O FIOT retoma a estrea absoluta de ‘Territorio Regueifa’, que terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo o 6 de febreiro

‘Territorio Regueifa’ é unha coprodución do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo xunto a Ainé Producións e o Centro Dramático Galego, dirixida por José L. Prieto e protagonizada por Manolo Maseda, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira

A proposta quere levar a maxia da improvisación oral a novos públicos, consolidando a regueifa como un patrimonio vivo, capaz de unir humor, emoción e coñecemento nun espectáculo participativo e festivo

As entradas para a obra, cuxa representación terá lugar o venres 6 de febreiro, ás 21.00h, no Auditorio do Pazo, estarán dispoñibles no mes de xaneiro 

A estrea da peza houbo de ser cancelada o pasado mes de outubro, no marco da 34ª edición do FIOT, por unha baixa médica dun dos intérpretes, que está xa recuperado

O FIOT retomará en febreiro de 2026 a estrea absoluta do espectáculo Territorio Regueifa, que terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo o venres, 6 de febreiro, ás 21.00h. A peza é unha coprodución do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo xunto a Ainé Producións e o Centro Dramático Galego, dirixida por José L. Prieto e protagonizada por Manolo Maseda, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira.

A estrea da peza houbo de ser cancelada o pasado mes de outubro, no marco da 34ª edición do FIOT, por unha baixa médica dun dos intérpretes, que está xa recuperado. As entradas para a función, quere levar a maxia da improvisación oral a novos públicos, consolidando a regueifa como un patrimonio vivo, capaz de unir humor, emoción e coñecemento nun espectáculo participativo e festivo, estarán dispoñibles no mes de xaneiro.

SOBRE ‘TERRITORIO REGUEIFA’

Combinando o xeito de regueifar, a retranca e a música cos códigos do teatro de proximidade, tres recoñecidos regueifeiros e músicos traen á escena unha forma moi nosa de humor e crítica social, achegando ao público de hoxe a historia, o oficio, e o mundo desta ancestral expresión cultural.

Carballo e Bergantiños son recoñecidas pola riqueza do seu patrimonio cultural inmaterial e, en particular, do oral, que forma parte da nosa identidade. En Carballo, a regueifa mantense viva cos regueifeiros tradicionais e con proxectos de revitalización. O FIOT non pode ser alleo a explorar este Territorio Regueifa, unha inédita e ambiciosa proposta escénica que pon en valor este xénero artístico que consiste en manter unha disputa dialéctica improvisada en verso entre varios participantes e que está en consonancia co lema desta edición do FIOT, a raíz como orixe da identidade propia e colectiva.

Improvisación, humor, música, teatro e a “chispa” e espírito festivo propio da regueifa configuran un espectáculo total! A responsable do proxecto é Ainé, a produtora dirixida por Xosé Antonio Touriñán cunha década de experiencia na creación de espectáculos de artes escénicas pensando no público e comprometidos coa lingua e a cultura de Galicia. O divertimento está, sen dúbida, asegurado.

MÁIS DE TRES DÉCADAS CREADO TEATRO DESDE CARBALLO: O FIOT

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega. 

Desde hai 34 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas. 

Nas súas pasadas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…

Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros. 

MÁIS INFORMACIÓN

www.fiot.gal

2025.12.15.NP-Territorio-Regueifa-FIOT34

Representación do espectáculo teatral ESTAREI ATÉ A FIN, de Zoe Iriarte, a cargo do grupo Zoevixión na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a representación do espectáculo de teatro expresivo ESTAREI ATÉ A FIN, de Zoe Iriarte, a cargo do grupo ZOEVIXIÓN. 

O acto é posible grazas a financiación e patrocinio da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da convocatoria do Circuíto de Teatro Profesional 2025.

O evento terá lugar o sábado 20 de decembro de 2025, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba.

Estarei até a fin 

Teatro xestual. Público a partir dos 14 anos. 

Duración: 30-45 min. 

NOTA-INFORMATIVA-ZOE-VIXION

O espectáculo ESPERTA O RINOCERONTE, de Marián González, a cargo do grupo Nao Caracola no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza o espectáculo ESPERTA O RINOCERONTE, de Marián González, a cargo do grupo NAO CARACOLA. 

O acto é posible grazas a financiación e patrocinio da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da convocatoria do Programa MÓVETE 2025.

O evento terá lugar o venres 19 de novembro de 2025, ás 19:00 horas, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba.

Actriz-titiriteira: Marián González – Dirección: Manuel Román – Música orixinal: Jesús Lana Celaya – Escenografía e marionetas: Marián González – Dramaturxia: Manuel Román e Marián González – Público: Todos os públicos. Preferentemente a partir de 6 anos. – Produción: Nao Caracola – Duración: 40 min.

NOTA-INFORMATIVA-ESPERTA-O-RINOCERONTE

PANOSEDÁN (Pilocha, Lis Latas e Pablo González) en concerto este sábado na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 13 de decembro, às 20 h, na Casa-Museo Manuel María acolleremos o concerto de PANOSEDÁN. O trío conformado por PILOCHA, LIS LATAS E PABLO GONZÁLEZ presentan o seu traballo discográfico Rosas e cravos.

Nel recollen pezas do noso patrimonio popular galego-portugués e poemas musicalizados, moi populares, da nosa literatura. Música onde se combina tradición, emoción e novas sonoridades moi populares. Así poderemos escoitar Romance de don Gaiferos; Quen puidera namorala; Menina estás à janela;  Adiós ríos, adiós fontes; O alecrín; Dá-me uma gotinha de água; Lela; Señora do Almortão; Unha noite na eira do trigo; e O sacristán de Coimbra.

Para asistir ao concerto é necesario reservar (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

Andanzas do Suso de Lameliña A MAURACA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

A MAURACA

Suspendida no val do río Poqueira, coma un branco eirado que se ergue a 1500 m de altitude, destaca Capileira, un deleite para a vista e un bálsamo para o espírito. Ao fondo a sombra protectora dos dous grandes xigantes de Serra Nevada —Mulhacén e Veleta— engade grandeza e solemnidade a unha paisaxe que namora.

Nesta comarca granadina das Alpujarras latexa a memoria galega que se remonta a máis de catro séculos, cando chegaron familias enteiras procedentes de Galicia, como consecuencia da repoboación levada a cabo no reinado de Felipe II, tras a expulsión dos mouriscos.

Deste feito dan boa conta os numerosos apelidos que aínda hoxe resoan entre os vales e os pobos brancos da serra: Castro, Souto, Varela, Freire, Barreiro, Figueroa…

Pero a chegada dos galegos ás Alpujarras non só foi un movemento demográfico, foi tamén un acto de mestizaxe cultural nesta terra, xa por aquela, lugar de encontro de culturas. Un exemplo é o magosto que se celebra en Capileira.

Como na maioría do rural de España, tamén aquí a xente nova viuse na obriga de abandonar a súa terra e emprender o camiño da emigración na procura dunha vida máis digna. Mais hai un día no ano, o primeiro de novembro onde regresan todos para participar comunitariamente na “Mauraca”, vocablo que provén do término local “maurar” que significa asar castañas.

Familias e visitantes xúntanse para asar castañas nas fogueiras e beber anís, como herdanza dos poboadores que chegados do noroeste da Península trouxeron o costume do magosto. Máis ca unha festa, é un rito colectivo que mantén viva a memoria daqueles galegos que hai séculos sementaron nestas terras vidas novas —os castiñeiros—, que arraigaron na serra, ao igual que os seus amos e, que aínda hoxe, seguen a dar o seu froito: un símbolo de unión entre Galicia e as Alpujarras.