HENKO A mirada de Miguel Díaz
Título: A SILVA

Con que violencia se fai presente a creba nesta descomposición da comunidade, nesta lamentábel disposición das circunstancias. Con que submisión nos empequenecemos, nos permitimos non ser ata transformarnos en monicreques articulados por mans voraces e insaciábeis. Defendemos a creación dun soldado que quizais nunca foi necesario, porque nos sinalan inimigos onde só hai semellantes. Modifícannos o paso, a velocidade, para que absurdamente apurados e axitados, non sexamos capaces de cuestionar quen e como nos manexa.
Aceptamos pobremente unha norma que nos nega, que nos deshumaniza, en beneficio de feras que manipulan seres humanos coma se fosen meras pezas nun taboleiro. E o máis terríbel é que acabamos por asumir como propio o lugar que nos asignan. A fractura convértese nunha fronteira que defendemos, mesmo cando nos separa daqueles cos que compartimos a mesma fraxilidade, incluso cando nos distancia daqueles cos que poderiamos construír unha forza común capaz de pór en cuestión a orde que nos mantén sometidos e coas espadas erguidas contra quen ten feridas similares ás nosas.
Quizais a primeira forma de resistencia, a primeira posibilidade de atopar un camiño de volta e reverter a deriva vixente, sexa parar. Sentar para frear procesos impostos que nos empurran a renunciar á nosa humanidade sen reparar sequera no prezo que pagamos diariamente ao tempo que alimentamos un odio que, irremediabelmente, acabará por aniquilarnos.
Talvez a primeira rebeldía naza de contemplar a beleza que nunca nos detemos a observar, case invisíbel por cotiá.
Se cadra a silva na que prendemos só intenta axudarnos a non diluírnos.
