A compañía catalá Titzina iniciará no festival a xira estatal de Disección de la bondad en tres actos, unha farsa de investigación sobre os límites entre a verdade, a memoria, a identidade e a mentira; será o venres 30, ás 21.00 horas

Rafael Álvarez, El Brujo, pechará o sábado 31 a programación escénica coa estrea en Galicia de La segunda venida de Cristo o el yoga de Jesús, un monólogo que combina humor, improvisación, música en directo e reflexión espiritual

Esta última semana do FIOT35, do xoves 29 ao sábado 31 de outubro, inclúe un Onda FIOT de Titzina con Daniel Galindo, xornalista cultural de RNE, con entrada libre para todos os públicos, este xoves 29, ás 20.00h, no Pazo da Cultura, e as exposicións Zoom FIOT 2025 e Manuel Lourenzo. A pegada que continúa

Todos os detalles desta 35ª edición do FIOT poden consultarse en www.fiot.gal

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, afronta a súa sexta e última semana de programación coa que será a despedida dunha 35ª edición marcada pola diversidade de linguaxes, a presenza de grandes nomes da escena e o apoio á creación contemporánea. Do xoves 29 ao sábado 31 de outubro, o festival reunirá dúas propostas destacadas: Disección de la bondad en tres actos, da compañía Titzina, que iniciará en Carballo a xira estatal da súa nova montaxe, e La segunda venida de Cristo o el yoga de Jesús, a estrea en Galicia do novo espectáculo de Rafael Álvarez, El Brujo.

A recta final do FIOT comezará este xoves cun encontro de Titzina con Daniel Galindo, xornalista cultural e director do programa La Sala, de RNE, no marco de Onda FIOT – Escola do Espectador nas Ondas. Será ás 2000 horas, no pazo da Cultura de Carballo. O venres, a compañía catalana presentará no Auditorio do Pazo da Cultura a súa nova creación, ás 21.00 horas, unha farsa en tres actos que explora os mecanismos da bondade, o engano e a construción da verdade. O sábado 31 ás 20.00 horas, será a quenda de El Brujo, que pechará o Programa de Sala cun monólogo no que dialogan os evanxeos, a filosofía oriental e a tradición do ioga. A programación completarase cun novo espazo de encontro entre público e compañía e coas exposicións que acompañaron esta edición. Paralelamente, o FIOT acollerá una nova actividade sectorial no marco de festival: una reunión da comisión artística da Rede Galega de Teatros no FIOT, que levarase a cabo en Carballo o venres 30, convocada pola Agadic, coa participación da directora artística do FIOT Carmen Castro, integrante da comisión.

TITZINA REGRESA AO FIOT CON ‘DISECCIÓN DE LA BONDAD EN TRES ACTOS’

A compañía catalá Titzina, referente dunha creación escénica construída a partir da investigación da realidade e dunha mirada poética sobre o comportamento humano, chegará ao FIOT o venres 30 de outubro, ás 21.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura, con Disección de la bondad en tres actos. A montaxe, que se estrea en Galicia, marca o inicio da xira do novo espectáculo da compañía, que regresa a Carballo despois de que o público do festival puidese achegarse ao seu proceso creativo na pasada edición a través dunha lectura dramatizada. 

A obra presenta unha farsa en tres actos arredor da cambiante natureza da verdade. Un mago e o seu axudante recorren a métodos cada vez máis disparatados para cobrar a pensión dunha nai falecida; un agricultor manipula a súa memoria para conseguir unha indemnización millonaria; e un defraudador encantador, que vive baixo múltiples identidades, saquea o seu contorno máis próximo. Tres historias nas que a realidade e a ficción se confunden e nas que os personaxes desafían os límites entre o que aconteceu, o que lembran e o que están dispostos a facer crer. 

Fieis ao seu inconfundible estilo, Diego Lorca e Pako Merino constrúen unha viaxe escénica que combina investigación, ironía e poesía para interrogar o público sobre a memoria, a identidade, a mentira e a verdade. A proposta deixa abertas máis preguntas das que resolve e invita a observar ata que punto a bondade, a honestidade e a propia versión dos feitos poden transformarse segundo as circunstancias.

A creación, dirección e interpretación corresponden a Diego Lorca e Pako Merino, con dramaturxia de Lorca, escenografía de Luis Crespo, vestiario de Sergi Cerdán, deseño de iluminación de Jordi Thomàs e música e espazo sonoro de Arnau Obiols.

UN ENCONTRO CO PROCESO CREATIVO DE TITZINA

Como antesala da función, o xoves 29 de outubro, ás 20.00 horas, o Salón TV do Pazo da Cultura acollerá unha nova sesión de Onda FIOT – Escola do Espectador nas Ondas, con Titzina e Daniel Galindo, xornalista cultural e director de La Sala, de RNE. O encontro, aberto ao público ata completar a capacidade e sen necesidade de inscrición, permitirá coñecer de primeira man os detalles e os segredos do proceso de creación de Disección de la bondad en tres actos.

A conversa gravarase en directo en formato podcast e incorporarase ao arquivo dixital de Onda FIOT, a iniciativa coa que o festival amplía os seus espazos de mediación e formación de públicos máis alá das funcións presenciais.

ESTREA EN GALICIA DO ÚLTIMO ESPECTÁCULO DE EL BRUJO

O sábado 31 de outubro, ás 20.00 horas, Rafael Álvarez, El Brujo, será o encargado de pechar a programación escénica da 35ª edición do FIOT con La segunda venida de Cristo o el yoga de Jesús, unha proposta que chega por primeira vez a Galicia e que combina humor, palabra, xesto, improvisación, música en directo e reflexión espiritual.

Poucos intérpretes son capaces de converter un escenario baleiro nun universo enteiro. Desde a súa longa experiencia sobre as táboas e a súa conexión directa co público, El Brujo revisita a figura de Xesús desde unha perspectiva pouco habitual, poñendo en diálogo os evanxeos coa filosofía oriental e a tradición do ioga. O espectáculo abre así un espazo para as grandes preguntas sobre a conciencia, a espiritualidade e a condición humana, sen renunciar ao humor nin ao carácter festivo do teatro.

A proposta bebe da tradición dos antigos xograres e da influencia de Dario Fo, combinando reflexión e comicidade nun monólogo no que a palabra, o xesto e a improvisación constrúen un universo escénico propio. A música en directo, a cargo de Javier Alejano, completa unha experiencia que invita a mirar desde outro lugar unha figura esencial da tradición cultural e espiritual. 

Rafael Álvarez asume a interpretación, a creación e a dirección do espectáculo, acompañado pola composición musical e a interpretación en directo de Javier Alejano. A montaxe propón unha aposta arriscada na que o coñecemento, a risa e o xogo escénico conviven para celebrar o poder transformador do teatro.

AS EXPOSICIÓNS ACOMPAÑAN A DESPEDIDA DO FESTIVAL

Durante os tres últimos días do FIOT35, o público poderá visitar no Pazo da Cultura as exposicións Zoom FIOT 2025 e Manuel Lourenzo. A pegada que continúa, abertas de 17.00 a 21.00 horas. A primeira recupera a memoria visual da pasada edición do festival a través das imaxes que documentan espectáculos, artistas e momentos compartidos co público. A segunda rende homenaxe a Manuel Lourenzo, figura fundamental do teatro galego contemporáneo, e convida a descubrir a pegada artística e humana dun creador que marcou varias xeracións da escena galega.

Estas propostas expositivas prolongan o espírito do FIOT máis alá das funcións e reivindican a memoria teatral como parte esencial da vida cultural de Carballo e de Galicia.

UNHA COIDADA SELECCIÓN CO MELLOR DA ESCENA ACTUAL EN CARBALLO

“Cando todo cae, ven ao teatro”. Baixo este lema, chega unha nova entrega do FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, que celebra a súa 35ª edición do 23 de setembro ao 31 de outubro de 2026. Un ano máis, o festival busca reunir o mellor da escena actual en Carballo ao longo de cinco semanas, nun cartel ecléctico no que hai Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, FIOTeen, FIOTiño e Micro-escenas M2.

No programa da 35ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo danse cita nomes imprescindibles da escena galega, española e internacional, como Alba Flores, Alberto Velasco, almealera, Andrés Lima, Carles Sans (fundador de Tricicle), Chévere, a Companhia do Chapitô, Delphine de Vigan, Esther Carrodeguas, Gloria Muñoz, Juan Carlos Fisher, Lúa Mosquetera, María Velasco, Mofa e Befa, Rafael Álvarez, El Brujo, Spinish Circo, Titzina e moitas máis figuras que merece a pena revisitar ou descubrir.

En total, ‘o corazón do teatro en Galicia’ achegará a todos os públicos 43 espectáculos, 8 estreas absolutas, 9 estreas en Galicia, procedentes de dous países (España e Portugal) e 8 comunidades autónomas (Andalucía, Aragón, Cataluña, Comunidade Valenciana,  Comunidade de Madrid, Castela León, Galicia e Illas Baleares).

Á cita con esta nova entrega do FIOT non faltarán tampouco coproducións, residencias artísticas e máis dunha vintena de actividades de mediación de públicos e apoio á creación teatral, como a exposición ZoomFIOT, presentación de libros e coproducións,  gravación en directo dos podcasts do OndaFIOT, os Café con…, un homenaxe a Manuel Lorenzo, lecturas dramatizadas, encontros co público ao rematar a función, a colaboración coa Noite Europea das Persoas Investigadoras, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido ou a entrega do galardón Xograr de Outono a Antonio Porteiro.

Toda a información de horas e venda de entradas está dispoñible na web do festival en www.fiot.gal. O FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro está organizado pola Asociación Telón e Aparte eo Concello de Carballo, co patrocinio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura e a Fundación Luís Calvo Sanz. Un ano máis, conta tamén coa colaboración da Libraría Brañas, Camiño Escena Norte, o Colectivo RPM e o CCA Carballo.

SOBRE O FIOT: 35 ANOS CREANDO TEATRO

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.

Desde hai 35 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.

Nas súas pasadas 34 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 360 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez, El Brujo, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval, Pablo Remón, Andrés Lima…

Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.

2026.10.30.NP-sexta-semana-FIOT35