A función, protagonizada por Aída Tarrío (Tanxugueriras), Martín Mondragón (Mondra), Cristina Canosa e Fran Sieira, poderá verse mañá xoves, 4 de setembro, a partir das 19.30 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo, con entrada gratuíta ata completar a capacidade da sala
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, presentará mañá xoves, 4 de setembro, a programación completa da súa 34ª edición. A cita será a partir das 19.30 horas no Auditorio do Pazo da Cultura e contará coa participación Alberto Sueiro, presidente da AC Telón e Aparte; Luciano Calvo, presidente da Fundación Luis Calvo Sanz; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega Industrias Culturais (AGADIC); Maruxa Suárez, concelleira de Cultura do Concello de Carballo; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; José López, conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia; e Evencio Ferrero, alcalde do Concello de Carballo, que estarán acompañados por socios de Telón e Aparte, voluntarios do FIOT, entidades colaboradoras, produtoras, compañías e artistas participantes, grupos socioculturais de Carballo, prensa e outros convidados.
O acto está aberto a todos os públicos que desexen sumarse, xa que, como novidade neste 2025, o espectáculo Un baile ceibe, de Fran Sieira Compañía de Danza, poderá verse no Pazo da Cultura de Carballo durante o acto de presentación do #FIOT34, con entrada libre ata completar a capacidade da sala. A peza está protagonizada por Aída Tarrío (Tanxugueriras), Martín Mondragón (Mondra), Cristina Caonosa e Fran Sieira.
Este acto é o primeiro encontro do FIOT neste 2025 cos espectadores, cos socios de Telón e Aparte, co voluntariado do festival e coas institucións e entidades colaboradoras para presentarlles directamente a nosa 34ª edición. Visibilizando o lema desta edición, a raíz como forza conformadora da nosa identidade propia e colectiva, a relevancia da memoria e do noso patrimonio como nutrientes esenciais que fundamentan o noso futuro, contaremos cun espectáculo en directo dunha das compañías galegas de danza máis interesantes do momento, Fran Sieira Compañía de Danza.
Na aposta do festival polo apoio e a visibilización do talento local a través da apertura a proxectos participativos, acompañarán á compañía no escenario unha vintena de bailadoras de grupos de entidades culturais de Carballo, membros de grupos de grupos de Baile tradicional da Asociacións Nemeth e do Alprende, que asistiron a un obradoiro previo impartido polo coreógrafo.
SOBRE O ESPECTÁCULO
Un baile ceibe é unha peza coreográfica para espazos non convencionais de 25 minutos de duración, con dirección artística de Fran Sieira e Sergio R. Suárez. Executada por catro intérpretes, conta con música de MounQup (Camille Hedouin), a partir de cancións de Carlos Quintá, e coa colaboración de Úrsula Rial. O vestiario é de Vestuario de Érica Oubiña, cunha colaboración especial de Eferro. Na súa posta en escena na presentación do FIOT34, participarán, tamén, bailadoras de Carballo.
Un baile ceibe traballa sobre o xénero e as súas maneiras de operar en diferentes ámbitos da cotianidade, incluíndo, por suposto, unha manifestación cultural tan importante como o baile tradicional galego. Trátase de entender que é o xénero para nós como individuos, como colectivo e tamén como sociedade. A peza peflexiona sobre as categorías de xénero e os seus estereotipos impostos socialmente, para establecer distancia coa normatividade e arrastrala cara ás marxes, cara á disidencia, para, desde aí, propoñer e construír novas formas de entender o corpo e o movemento. Asimesmo, Cuestiona as identidades de xénero normativas e hexemónicas, para comprender e compartir que o xénero opera sobre todos os corpos, e así poder abordar o tema desde unha perspectiva feminista e en relación coas cuestións LGTBIQ+.
Fran Sieira é un bailador de longa traxectoria no ámbito tradicional e tamén graduado en danza contemporánea. Fundamenta o seu traballo nunha revisión do tradicional desde un marco contemporáneo, creando unha linguaxe de vangarda. A través da creación colectiva, achega proxectos artísticos con vocación social.
CONVOCATORIA DE PRENSA
PRESENTACIÓN OFICIAL DO 34º FIOT Xoves, 4 de setembro, ás 19.30 horas, no Pazo da Cultura de Carballo
ACTO ABERTO AO PÚBLICO Coa representación especial da función Un baile ceibe, de Fran Sieira Compañía de Danza ENTRADA LIBRE PARA TODOS OS PÚBLICOS ATA COMPLETAR A CAPACIDADE DA SALA
A canción do verán chega en setembro. Da mixtión entre as raíñas das feiras e o rei das verbenas agroma unha peza bailable, luminosa e que zumega a calidez das noites estivais. Chega RosaLinda, a primeira colaboración que De Ninghures e Ortiga gravan no estudio e na que o amor fía e reborda cada compás.
O novo tema, no que non faltarán os elementos máis recoñecibles dos dous proxectos musicais, estará dispoñible a partir das 00.00 horas deste venres, 5 de setembro, nas principais plataformas dixitais. A canción, ademais, acompañarase dun vídeoclip dirixido por Lorenzo Negueruela, creador que traballa habitualmente coas dúas formacións, e que se poderá ver na canle de Youtube de De Ninghures.
DE NINGHURES
De Ninghures fan música cos pés na terra e os brazos abertos. Son unha das bandas referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí.
En 2022 a banda publicou Aquí, o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e algúns sinxelos despois – coma o exitoso Morena, galardoado como Mellor Música do Ano en Galicia nos Premios Ari(t)mar-, De Ninghures lanza en febreiro de 2025 Feira, un disco no que a formación traballa coa tradición popular galega dun xeito artesanal, cunha sonoridade e discurso moi característico, para levala á escena actual e presentar unha Feira do século XXI.
Terá lugar unha ofrenda floral ao pé da súa escultura, así como un recital poético popular, aberto a toda a xente que queira participar con poesías, cancións ou calquera outro texto relacionado co gran poeta chairego.
O apartado musical correrá a cargo de CARLOS GÓMEZ OSA.
· SÁBADO 13 DE SETEMBRO – ÁS 20:00 HORAS
NO AUDITORIO MUNICIPAL (Entrada de balde. Haberá que facer a correspondente reserva ben na páxina web do Concello, ben na Casa da Cultura de Vilalba)
Lisasinson, The Homens, Rata Negra, Playa Nudista, The High Learys, Naitinain e Pidechas o corpo o sábado e De Ninghures e Orquesta Neverloura o domingo completan o cartel do festival que se celebra os vindeiros 27 e 28 de setembro en Sigüeiro.
O de Oroso é un festival con estilo. Con personalidade. Ano tras ano o Psicotroita fai a súa maxia e mestura artistas de aquí e de acolá para ofrecernos o seu cóctel particular. Un que sabe guitarreiro, a garaxe, a power pop, a rock&roll, a psicodelia, a sofás de herba seca, á agulla do vinilo. O que ten de vintage, que algo ten, tamén o ten de presente e de futuro. Este ano celebra décimo aniversario e faino expandido datas, dous días, e contidos.
O festival comezará o sábado 27 e será esta a xornada na que poidamos ver de novo aos número un do power pop galego, The Homens. Un concerto reunión que fai do de Oroso un escenario único que compartirán con grupos emerxentes do noso pop rock como Naitinain. O punki-pop luminoso das valencianas Lisasinson, a mordacidade dos madrileños Rata Negra, a psicodelia garaxeira dos australianos The High Learys, as vibracións surfeiras e sesenteras das arxentinas Playa Nudista e a sesión de picadiscos de Pídechas o corpo completan o cartel do día grande do Psicotroita.
Para o domingo 28 a cita de Oroso propónnos unha sesión vermú expandida e desenfadada na que poderemos bailar coa Feira dun dos grupos do momento, De Ninghures e co divertido espectáculo dos vigueses Orquesta Neverloura. Dous días de música e gastronomía para festexar estes dez anos dun festival que destaca polo seu estilo pero tamén polo seu carácter familiar e pola comodidade da súa ubicación nun espazo verde e aberto como é a Area Recreativa do Paseo do Carboeiro. Como cada ano, contará con postos de comida populares, con menús vegano ou sen glute, e con zonas para sentar a xantar á sombra sen ter que perder de vista o escenario.
O Psicotroita 2025 está patrocinado polo Concello de Oroso, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña e conta co apoio de Deleite – a marca de Leite Noso que ano tras ano continúa a súa aposta pola cultura galega – de Vibra Mahou – a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas, que impulsa experiencias cinco estrelas en torno ao directo – e das Bodegas Lodeiros. A cita que medra e fideliza público dende 2012 ofrecendo singularidade e personalidade, o festival co que comezar ben o outono, é de balde e celébrase a partir da unha da tarde os vinderios 27 e 28 de setembro, en Sigüeiro.