ESTE TEMA MARCA UN NOVO COMEZO NA CARREIRA DA ARTISTA
Alizza volta con forza a atoparse coa súa música en Candles, o seu novo sinxelo. Nel, a madrileña busca levar ao público a eses momentos de cansazo emocional nos que estás rodeada de xente, mais sénteste soa. Baixo ese contexto, é onde aparece unha persoa que non encaixa nese baleiro e representa esa calma no medio do ruído, que fai que volvas estar presente. Con estas bases, a cantante presenta un tema que combina ritmos animados de funk con voces máis achegadas ao soul, onde, desde a vulnerabilidade, expresa o importante que é atopar a esa persoa que che dá luz pero que non te rescata, senón que te inspira a mirarte con máis amor e comezar a sandar desde dentro.
Durante o proceso de composición, Alizza viviu momentos complexos e á vez reveladores, nos que sentía que debía xustificarse por non encaixar en certos espazos, pero eses pensamentos fóronse disolvendo e aclarando a medida que foi atopando esa luz de quen che fai sentir como na casa. Tras anos buscando novos sons e novas formas de canalizar a súa música, a cantante recoñece que nunca deixou de compoñer, e que tras un tempo de introspección que a mantivo afastada dos focos e os escenarios, a música sempre estivo con ela, nunca desaparecendo, senón máis ben cambiando de lugar e contexto.
Candles vén acompañado dun videoclip realizado por Rare Audiovisual e dirixido por Omar Romero, no que se representa a tres versións dunha mesma persoa que configuran tres etapas distintas da vida, simbolizando a importancia de coidar, respectar e terlle agarimo tanto á nena que fuches como á muller na que te converterás. Unha reflexión de amor propio e un proceso de aprendizaxe nos auto-coidados que chegou da man desa persoa que che achega luz, e que te convida á reconciliación contigo mesma.
MÁIS SOBRE ALIZZA
Fusionando sons do pop alternativo e R&B contemporáneo xorde a figura de Alizza, unha das voces emerxentes máis prometedoras da escena. Con sensibilidades introspectivas, a artista madrileña constrúe atmosferas envolventes que se complementan con letras intimistas para servir de voz ás novas xeracións. Irrompendo con forza no panorama, Alizza faise oco con producións modernas e traballadas que se afastan do establecido con personalidade.
Tras os seus primeiros sinxelos publicados, nos que traballou man a man na produción dos temas xunto ao seu pai, Pulpul, cantante da banda Ska-P, a artista está a traballar nos seus seguintes traballos, buscando que a personalidade e calidade das súas producións siga afianzando a súa condición como un dos grandes talentos da escena emerxente estatal.
20251017-NP-GAL-LAZAMENTO-CANDLES-ALIZZA