WOS Festival x SON Estrella Galicia reactivará Santiago de Compostela cunha extensa programación musical ateigada de estreas a nivel estatal

A oitava edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia reactivará Santiago de Compostela cunha extensa programación musical ateigada de estreas a nivel estatal

  • Catorce premieres de directos e concertos audiovisuais en España e dez iniciativas que se poderán ver por primeira vez en Galicia consolidan WOS Festival no panorama cultural nacional no seu regreso, após un ano de pausa
  • O interese xerado pola volta do festival provocou que o publico esgotase os abonos e practicamente todas as entradas; unicamente quedan billetes dispoñibles para os concertos da noite do venres 12 na Sala Capitol e para os do sábado 13
  • Cora Novoa e Víctor Flores moderarán as mesas redondas O son electrónico de Galicia: unha conversa interxeracional, que contará coa participación de artistas, colectivos e axentes clave da escena da electrónica e de vangarda do país
  • Os produtores galegos Juait e crnds presentarán o Sample Pack que fixeron con Xabier Díaz e ofrecerán un taller co artista no que exporán a aplicación práctica do mesmo nun contexto de produción musical electrónica
  • As sesións de cinema explorarán o papel do son e da música como eixe central da linguaxe cinematográfica a través da proxección dos filmes Free Party: A Folk Story, 32 sounds; The Diary of a Sky + Where the Language Fails Us
  • O proxecto Amplificando a memoria contará cun panel de pensamento no que Belén Bermejo, Yago Portela e Xoán-Xil abordarán o papel do Organsound; e ofrecerá sesións de escoita da man dos selectores Philip Sherburne, Nono e Chago

A oitava edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia reactivará Santiago de Compostela cunha perspectiva única sobre o son e a cultura contemporánea. Do 11 ao 14 de setembro, dez localizacións emblemáticas da cidade acollerán 29 actividades musicais, das cales 14 serán estreas a nivel estatal, e 11 actividades paralelas que, a través de obradoiros, paneis, proxeccións e instalacións pretenden achegar a música electrónica e avant-garde á cidadanía.

A programación do WOS Festival x SON Estrella Galicia espallarase, nesta oitava edición, por dez espazos emblemáticos de Santiago de Compostela. Ás xa coñecidas Sala Capitol e Fundación Laboral da Construción -que acollerán a programación musical nocturna do venres 12 e sábado 13, respectivamente-, e Teatro Principal -no que se celebrarán os concertos de apertura e clausura-, únense Auditorio Abanca, CGAC, Fundación Eugenio Granell, Igrexa da Universidade, NUMAX, Parque de Bonaval e Sede Afundación.

Estas sedes acollerán unha ampla programación musical da que participarán figuras internacionais de primeiro nivel, que presentarán os seus novos directos por primeira vez en terriorio estatal da man do WOS. É o caso do performer exipcio Abdullah Miniawy (Peacock Dreams), Carrier (Rhythm Immortal, con visuais de Riyo Nemeth), da inglesa aya (presenta hexed! con MFO) da escocesa KAVARI (premiere do novo EP que verá a luz este outono), da londinense Klein (con thirteen sense), dos indonesios KUNTARI (con LAHAR), do vibrafonista xaponés Masayoshi Fujita (Migratory), do angoleño Nazar (Demilitarize), dos norteamericanos Purelink (con Faith), da tríade Saint Abdullah, Eomac & Rebecca Salvadori (coa súa performance audiovisual A Forbidden Distance) e Los Thutanaka, que actúan por primeira vez en Europa; ademais dos concertos audiovisuais de Sara Persico & Mika Oki (Sphaîra), do inglés Rainy Miller (Joseph, What Have You Done?) e do exipcio ZULI (Lambda).

No ámbito galego, as catalás Tarta Relena estrearán o seu último álbum, És Pregunta; ao igual que farán o dúo ucraíno Heinali & Andriana-Yaroslava Saienko, presentando Гільдеґарда, e a norteamericana Niecy Blues con Exit Simulation. Nomes moi destacados a nivel internacional tamén visitarán Santiago de Compostela cos seus novos traballos (é o caso de Beatrice Dillon, Lord Spikheart ou Simo Cell); e tamén será a estrea en Galicia da proposta inmersiva In uno spazio immenso, o primeiro proxecto colaborativo entre Grand River & Abul Mogard e que conta co deseño de luces de MFO (Marcel Weber).

Finalmente, selectores como Batu, CCL, Djrum e Objekt completarán os proxectos internacionais do WOS Festival, unha ampla e diversa escolma -tanto de orixes coma de xéneros- referendada polas principais publicacións da escena, e na que tamén haberá unha representación de artistas do país. É o caso de Carme López (quen abrirá o concerto inaugural no Teatro Principal este xoves 11) e das tres propostas que o público poderá gozar no Parque de Bonaval o sábado 13: Bflecha b2b Mwëslee, Ivy Barkakati b2b Breixo Martínez e Malandrómeda & Caamaño.

Programación paralela de actividades

En paralelo a súa programación musical, WOS Festival x SON Estrella Galicia contará con obradoiros, paneis de discusión, instalacións, sesións de escoita e proxeccións de cinema; unha ambiciosa oferta de iniciativas que o festival lanza para achegar a música electrónica e de vangarda ao público.

A primeira das iniciativas terá lugar tanto o venres 12 coma o sábado 13 no CGAC. Trátase da proposta O son electrónico de Galicia: unha conversa interxeracional, posta en marcha na anterior edición do WOS Festival e que pretende ofrecer unha ollada coral ao presente e pasado recente da electrónica galega. O panel reúne artistas, colectivos, selos e axentes clave coa intención de compartir perspectivas e abrir un espazo de diálogo que fortaleza a memoria e a proxección dunha escena diversa e viva: a galega.

A iniciativa desenvolverase a través de dúas mesas que terán como moderadores a dúas figuras imprescindibles no país: Cora Novoa e Víctor Flores. No primeiro dos paneis (venres 12, ás 16:00h) participarán Certain People, Rea di Mae (Vértebra Clube), VerusK, bb.wav, Pálida e Bflecha; mentres que no segundo (sábado 13, ás 16:00h) estarán Héctor e Nico Iglesias (Yugen Kala), M. Meri (Trix Club), Artur M Puga, Elektrógena e Beta. A entrada será libre ata completar capacidade.

En paralelo, a sala de cinema NUMAX acollerá unha serie de proxeccións nas que se explorará o papel do son e da música como eixe central da linguaxe cinematográfica. Os filmes Free Party: A Folk Story, 32 sounds; The Diary of a Sky + Where The Language Fails Us poderanse ver nas tardes dos días 12, 13 e 14 de setembro; e as entradas están á venda a través da web www.numax.org; aínda que todas as persoas que posúan os abonos Festival Pass e Weekend Pass (xa esgotados) tamén poderán acceder á sala (ata completar capacidade). 

Na mañá so sábado 13, os produtores galegos Juait e crnds presentarán no auditorio da Sede Afundación a súa nova creación, Lidinsfarne Sample Pack, da man dun dos músicos implicados no proxecto: Xabier Díaz. Durante este obradoiro (de entrada libre ata completar capacidade), abordaranse algúns dos aspectos máis característicos e identitarios dos principais patróns rítmicos da música tradicional galega.

Da man de Xabier Díaz, o público asistente achegarase á singularidade das xotas e das muiñeiras, mentres que Juait e crnds demostrarán como os sistemas de gravación e procesamento de audio dixital poden analizar estes patróns. O taller pecharase cun exemplo práctico sobre o uso do sample pack e no que, a partir dunha muiñeira, producirán un track para o clubbing.


Amplificando a memoria

Tamén durante a celebración do WOS Festival x SON Estrella Galicia a Sede Afundación acollerá Amplificando a memoria, o proxecto de investigación e creación sonora que combina memoria tecnolóxica, creación artística e participación cidadá a partir da recuperación do altofalante Organsound, deseñado polos irmáns Portela Seijo no ano 1972.

A iniciativa, que propón dar voz, presenza e actualidade ao patrimonio sonoro galego desde unha perspectiva accesible, crítica e interxeracional, contará cunha instalación cuadrafónica de Xoán-Xil López que se poderá visitar todas as tardes, entre 16:00 e 20:00 horas; un panel de pensamento arredor do Organsound, no que participarán Yago Portela, Belén Bermejo e o propio Xoán-Xil, e que terá lugar na xornada inaugural (ás 18.00 horas); e tres sesións de escoita -unha cada día ás 13.00 horas, desde o venres 12 ata o domingo 14- da man de tres recoñecidos selectores: Philip Sherburne, Nono e Chago.

Amplificando a memoria conta co apoio da Deputación Provincial da Coruña a través da Área de Cultura -no marco da convocatoria ‘Fondo de apoio a proxectos singulares de mellora social’-, do Concello de Santiago -a través da Concellería de Mocidade-, así como da Universidade de Santiago de Compostela e d’ Afundación.

WOS Festival x SON Estrella Galicia

WOS Festival x SON Estrella Galicia é o festival referente no ámbito da música electrónica e de vangarda a nivel estatal e festexará a súa oitava edición en Santiago de Compostela do 11 ao 14 de setembro. Ao longo de catro xornadas, o evento promovido pola produtora compostelá WORK ON SUNDAY ofrecerá unha programación coidada, multidisciplinar e de notable calidade artística en dez espazos emblemáticos da cidade.

O evento, recoñecido como Mellor Festival Indoor de Europa 2018 nos European Festival Awards, e que nos Iberian Festival Awards obtivo Mellor Promoción Turistica 2018 e Mellor Festival Indoor Nacional 2023, conta co patrocinio principal de SON Estrella Galicia e co apoio institucional da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia -no marco de Concertos do Xacobeo-, Deputación da Coruña, Concello de Santiago de Compostela, Goberno de España a través da INAEM e Acción Cultural Española (AC/E); ademais de Gadis e Fundación Japón, Madrid.

Programación do WOS Festival x SON Estrella Galicia

Xoves 11
18:00h, Sede Afundación | Resonancias do pasado. O Organsound coma ponte acústica (panel de pensamento)
19:00h, Sede Afundación | {O.(4)} por Xoán-Xil López (presentación da instalación)
20:00h, Teatro Principal | Carme López; Tarta Relena
 
Venres 12
13:00h, Sede Afundación | Chago (Sesión de escoita)
16:00 – 20:00h, Sede Afundación | {O.(4)} por Xoán-Xil López (instalación sonora)
16:00h, CGAC | O son electrónico de Galicia. Unha conversa interxeracional (panel)
16:00h, NUMAX | Free Party. A Folk Story (cinema)
18:30h, Igrexa da Universidade | Abdullah Miniawy
20:15h, Teatro Principal | Sara Persico & Mila Oki present Sphaîra
22:00h, Sala Capitol |Purelink; Rainy Miller presents Joseph, What Have You Done?; Los Thuthanaka; Carrier presents Rhythm Immortal; Djrum

Sábado 13
12:00h, Sede Afundación | Lindisfarne Sample Pack. Juait, crnds & Xabier Díaz (obradoiro)
13:00h, Sede Afundación | Philip Sherburne (sesión de escoita)
13:00h, Parque de Bonaval | Malandrómeda & Caamaño
16:00 – 20:00h, Sede Afundación | {O.(4)} por Xoán-Xil López (instalación sonora)
16:00h, CGAC | O son electrónico de Galicia. Unha conversa interxeracional (panel de discusión)
16:00h, NUMAX | 32 Sounds (cinema)
16:00h, Parque de Bonaval | Bflecha b2b Mwëslee
16:30h, Igrexa da Universidade | Heinali & Andriana-Yaroslava Saienko present Гільдеґарда
18:00h, Parque de Bonaval | Ivy Barkakati b2b Breixo Martínez
18:00 Fundacion Eugenio Granell | Niecy Blues, KUNTARI
18:00h Auditorio Abanca | ZULI presents Lambda; Saint Abdullah, Eomac & Rebecca Salvadori present A Forbidden Distance
22:00h, Fundación Laboral da Construción | Klein, Beatrice Dillon, Lord Spikeheart, Nazar, aya & MFO present hexed!; CCL; KAVARI; Objekt+visuals by MIL111; Simo Cell; Batu

Domingo 14
13:00h, Sede Afundación | Nono (sesión de escoita)
16:00 – 20:00h, Sede Afundación | {O.(4)} por Xoán-Xil López (instalación sonora)
16:00h, NUMAX | The Diary of a sky + Where the Language Fails Us (cinema)
18:30h, Teatro Principal | Masayoshi Fujita, Grand River & Abul Mogard present In uno spazio immenso

Máis información: www.wosfestival.es

Entradas á venda: dice.fm e ataquilla.com

*Imaxes WOS Festival 2025 – Autoría Pixi Arnoso

Homenaxe a Manuel María co concerto de Cris Román no Auditorio Municipal de Vilalba

O sábado 13 de setembro de 2025, ás 20:00 h. no Auditorio Municipal de Vilalba, terá lugar lugar o segundo evento programado polo IESCHA, coa colaboración da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, dentro dos ACTOS DA CULTURA CHAIREGA EN HOMENAXE A MANUEL MARÍA NO SEU XXI CABODANO: O CONCERTO DE CRIS ROMÁN.

Cris Román

“A compositora e cantante Cris Román, comezou a súa andaina musical co grupo de Rock Areavasta. En 2014 decide comezar a súa aventura en solitario e en abril de 2016 siu á luz o disco autoproducido A Cuentagotas.

Profesora da USC, Cris Román, reparte o seu tempo entre a investigación e a docencia e a súa paixón pola música. Unha autora comprometida, con alma de roqueira baixo un antifaz de pop aterciopelado. Acompañada dunha banda de grandes músicos como Alexandre Fontán aos teclados; Fran Alonso ao contrabaixo; Alexis Iglesias na guitarra; e Javier Romo na percusión. Entre as súas cancións pódese atopar un amplo abano de estilos dende blues, swing, country, e música de autor, con cancións en inglés, castelán e galego”.

Entrada de balde. Haberá que facer a correspondente reserva ben na páxina web do Concello, ben na Casa da Cultura de Vilalba

#IESCHA https://deputacionlugo.gal/…/a-dep…/areasgoberno/cultura

O Pazo da Cultura de Narón acolle esta semana a Residencia Paraíso de Rocío Bello & Javier Hernando

Unha nova edición das Residencias Paraíso 2025, impulsadas polo Colectivo RPM, botou a andar onte en Narón da man do tándem formado polos artistas Rocío Bello e Javier Hernando, que até este xoves 11 afondarán no proceso de traballo de Ensayo no Pazo da Cultura

Unha vez finalizada a súa residencia, os artistas ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terán lugar este xoves, 11 de setembro, contra ás 18.00 horas, no mesmo Pazo da Cultura de Narón, con entrada libre ata completa a capacidade do espazo

Paralelamente, Suevia Rojo e Rocío Bello & Javier Hernando participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

O tándem artístico formado por Rocío Bello & Javier Hernando iniciou este luns 8 a súa Residencia Paraíso 2025 no Pazo da Cultura de Narón. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. Así, ata o xoves 11 de setembro, as creadoras traballan en Narón en torno á súa proposta Ensayo, de Rocío Bello & Javier Hernando.

Unha vez finalizada a estadía da súa residencia artística, Rocío Bello & Javier Hernando ofrecerán unha mostra aberta do seus traballos en proceso, que terán lugar no mesmo Pazo da Cultura de Narón, este xoves, 11 de setembro, contra ás 18.00 horas, con entrada de balde ata completar a capacidade do espazo. Paralelamente, o tándem participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar esta mesma fin de semana, os días 12, 13 e 14 de setembro, na Illa de San Simón.

SOBRE O PROXECTO

Ensayo é un proxecto de investigación artística a partir dalgúns xestos humildes que pasaron desapercibidos para a historia e que promoven pequenas formas de resistencia baseadas na infracción, a poesía e a recuperación dos tecidos comunitarios. O proxecto trata de inventar xenealoxías e empurrar outras posibilidades para un tempo por vir. “Queremos utilizar o teatro como campo de probas para poñer en marcha prácticas e pensamentos que nos axuden a fundar outra maneira de relacionarnos co noso pasado e imaxinar algún futuro. Poden as artes vivas poñer en marcha propostas que nos axuden a conquistar o bo vivir? Creemos que, dalgún xeito, si”.

SOBRE AS ARTISTAS

Rocío Bello e Javier Hernando levan facendo cousas xuntos máis de dez anos, tamén con outros artistas. Javier Hernando fundou xunto a Miguel Rojo a compañía Los Bárbaros. Los Bárbaros desenvolveron proxectos como Las explicaciones (Centro de Cultura Contemporánea Conde Duque), Obra infinita (Centro Dramático Nacional) ou Obra imposible (Centro de Cultura Contemporánea Conde Duque), nos que participou Rocío Bello como actriz, dramaturga e deseñadora de vestiario. Rocío Bello colaborou nas últimas pezas da artista Cris Blanco e a súa obra Mi película italiana estreouse no Teatro Español de Madrid baixo a dirección de Salva Bolta. Javier Hernando publicou libros de poesía como Una clase de escritura (La Uña Rota, 2025).

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

MÁIS INFORMACIÓN

https://www.colectivorpm.gal/

2025.09.09.-NP-Residencias-Paraiso-NARON