é unha banda de Barcelos composta por Nuno Rodrigues (voz e guitarras), Rafael Ferreira (guitarras), Rui Fiusa (baixo) e Cláudio Tavares (batería). Nos seus quince anos de traxectoria actuaron nos principais festivais e salas do seu país (Paredes de Coura, MEO Kalorama, Tremor), pero tamén en grandes citas europeas. Ademais de Vale tudo para chegar a algum lado (2026), teñen editados Building Waves (2011), Leeches (2013), Heat (2015), Plástico (2018) e Gótico Português (2023).
Concertos de Glockenwise en Galicia
Vigo · Venres 30 de outubro
La Fábrica de Chocolate · 22:00 h · 15€ anticipada (18€ na billeteira)
Santiago de Compostela · Sábado 31 de outubro
Riquela Club · 21:00 h ·15€ anticipada (18€ na billeteira)