
Máis de 20 estudantes de arpa, de entre 8 e 18 anos, participarán no V Encontro de Escolas e Alumnado de Arpa de Galicia, que culminará cun concerto a partir das 13:00 horas no Liceo de Noia
Pola noite, o Teatro Coliseo Noela acollerá un espectáculo inédito de arpa e electrónica con Beatriz Martínez e a dj viguesa Acacia Ojea, seguido do directo da escocesa Maeve Gilchrist
A 13ª edición do Noia Harp Fest comeza este mércores 29 coa estrea absoluta deAlén do azul, a peza gañadora do Premio Portus Apostoli de Composición e interpretada pola Real Filharmonía de Galicia co arpista José Antonio Domené como solista. Mentres que o Teatro Coliseo Noela acolle esta noite a xornada inaugural, o festival prepara o seu segundo día cunha programación centrada no talento novo e na experimentación sonora.
A xornada deste xoves 30 comezará no Liceo de Noia co V Encontro de Escolas e Alumnado de Arpa de Galicia, que reunirá a 22 estudantes de entre 8 e 18 anos procedentes de Mayeusis de Vigo, Conservatorio de Torroso en Mos e as Escolas Municipais de Música de Santiago e ETRAD de Vigo.
O Encontro naceu no 2022 coa intencion de estimular o talento emerxente do país ao abeiro do único festival de arpa do noroeste peninsular. Esta reunión de estudantes chegadas de distintos puntos de Galicia permite que poidan, alén de gozar dunha xornada de convivencia e celebración na vila de Noia, ter a ocasión de conversar e coñecer de perto a grandes instrumentistas que actúan no festival. Como colofón, a partir das 13:00 horas o grupo de arpistas ofrecerá un concerto con actuacións individuais e unha obra conxunta dirixida pola figura internacional Maeve Gilchrist.

A sesión nocturna trasladará a actividade ao Teatro Coliseo Noela. A partir das 21:00 horas terá lugar a estrea do proxecto exclusivo da arpista Beatriz Martínez e a artista sonora e dj viguesa Acacia Ojea, un espectáculo que naceu da colaboración entre dous mundos creativos e que fusiona arpa de levas, performance e electrónica.
O punto de partida son composicións orixinais para arpa con raíces na música tradicional. Sobre esa base, Acacia Ojea manipulará o son en tempo real a través de procesos electrónicos. Non se trata dun fondo musical nin dun simple acompañamento, senón dun diálogo aberto á improvisación onde o instrumento acústico se transformará por completo.
Contra as 22:00 horas, será a quenda da escocesa Maeve Gilchrist, solista de referencia a nivel internacional, recoñecida por revolucionar a arpa celta mediante a hibridación do folclore tradicional co jazz e a improvisación. O seu aclamado álbum ‘The Harpweaver’, descrito por The New York Times como “unha sofisticada mestura de folk e jazz”, foi cualificado pola crítica como “unha obra mestra da música de cámara moderna”.
Noia Harp Fest
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) é unha iniciativa promovida por Nalgures Producións e cuxa dirección artística recae na Asociación Cultural Noia Harp Fest. O evento, que se celebrará do 29 de xullo ao 1 de agosto, conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e do proxecto Concertos do Xacobeo. Tamén colaboran a Sociedade Cultura Recreativa Liceo de Noia, a Asociación Española de Arpistas (AEDA) e a Deputación Provincial da Coruña e Acción Cultural Española.
AXENDA XOVES 30 DE XULLO
30.07, 13.00 horas
Liceo de Noia | V Encontro de Escolas e Alumnado de Arpa de Galicia
30.07, 21.00 horas
Teatro Coliseo Noela | Beatriz Martínez e Acacia Ojea
30.07, 22.00 horas
Teatro Coliseo Noela | Maeve Gilchrist
Os tres concertos son de acceso gratuíto e libre ata completar capacidade.