O rapeiro santiagués Cibrán García (Boyanka Kostova) prepara o lanzamento da súa proposta máis persoal e experimental da man do selo galego Tremendo Audiovisual

O álbum debut de Saibran,  proxecto do que tamén forman parte o baixista Julián Goicoa e o batería Fiz García, verá a luz antes do Nadal

Durmir é para covardes. Unha sátira e declaración de intencións desenfadada, unha canción para insomnes creadas co desvaríos que trae o desvelo, é a proposta coa que se presenta o novo proxecto de rap galego Saibran.  A súa carta de presentación xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais.

Saibran é o novo proxecto musical -e persoal- de Cibrán García, o rapeiro santiagués, tamén coñecido por ser o 50% de Boyanka Kostova. A proposta agroma da creatividade inxente do artista, da súa necesidade de experimentar e de colaborar con outros nomes da escena. Unha voz sen ataduras que se nos amosa tan introspectiva como reivindicativa e que, nesta andaina, acompáñase doutras dous figuras chave: Julián Goicoa, baixista, e Fiz García, batería.

O seu primeiro sinxelo, Durmir é para covardes, expón e retrata, dalgún xeito, as liñas principais do proxecto. Humor, diversión e experimentación son os piares dun tema no que a realidade trasnoitada se mestura deliberada -e consecuentemente- cos delirios que nacen nos desvelos. Un sinxelo que engloba a alma de Saibran, tanto a nivel sonoro como letrístico.

Este é o primeiro avance dun traballo que verá a luz, da man do selo galego Tremendo Audiovisual, antes do Nadal, e que contará coa colaboración de nomes como Juait, crnds e Møu. A estrea de Saibran ao vivo chegará no mes de decembro para sorprender ao público cun directo dinámico, con instrumentación de baixo e batería, que irá do máis orgánico e analóxico á electrónica máis pura.



Escoita Durmir é para covardes: https://orcd.co/saibran_durmir