Lisasinson, The Homens, Rata Negra, Playa Nudista, The High Learys, Naitinain e Pidechas o corpo o sábado e De Ninghures e Orquesta Neverloura o domingo completan o cartel do festival que se celebra os vindeiros 27 e 28 de setembro en Sigüeiro.

O de Oroso é un festival con estilo. Con personalidade. Ano tras ano o Psicotroita fai a súa maxia e mestura artistas de aquí e de acolá para ofrecernos o seu cóctel particular. Un que sabe guitarreiro, a garaxe, a power pop, a rock&roll, a psicodelia, a sofás de herba seca, á agulla do vinilo. O que ten de vintage, que algo ten, tamén o ten de presente e de futuro. Este ano celebra décimo aniversario e faino expandido datas, dous días, e contidos.

O festival comezará o sábado 27 e será esta a xornada na que poidamos ver de novo aos número un do power pop galego, The Homens. Un concerto reunión que fai do de Oroso un escenario único que compartirán con grupos emerxentes do noso pop rock como Naitinain. O punki-pop luminoso das valencianas Lisasinson, a mordacidade dos madrileños Rata Negra, a psicodelia garaxeira dos australianos The High Learys, as vibracións surfeiras e sesenteras das arxentinas Playa Nudista e a sesión de picadiscos de Pídechas o corpo completan o cartel do día grande do Psicotroita.

Para o domingo 28 a cita de Oroso propónnos unha sesión vermú expandida e desenfadada na que poderemos bailar coa Feira dun dos grupos do momento, De Ninghures e co divertido espectáculo dos vigueses Orquesta Neverloura. Dous días de música e gastronomía para festexar estes dez anos dun festival que destaca polo seu estilo pero tamén polo seu carácter familiar e pola comodidade da súa ubicación nun espazo verde e aberto como é a Area Recreativa do Paseo do Carboeiro. Como cada ano, contará con postos de comida populares, con menús vegano ou sen glute, e con zonas para sentar a xantar á sombra sen ter que perder de vista o escenario.

O Psicotroita 2025 está patrocinado polo Concello de Oroso, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña e conta co apoio de Deleite – a marca de Leite Noso que ano tras ano continúa a súa aposta pola cultura galega – de Vibra Mahou – a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas, que impulsa experiencias cinco estrelas en torno ao directo – e das Bodegas Lodeiros. A cita que medra e fideliza público dende 2012 ofrecendo singularidade e personalidade, o festival co que comezar ben o outono, é de balde e celébrase a partir da unha da tarde os vinderios 27 e 28 de setembro, en Sigüeiro.