A Deputación da Coruña explora como a prescrición cultural está a contribuír á saúde e ao benestar

- Experiencias de Galicia, Euskadi e Portugal amosaron como a cultura contribúe ao fortalecemento dos vínculos comunitarios, á saúde mental e á prevención da soidade.
- As participantes destacaron a necesidade de superar os proxectos piloto e avanzar cara a iniciativas con financiamento estable e coordinación sanitaria.
- A xornada propuxo acompañar iniciativas culturais impulsadas desde as propias comunidades, atendendo ás súas necesidades e favorecendo a súa continuidade.
Como pasar de experiencias puntuais de prescrición cultural a iniciativas estables que formen parte das políticas públicas de saúde? Este foi un dos principais retos abordados na xornada Cultura e saúde comunitaria, celebrada hoxe pola Área de Cultura da Deputación da Coruña, que reuniu profesionais de Galicia, Euskadi e Portugal para analizar como a participación cultural pode contribuír á saúde mental, á prevención da soidade non desexada e ao benestar comunitario.
O encontro abordou a prescrición cultural, unha práctica que conecta os recursos culturais cos servizos sanitarios para favorecer o benestar das persoas, e analizou as condicións necesarias para consolidar estas iniciativas, desde a coordinación entre profesionais ata o financiamento e a avaliación de resultados.
Experiencias de Portugal, Euskadi e Galicia
Fátima Vieira, profesora catedrática da Universidade do Porto, presentou o traballo do Consórcio de Prescrição Cultural de Portugal e abordou as evidencias sobre os beneficios da participación cultural para a saúde mental, especialmente en persoas con ansiedade ou estrés. Subliñou que a prescrición cultural debe partir dos profesionais sanitarios e complementar, nunca substituír, os tratamentos médicos. Tamén destacou a necesidade de superar a temporalidade dos proxectos piloto e avanzar cara a políticas públicas con financiamento estable e mecanismos de avaliación.
Pola súa banda, Marta Font Cifré, directora de Estratexia, Consultoría e Innovación Social de K6 Gestión Cultural e directora de Gertu Kultura, compartiu a experiencia desta rede de Euskadi, que conecta equipamentos culturais, entidades sociais e servizos sanitarios. Entre as iniciativas presentadas destacou Kulturatik ekin. Osasun Komunitarioa, desenvolvido con Osakidetza –Servizo Vasco de Saúde– e seis concellos vascos, que promove a participación cultural de persoas maiores para previr a soidade non desexada.
Font incidiu na importancia de ir máis alá da oferta de actividades e crear espazos nos que as persoas establezan vínculos, participen nas decisións e se sintan parte da comunidade. A proximidade, a accesibilidade, a mediación e a continuidade son elementos fundamentais deste enfoque.
A perspectiva galega chegou da man de Mercedes Seoane Bouzas, terapeuta ocupacional, psicóloga e profesora da Universidade da Coruña, que abordou o papel da cultura na saúde mental desde os dereitos, a autonomía e a inclusión social. Seoane defendeu a necesidade de combater o estigma e crear espazos culturais inclusivos nos que as persoas poidan participar sen quedar definidas polo seu diagnóstico.
“As persoas non poden quedar reducidas a un diagnóstico. Necesitan espazos nos que participar, relacionarse e desenvolver os seus intereses, como calquera outra persoa. A cultura pode contribuír a crear esas oportunidades e a que cada quen sexa recoñecido polo que é e polo que pode achegar á comunidade”, sinalou Seoane.
Propostas para integrar cultura e saúde nas comunidades
As intervencións deron paso a unha dinámica de traballo colectivo arredor de dous retos: integrar cultura e saúde en contornas próximas e garantir a continuidade e a sustentabilidade dos proxectos.
Entre as propostas destacou impulsar creacións artísticas desde as propias comunidades, mediante convocatorias a artistas e iniciativas de cinema, teatro ou circo, inclusivas para a veciñanza e acompañadas por profesionais sanitarios, que poidan servir de modelo para outras localidades.
Para garantir a continuidade, as persoas participantes propuxeron identificar as necesidades reais das comunidades e promover liderados locais capaces de manter vivos os proxectos. Tamén se destacou a importancia de dar visibilidade ás experiencias en festivais e outros espazos culturais, favorecendo que inspiren novas iniciativas e xeren unha demanda de participación desde a propia cidadanía.
Con este encontro, a Deputación da Coruña pecha as xornadas de outubro dedicadas á relación entre cultura, acción social e saúde comunitaria, dous espazos de intercambio para explorar novas formas de colaboración e avanzar cara a unha cultura entendida como dereito e conectada coa vida das persoas.
Máis imaxes dispoñibles aquí.

Sobre A Cultura é un Dereito
A acción cultural da Deputación da Coruña
Cultura, cooperación e territorio. A política cultural da Deputación da Coruña desenvólvese ao redor destes elementos, a partir dos cales procuramos axudar a construír unha sociedade viva, dinámica, consciente, orgullosa da súa identidade e sabedora do seu potencial.
Cremos na cultura como ferramenta para a mellora social. E apostamos por traballar, para a conseguir, cos diferentes axentes e actores culturais da nosa sociedade. Cooperamos cos concellos, as entidades e as e os artistas desde o local, desde a proximidade.
Acreditamos firmemente en que a cultura é un dereito. Que alimenta, que nos fai o que somos. O espazo das ideas e dos valores, que non pode reducirse a ornamento. Por iso traballamos. Cultura en todos os concellos, cultura con todas as persoas.
NP_ACEUD_Xornada17O_CulturaESaudeComunitaria

