A función, protagonizada por Aída Tarrío (Tanxugueriras), Martín Mondragón (Mondra), Cristina Canosa e Fran Sieira, poderá verse mañá xoves, 4 de setembro, a partir das 19.30 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo, con entrada gratuíta ata completar a capacidade da sala

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, presentará mañá xoves, 4 de setembro, a programación completa da súa 34ª edición. A cita será a partir das 19.30 horas no Auditorio do Pazo da Cultura e contará coa participación Alberto Sueiro, presidente da AC Telón e Aparte; Luciano Calvo, presidente da Fundación Luis Calvo Sanz; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega Industrias Culturais (AGADIC); Maruxa Suárez, concelleira de Cultura do Concello de Carballo; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; José López, conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia; e Evencio Ferrero, alcalde do Concello de Carballo, que estarán acompañados por socios de Telón e Aparte, voluntarios do FIOT, entidades colaboradoras, produtoras, compañías e artistas participantes, grupos socioculturais de Carballo, prensa e outros convidados. 

O acto está aberto a todos os públicos que desexen sumarse, xa que, como novidade neste 2025, o espectáculo Un baile ceibe, de Fran Sieira Compañía de Danza, poderá verse no Pazo da Cultura de Carballo durante o acto de presentación do #FIOT34, con entrada libre ata completar a capacidade da sala. A peza está protagonizada por Aída Tarrío (Tanxugueriras), Martín Mondragón (Mondra), Cristina Caonosa e Fran Sieira.

Este acto é o primeiro encontro do FIOT neste 2025 cos espectadores, cos socios de Telón e Aparte, co voluntariado do festival e coas institucións e entidades colaboradoras para presentarlles directamente a nosa 34ª edición. Visibilizando o lema desta edición, a raíz como forza conformadora da nosa identidade propia e colectiva, a relevancia da memoria e do noso patrimonio como nutrientes esenciais que fundamentan o noso futuro, contaremos cun espectáculo en directo dunha das compañías galegas de danza máis interesantes do momento, Fran Sieira Compañía de Danza.

Na aposta do festival polo apoio e a visibilización do talento local a través da apertura a proxectos participativos,  acompañarán á compañía no escenario unha vintena de bailadoras de grupos de entidades culturais de Carballo, membros de grupos de grupos de Baile tradicional da Asociacións Nemeth e do Alprende, que asistiron a un obradoiro previo impartido polo coreógrafo. 

SOBRE O ESPECTÁCULO

Un baile ceibe é unha peza coreográfica para espazos non convencionais de 25 minutos de duración, con dirección artística de Fran Sieira  e Sergio R. Suárez. Executada por catro intérpretes, conta con música de MounQup (Camille Hedouin), a partir de cancións de Carlos Quintá, e coa colaboración de Úrsula Rial. O vestiario é de Vestuario de Érica Oubiña, cunha colaboración especial de Eferro. Na súa posta en escena na presentación do FIOT34, participarán, tamén, bailadoras de Carballo.

Un baile ceibe traballa sobre o xénero e as súas maneiras de operar en diferentes ámbitos da cotianidade, incluíndo, por suposto, unha manifestación cultural tan importante como o baile tradicional galego. Trátase de entender que é o xénero para nós como individuos, como colectivo e tamén como sociedade. A peza peflexiona sobre as categorías de xénero e os seus estereotipos impostos socialmente, para establecer distancia coa normatividade e arrastrala cara ás marxes, cara á disidencia, para, desde aí, propoñer e construír novas formas de entender o corpo e o movemento. Asimesmo, Cuestiona as identidades de xénero normativas e hexemónicas, para comprender e compartir que o xénero opera sobre todos os corpos, e así poder abordar o tema desde unha perspectiva feminista e en relación coas cuestións LGTBIQ+.

Fran Sieira é un bailador de longa traxectoria no ámbito tradicional e tamén graduado en danza contemporánea. Fundamenta o seu traballo nunha revisión do tradicional desde un marco contemporáneo, creando unha linguaxe de vangarda. A través da creación colectiva, achega proxectos artísticos con vocación social.

CONVOCATORIA DE PRENSA

PRESENTACIÓN OFICIAL DO 34º FIOT
Xoves, 4 de setembro, ás 19.30 horas,
no Pazo da Cultura de Carballo


ACTO ABERTO AO PÚBLICO
Coa representación especial da función Un baile ceibe, de Fran Sieira Compañía de Danza
ENTRADA LIBRE PARA TODOS OS PÚBLICOS ATA COMPLETAR A CAPACIDADE DA SALA 

2024.09.03.RP-Presentacion-FIOT34