
A directiva da Asociación Galega das Empresas Musicais decidiu outorgar á banda de Muros o Premio a Artista do Ano 2026 porque representa unha das realidades máis estimulantes da música galega actual e é embaixadora dunha escena musical galega viva, contemporánea e con moito que dicir, ademais de ser un exemplo de como a conexión co público pode converterse nunha das grandes fortalezas dun proxecto
Na categoría de Persoa do Ano, desde a Xunta Directiva de AGEM, organizadora desta segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia xunto á Xunta de Galicia, seleccionaron á Fundación Paideia polo seu compromiso sostido coa industria musical galega e pola súa labor de acompañamento, formación e profesionalización cuxo valor é difícil de cuantificar, contribuíndo, desde un proxecto sin ánimo de lucro, a que o talento emerxente galego poida desenvolverse e atopar o seu lugar no sector
Paralelamente, o público elixiu por votación popular ao Surfing The Lérez como proxecto gañador do Premio á Excelencia na Experiencia do Público neste 2026, mérito que o festival pontevedrés acada por segundo ano consecutivo
A Asociación Galega de Empresas Musicais organiza así a segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, que buscan poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade no sector musical galego
A Sala Capitol de Santiago de Compostela acollerá a noite do martes, 3 de novembro, a gala de entrega de premios: un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores no resto de categorías e se entregarán os galardóns a todos os e as premiadas
Os II Premios da Industria Musical de Galicia, rebautizados como Premios PALCO, impulsados por AGEM e a Xunta de Galicia, co apoio da Deputación da Coruña, veñen de anunciar aos proxectos seleccionados pola Xunta Directiva da Asociación Galega das Empresas Musicais como Artista do Ano e Persoa do Ano 2026 nesta segunda edición dos galardóns. AGEM decidiu outorgar a The Rapants o Premio ao Artista do Ano 2026, mentres que, na categoría de Persoa do Ano 2026, foi elixida a Fundación Paideia.
Paralelamente, o público seleccionou por votación popular ao Surfing The Lérez como proxecto gañador do Premio á Excelencia na Experiencia do Público neste 2026. A votación en liña finalizou o pasado martes, 27 de outubro, ás 23.59 horas, e a iniciativa máis votada nesta categoría aberta ás apartacións da audiencia foi o festival pontevedrés, que acada o mérito por segundo ano consecutivo, seguida en número de votos por outros queridos proxectos como Gulliver Fest e Osa do Mar. Con este galardón, a Asociación Galega de Empresas Musicais busca recoñecer aqueles festivais, concertos, salas e proxectos musicais que destacan pola organización, a atención ao público, a accesibilidade, os servizos, o ambiente ou o coidado de cada detalle, poñendo ás persoas espectadoras no centro e ofrecendo unha vivencia inesquecible.
En palabras de Josiño Carballo, tesoureiro de AGEM, “desde a Asociación Galega das Empresas Musicais recoñecemos a The Rapants co galardón ao Artista do Ano nesta segunda edición dos Premios PALCO, os Premios da Industria Musical de Galicia, porque representan unha das realidades máis estimulantes da música galega actual”.
E engade: “Coa creación de The Rapants Club, a banda de Muros foi quen de construír algo que vai moito máis alá dun disco ou dun concerto: unha comunidade na que o público se recoñece, coa que se identifica e da que quere formar parte. Encher o Multiusos Fontes do Sar cun proxecto propio, desde Galicia e cunha proposta dirixida especialmente a unha xeración nova, é un fito que merece ser celebrado e recoñecido. Demostra a capacidade do talento galego para mobilizar milleiros de persoas, crear referentes propios e conquistar espazos tradicionalmente asociados a grandes artistas estatais e internacionais”.
Finalmente, destaca: ”The Rapants son hoxe embaixadores dunha escena musical galega viva, contemporánea e con moito que dicir, ademais dun exemplo de como a conexión co público pode converterse nunha das grandes fortalezas dun proxecto artístico”.
Josiño Carballo anunciou, tamén, que “desde a Xunta Directiva de AGEM, organizadora de PALCO xunto á Xunta de Galicia, decidimos outorgar o recoñecemento á Persoa do Ano 2026 á Fundación Paideia”, confirmando que este recoñecemento “responde ao seu compromiso sostido coa industria musical galega e a un labor de acompañamento, formación e profesionalización cuxo valor é difícil de cuantificar. Desde unha posición sen ánimo de lucro, Paideia leva anos ofrecendo ferramentas, oportunidades e apoio a artistas e proxectos emerxentes, contribuíndo a que o talento poida desenvolverse e atopar o seu lugar no sector”.
“A achega da Fundación Paideia vai moito máis alá da formación: representa unha guía constante para quen comeza, unha oportunidade para adquirir capacidades profesionais e un impulso decisivo para que novas propostas musicais poidan medrar, gañar visibilidade e construír unha traxectoria”, engadiu Carballo. E concluíu: “Recoñecer á Fundación Paideia é recoñecer tamén a importancia de traballar colectivamente polo futuro da música galega, investindo nas persoas, no talento e nas condicións que fan posible unha industria máis sólida, preparada e sostible”.
Ademais destes tres galardóns hoxe anunciados, un xurado profesional composto polas asociacións AGEM, AGATEC, TESGAL, AGPXC e CLUBTURA, xunto ás e aos gañadoras e gañadores da pasada edición dos premios, seleccionou un total de 42 proxectos finalistas nos Premios PALCO 2026, 3 por cada unha das 14 categorías xerais contempladas nos premios. A noite do martes, 3 de novembro, daranse a coñecer os proxectos gañadores nun encontro sectorial na Sala Capitol de Compostela, onde tamén terá lugar a entrega dos galardóns.
FINALISTAS DOS PREMIOS PALCO 2026
Iniciativas e profesionais nomeados e nomeadas nas categorías xerais dos Premios PALCO 2026:
Mellor deseño de iluminación
Álvaro Moreno (The Rapants)
Gabriel Alvarado (Treixadura)
Laura Iturralde e José Faro (Gala i Ovidio)
Mellor implementación de son
Nerea Bello (Bala)
Ricardo Barroso (The Rapants)
Rubén Montes (Carlos Ares)
Mellor produción de servizos
Emsac
Global Setup
Kachet
Mellor profesional de produción
Adela Otero
María Galdón
Olalla Camaño
Mellor manager
Aitana Cuétara (Luneda)
Álvaro Creo (Off Stage)
Alberto Lora & Carles Montalt (Galunk)
Mellor produción discográfica
Dani Cornes e Crnds (Aquí sempre tes casa, Dani Cornes)
Iago Pico, Gabi Fernández e Tanxugueiras (O Cuarto, Tanxugueiras)
Xoel López e Adrián Seijas (Oniria Popular, Xoel López)
Mellor posta en escena
As dúas e punto (Tertúlia, Fillas de Cassandra)
Laura Iturralde e José Faro (Gala i Ovidio)
The Rapants crew (Rapants Club)
Mellor promotor / programador
Alberto Alfonso (Art Music Agency)
David Pedrouzo (Todomedre)
Suso Santamaría e Iván Viturro (A Pousada da Galiza Imaxinaria)
Mellor proxecto de comunicación
EmigraSON
Lucía Pita (Tertúlia, Fillas de Cassandra)
PortAmérica
Mellor identidade visual
Julia Salgado Barca, Mar Suárez e Agustina Shuan (Anfibia por veces, Antía Muíño)
Melania Freire (De Ninghures)
Zeltia Iglesias (Mondra)
Mellor videoclip
Daniel Pérez, El Membrillo (subir subir, Karmento & Mondra ft. El Nido)
Daniela Rey Faraldo (Simplemente, Candela Liste)
Juan Barbazán, Sergio Goce e Manuel Seoane (Non sei como, The Rapants)
Mellor evento cultural / musical
AC Fanto Fantini – Osa do Mar
PortAmérica
Resurrection Fest
Mellor espazo musical
A Cofradía Taberna Cultural
Mardi Gras
Sala Rebullón
Mellor proxecto de sustentabilidade
Arteficial
PortAmérica
Sinsal

SOBRE THE RAPANTS, ARTISTA DO ANO NOS PREMIOS PALCO 2026
The Rapants é talento, actitude e diversión. Nada en Muros (A Coruña) no 2018, a banda do momento da escena galega surfea entre o pop, o garage e o disco cun directo “sen descanso”, coa intención de facer bailar, sen prexuízos, ao público.
A adrenalina que desprende The Rapants durante os seus concertos é unha das grandes bazas e clave do éxito do cuarteto, que nos últimos meses levou as melodías de herdanza disco e rock de La máquina del buen rollo (2024) -Premio MIN ao Mellor Álbum en Galego-, por escenarios de toda a Península Ibérica.
Logo de consolidar a identidade e a enerxía “rapante” tanto en salas de concertos coma en grandes festivais, o cuarteto muradán regresa con Rapants Club, un álbum que leva a súa música a outro nivel. Variedade estilística, guitarras frenéticas, sintetizadores e retrousos pegadizos conflúen nun traballo que amosa a evolución do grupo, á vez que mantén, máis viva que nunca, a identidade rapante.
(Rapants Club 2026)
La máquina del buen rollo (2024)
O corasón como un after (2023)
Cariña de raposo (2019)
The Rapants (EP) (2018)

SOBRE A FUNDACIÓN PAIDEIA, PERSOA DO ANO NOS PREMIOS PALCO 2026
A Fundación Paideia Galiza traballa na profesionalización da industria musical galega, impulsando iniciativas que promoven o talento emerxente e o acompañamento a artistas nas distintas etapas da súa carreira profesional. A través de Estudios Mans, ofrece formación, mentorías, gravación e promoción musical, contribuíndo ao desenvolvemento de novos proxectos e á súa consolidación na escena musical.
QUE É PALCO?
PALCO é o primeiro punto de encontro da industria musical que se celebrará en Galicia, organizado pola Asociación Galega das Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta de Galicia, a través da Agadic e os Concertos do Xacobeo, co apoio do Ministerio de Cultura del Gobierno de España na organización de GALICIA CONECTA, da Deputación da Coruña na organización dos Premios PALCO e Mondo Sonoro Noroeste como medio oficial.
Terá lugar en Santiago de Compostela do 3 ao 5 de novembro e reunirá a profesionais da industria musical arredor dunha programación pensada para compartir coñecemento, descubrir proxectos, atopar novas conexións e facer que xurdan oportunidades.
Ademais do encontro, que se desenvolverá no Museo Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia os días 4 e 5 de novembro, PALCO acollerá, a velada do martes, 3 de novembro, na Sala Capitol de Compostela, a gala da segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, rebautizados como Premios PALCO.
Este punto de encontro da industria musical celebrado en Galicia nace coa idea de aportar visibilidade ao talento, aos proxectos e ao ecosistema musical galego. E, tamén, coa fin de favorecer conexións e oportunidades para a música feita en Galicia, fomentando as relacións entre artistas, empresas, programacións e institucións, así como xerando contextos útiles para a colaboración e o desenvolvemento.
Durante tres días, do 3 ao 5 de novembro 2026, Santiago de Compostela converterase no escenario onde a industria musical –principalmente a galega– conversará e se proxectará, cos obxectivos de descubrir, aprender, compartir experiencias e construír futuro.
Toda a información do proxecto pode consultarse na web www.palco.gal.
EQUIPO ORGANIZADOR DE PALCO
PALCO é un proxecto codeseñado no marco do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, impulsado por AGEM –entidade que defende os intereses profesionais das entidades galegas ligadas á xestión cultural e aos espectáculos vinculados á música ao vivo– e a Xunta de Galicia. Nace da vontade compartida de reforzar a conexión, a vertebración e a proxección do sector. A súa creación responde a unha das principais conclusións extraídas durante o proceso de elaboración do plan: a necesidade de contar con espazos compartidos, útiles e sostibles, pensados desde dentro da propia industria e ao servizo das súas necesidades reais.
SOBRE OS PREMIOS PALCO
No marco de PALCO, o primeiro encontro da industria musical que se celebrará en Galicia do 3 ao 5 de novembro, terá lugar, tamén, a segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, rebautizados como Premios PALCO, que un ano máis buscan poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade no sector musical galego.
Esta segunda edición dos Premios PALCO terán lugar na Sala Capitol de Santiago de Compostela a noite do martes 3 de novembro, a partir das 19.30 horas. Será un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores e se entregarán os galardóns, nun formato próximo, pensado para favorecer a cooperación e a convivencia entre os diferentes axentes da industria musical galega.
Neste 2026, os Premios PALCO regresan dar resposta ao gran momento que está a vivir a música galega, cunha madurez e unha diversidade extraordinarias. En palabras de AGEM e a Xunta de Galicia: “queremos celebralo e agradecer o talento e o compromiso de quen fai posible o crecemento da nosa industria e para recoñecer o valor das persoas e proxectos que converten o sector nun verdadeiro motor cultural e humano para Galicia. Un ano máis, os Premios PALCO pretenden ser unha ferramenta para dar visibilidade ao talento galego e fortalecer a industria musical como motor cultural, social e económico”.
Con esta iniciativa, AGEM reafirma o seu compromiso de traballar colectivamente por un sector máis profesional, recoñecido e sostible. Os premios enmárcanse dentro do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, asinado por AGEM co impulso da Xunta de Galicia.

SOBRE A ASOCIACIÓN GALEGA DE EMPRESAS MUSICAIS (AGEM)
A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) nace en 2007 para defender os intereses profesionais das empresas galegas vinculadas á música ao vivo: produtoras, promotoras, managers, axentes de contratación, compañías de representación artística, editoras fonográficas e empresas técnicas, entre outras actividades relacionadas coa xestión cultural e os espectáculos.
AGEM está integrada por empresas que conforman a cadea de valor da actividade cultural e musical. Empresas que realizan actividades de deseño, xestión e produción de eventos de carácter cultural, musical, educativo, social e de entretemento, destinados a ser realizados en locais pechados ou a ceo aberto e, en xeral, todas as actividades técnicas e preparatorias para a execución destes eventos ou servizos, incluída a actividade comercial, de representación de artistas, festivais, distribución e xestión.
Estas entidades traballan en distintos mercados de artistas internacionais, que conforman as programacións de numerosos festivais e espectáculos producidos en Galicia e noutros territorios. Igualmente, hai empresas que representan a diversos artistas, na súa maioría galegos, que traballan en mercados de todo o mundo. As socias de AGEM son promotoras de festivais maioritariamente producidos en Galicia, pero tamén noutros territorios. Empresas de produción técnica e persoal técnico especializado que traballan en numerosos espectáculos producidos dentro e fóra de Galicia.
Distintas gravacións producidas ou editadas por integrantes de AGEM teñen repercusión en mercados internacionais e son sincronizadas tanto a nivel fonográfico como editorial en producións audiovisuais; longametraxes, curtas, documentais e publicidade.
O impulso industrial propiciado por AGEM vai máis alá do facturado polas empresas asociadas. O impacto económico dos espectáculos nos que participa AGEM, tanto de artistas en solitario coma de festivais, é de mais de 100 millóns de euros. As empresas que conforman AGEM son a raíz do sector cultural e resultan fundamentais na industria global da cultura, na música e no seu tecido económico.
2026.10.29.NP-Premios-PALCO-2026-ARTISTA_PERSOA