Saibran prepara a publicación dunha triloxía, cuxo primeiro disco, Atardecer harmonioso con gotas de primavera, verá a luz o 5 de decembro

Cibrán García (Boyanka Kostova) lidera un proxecto musical singular no que se acompaña de dous integrantes de Mundo Prestigio tanto na batería coma no baixo analóxicos: Julián Goicoa e Fiz García

Saibran dará a coñecer este venres 14 Meu, o segundo avance do primeiro álbum da triloxía; un tema no que contrapón a actitude do rap máis descarado coa fraxilidade emocional e a introspección

Saibran, o novo proxecto musical conformado por Cibrán García (Boyanka Kostova) e por Julián Goicoa e Fiz García (integrantes de Mundo Prestigio), publicará unha triloxía da man de Tremendo Audiovisual. Tres discos diferentes, cada un cun estilo e temática perfectamente identificable e, ademais, asinado por distintos produtores.

A triloxía de Saibran percorre os sons, ritmos e acontecementos que agroman desde as vivencias cotiás até os momentos de introspección. Parte de cuestións liviás e da retranca para avanzar, con cada disco, cara a pensamentos máis serios e fondos.  Esta evolución da tríade transita, temporalmente, desde o solpor (primeiro disco) até o amencer (o terceiro): as cavilacións desenvólvense na medida que avanza a xornada de quen sae da súa casa contra última hora da tarde, sen máis pretensión que ver ás amizades pero que, cando regresa, xa alboreceu.

O primeiro, titulado Atardecer harmonioso con gotas de primavera, e que verá a luz antes do Nadal -concretamente o 5 de decembro-, abrangue as horas desde a saída da casa até o inicio da madrugada. Producido por Mundo Prestigio, o disco -a nivel estilístico, o que se achega ao rap máis clásico, con 90-100 BPM-, que conta no numerosos instrumentos gravados analóxicamente, aborda cuestións máis cotiás, do día a día. 

Atardecer harmonioso con gotas de primaveradará paso ao segundo álbum da tríade. Un traballo máis escuro e cru, menos melódico, producido por Møu (DKTC, Lumedoloop), e que se achega a estilos coma o trap ou electrónica. Un transo que amosa o que pasou ao longo da noite, e deixa entrever o que podería pasar a continuación; e á vez o paso cara a temas máis fondos. Finalmente, o peche da triloxía de Saibran conta con Juait e crnds na produción. Este terceiro disco, que recolle a última parte da noite, destaca pola experimentación electrónica.

Meu, novo avance de Atardecer harmonioso con gotas de primavera

Este venres 14 de novembro Saibran lanzará ao mundo Meu,un novo avance do seu primeiro álbum. Se no pasado outubro publicaba Durmir é para covardes, unha canción para insomnes creadas co desvaríos que trae o desvelo; desta quenda, con Meu, contrapón a actitude do rap máis descarado coa fraxilidade emocional e a instrospección. “Teño cheo o cenicero, cada calada unha neurona menos, cada colilla un problema que enterro, queda gardada dentro do cerebro, teño que facelo si non me quebro e…” canta Saibran, quen xoga coa dualidade e rima ao compás das cousas propias da vida, sexan de noite ou de día. 

Doulle caña ao corpo que inda non tou morto“. Cunha base de Møu, Meu é un tema escuro e sucio. É nocturno e é (en) directo. Achégase ao máis fondo mais, se cabe, tamén abre a porta a un novo inicio. 


Pregarda Meu: https://orcd.co/saibranmeu

20251113-SAIBRAN-TRIOLOXIA-E-MEU