
Siobhán Armstrong, Su Garrido Pombo e Park Stickney, protagonistas da terceira xornada do Noia Harp Fest
A irlandesa Siobhán Armstrong, a maior autoridade internacional na interpretación da arpa histórica gaélica encordada en metal, ofrecerá un concerto en Santa María A Nova
O Teatro Coliseo Noela acollerá a estrea dunha produción propia do festival, un directo da Banda do NHF xunto á cantautora Su Garrido Pombo, e un concerto do trío do estadounidense Park Stickney
Tras unha xornada dedicada ao talento emerxente e á experimentación sonora, o 13º Noia Harp Fest abordará este venres 31 de xullo tres propostas moi diversas. O festival moverase por diferentes espazos da vila para amosar as múltiples posibilidades do instrumento: desde a recuperación da arpa gaélica do século XVII ata a canción de autor galega ou mesmo o jazz de referencia internacional. A tríade de directos deste venres 31 serán de entrada libre e de balde ata completar a capacidade dos recintos.
A programación comezará ás 19.00 horas na Igrexa de Santa María A Nova coa actuación da irlandesa Siobhán Armstrong, recoñecida internacionalmente como a maior autoridade na interpretación da arpa histórica gaélica encordada en metal. O seu labor foi esencial para que o instrumento fora declarado Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO. Armstrong fundou a Historical Harp Society of Ireland e toca cunha réplica única da arpa do século XVII do Trinity College de Dublín, tallada nun só bloque de madeira de salgueiro e encordada con fíos de latón e prata, utilizando as unllas para obter o timbre orixinal do instrumento.

A partir das 21.00 horas, a actividade trasladarase ao Teatro Coliseo Noela, unha das sedes centrais do evento, para estrear outra das producións exclusivas desta 13ª edición do Noia Harp Fest: o concerto que a Banda do NHF ofrecerá con Su Garrido Pombo. A agruació é unha formación variable que se crea cada ano arredor do festival, xuntando a docentes, estudantes e intérpretes afeccionados para traballar en conxunto. Nesta ocasión, a Banda do NHF achegarase á obra de Su Garrido Pombo, unha das autoras máis orixinais da música galega das últimas décadas. A propia cantautora interpretará en directo algúns dos seus temas máis coñecidos acompañada por dez arpas, con arranxos escritos expresamente para a ocasión por Rodrigo Romaní nos que dialogan recursos acústicos e electrónicos.

Finalmente, contra as 22.00 horas, subirase ao mesmo escenario Park Stickney co seu trío Gustaf, Frederick &Isabel, formado xunto á saxofonista Araxi Karnusian e o baixista Björn Meyer. Formado na Juilliard School e doutorado polo Trinity Laban, Stickney é un dos arpistas máis influíntes do panorama internacional, célebre por revolucionar o papel do instrumento no jazz, ser pioneiro na arpa electroacústica e docente na Royal Academy of Music de Londres. O músico, que actualmente reside en Suíza e compaxina a súa carreira artística co seu labor como bombeiro voluntario, presentará en Noia este proxecto nado en 2015 que combina jazz, rock e música clásica a través de composicións orixinais.

Noia Harp Fest
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) é unha iniciativa promovida por Nalgures Producións e cuxa dirección artística recae na Asociación Cultural Noia Harp Fest. O evento, que se celebra do 29 de xullo ao 1 de agosto, conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e do proxecto Concertos do Xacobeo. Tamén colaboran a Sociedade Cultura Recreativa Liceo de Noia, a Asociación Española de Arpistas (AEDA) e a Deputación Provincial da Coruña e Acción Cultural Española.
AXENDA NOIA HARP FEST PARA O VENRES 31 DE XULLO
31.07, 19.00 horas
Igrexa de Santa María A Nova | Siobhán Armstrong
31.07, 21.00 horas
Teatro Coliseo Noela | Banda do Noia Harp Fest con Su Garrido Pombo
31.07, 22.00 horas
Teatro Coliseo Noela | Park Stickney: Gustaf, Frederick & Isabel Trio
Os tres concertos son de acceso gratuíto e libre ata completar capacidade.
DOSSIER 13º NOIA HARP FEST
Dossier-GAL-NHF-2026-baixa