A canción do verán chega en setembro. Da mixtión entre as raíñas das feiras e o rei das verbenas agroma unha peza bailable, luminosa e que zumega a calidez das noites estivais. Chega RosaLinda, a primeira colaboración que De Ninghures e Ortiga gravan no estudio e na que o amor fía e reborda cada compás.

O novo tema, no que non faltarán os elementos máis recoñecibles dos dous proxectos musicais, estará dispoñible a partir das 00.00 horas deste venres, 5 de setembro, nas principais plataformas dixitais. A canción, ademais, acompañarase dun vídeoclip dirixido por Lorenzo Negueruela, creador que traballa habitualmente coas dúas formacións, e que se poderá ver na canle de Youtube de De Ninghures.

 DE NINGHURES

De Ninghures fan música cos pés na terra e os brazos abertos. Son unha das bandas referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí. 

En 2022 a banda publicou Aquí, o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e algúns sinxelos despois – coma o exitoso Morena, galardoado como Mellor Música do Ano en Galicia nos Premios Ari(t)mar-, De Ninghures lanza en febreiro de 2025 Feira, un disco no que a formación traballa coa tradición popular galega dun xeito artesanal, cunha sonoridade e discurso moi característico, para levala á escena actual e presentar unha Feira do século XXI. 

Pregarda RosaLindahttps://links.altafonte.com/rosalinda-deninghures-ortiga 

20250903-NP-De-Ninghures-Ortiga-_-ROSALINDA