Inauguración da exposición ENTRE AS SOMBRAS VOLTAREI ACOMPAÑADO, de Vicente Blanco, na Galería NÉBOA

  • NÉBOA inaugura a súa tempada expositiva con Vicente Blanco (Cee, 1974).
  • Xoves 18 de setembro ás 19.30h na Rúa Lamas de Prado, 31, Lugo.

vindeiro 18 de setembro ás 19:30h, a galería NÉBOA abre a súa tempada coa exposición ENTRE AS SOMBRAS VOLTAREI ACOMPAÑADO, segunda mostra individual de Vicente Blanco (Cee, 1974) na galería.

Esta exposición enmárcase dentro da programación de #ABERTO2025, evento organizado por CONTEMPORÁNEA (Asociación de Galerías de Arte Contemporáneo de Galicia), no que as galerías asociadas participan de maneira conxunta inaugurando a nova tempada expositiva.

Na nova serie de traballos de Vicente Blanco, o debuxo convértese no eixo central, reivindicado tanto polos seus valores plásticos coma pola súa condición de medio accesible e democrático. A exposición reúne debuxos, pinturas e relevos en cerámica, nos que o artista explora cuestións ligadas á identidade, o desexo e a violencia, así como as tensións entre afectividade e agresividade.

Pedro de Llano (autor do texto) sinala que nesta ocasión “o que predomina son as relacións físicas, psicolóxicas e simbólicas entre personaxes, a través de xestos, miradas e accións, nas que as mans xogan un papel protagonista”. O resultado é un universo visual ambiguo e evocador, onde o humor e a ironía medran como recursos para habitar as sombras ás que alude o título.

Entre as sombras voltarei acompañado

Na obra de Vicente Blanco –camiño da súa terceira década—hai dous temas recorrentes: a construción da identidade a través da representación e a interpretación da paisaxe. A miúdo aparecen interrelacionados, como sucedía na súa anterior exposición na galería NÉBOA: Os coleccionistas de formas (2024). Naquel conxunto, Blanco reaccionaba á destrución e transformación do medio natural e cultural na Galicia rural, onde reside. Nese mundo en ruínas, presa do extractivismo e vítima dunha sensibilidade anestesiada, característica da actual fase neoliberal, o artista preguntábase; “como construír a identidade desde as marxes? Como narrar desde un contexto invisibilizado, que tamén invisibiliza o desexo e a existencia?”.

O problema da construción da identidade na obra de Blanco está presente desde os seus inicios. En 2003, Juan Vicente Aliaga escribiu un texto, á mantenta da súa exposición individual no CGAC, titulado “Historia dunha ameaza. Sobre as identidades, o desexo e a violencia na obra de Vicente Blanco”, no que expuña as dificultades e presións que soportan as persoas que configuran a súa identidade fóra dos códigos heteronormativos: “Na obra de Vicente Blanco […] aniñan conatos e expresións varias da homo-socialidad, e nela o desexo e a ameaza da súa supresión e materialización van perigosamente da man”*.

Resulta oportuno lembrar estas palabras de Aliaga porque a nova serie de traballos de Vicente Blanco relega, parcialmente, a paisaxe, para centrarse, de novo, nesta cuestión do subxectivo, o íntimo, en relación co espazo social e político. O que predomina nestes debuxos son as relacións físicas, psicolóxicas e simbólicas entre os personaxes; os xestos, miradas e accións –nos que as mans desempeñan un papel protagonista, como sucedía na exposición de 2024—que constrúen as pulsións afectivas, pero tamén violentas ou agresivas, que observamos entre eles. Por iso é polo que a paisaxe (o fondo, o contexto) faise máis abstracto, doméstico e urbano, tamén decorativo, para realzar este tipo de dinámicas sutís e evocadoras entre figuras masculinas.

É interesante reparar en como estas mesmas cuestións –e outras afíns—aparecían xa en series fotográficas como O que se espera de nós (2003), onde un grupo de catro adolescentes levaban a cabo un misterioso ritual cunha lanterna no medio dun campo á noitiña. Tamén naquelas obras Vicente Blanco trataba de descubrir a realidade a través de xestos sutís, leves; mediante técnicas de extrañamiento e distanciamento narrativo, propias do cinema e o teatro, como a elipsis, a performatividade e a fragmentación, que resultan análogas da abstracción e apertura semántica que lle facilita, agora, o debuxo. Ata o título que o artista escolleu para esta exposición –Entre as sombras voltarei acompañado—parece, en certa medida, un eco daquela serie de fotografías.

O debuxo sempre foi importante na obra de Blanco, pero nestas últimas series a súa reivindicación parece asociada non só aos seus valores plásticos intrínsecos, senón tamén ao carácter accesible e democrático deste medio. 

Coma se a súa condición de arte “menor”, fronte a outras, supostamente, “maiores”, como a pintura ou a escultura, fose algo coherente e solidario coas historias periféricas, forzosamente marxinadas, que pretende evocar. Desde o punto de vista dos valores plásticos, Blanco é capaz de espremer ao máximo a técnica –moi similar á da anterior serie: lapis de cores, acuarela e gesso pigmentado sobre lenzo e papel— ata o punto de que, máis que converterse nun virtuoso do debuxo, Blanco crea un novo medio, a partir da investigación e a experimentación. Doutra banda, hai unha vontade nestes traballos de aproximarse a xéneros “menores”, como a caricatura, para representar a “lóxica da guerra e da violencia”, en relación coa identidade, seguindo a tradición dun autor como George Grosz, por exemplo, que tamén viviu e traballou nun tempo histórico pre-bélico.  

Fixémonos, por exemplo, na actitude altiva dun esvelto cabaleiro que sinala con desdén a unha figura abatida, coa cabeza baixa e apenas bosquexada, case un borrón; ou no grupo composto por dous mozos espidos acompañados –aínda que talvez habería que dicir, acosados—por un home maduro e sinistro; no raparigo deitado sobre unha hamaca que parece debuxar unhas nádegas na area, mentres outro o contempla; ou no personaxe cuxa cabeza parece flotar, dando voltas, separada do corpo e metamorfoseándose, mentres se saca a camiseta; ou no forzudo de noz prominente posando ante un espello suxeito por unhas mans delicadas, ao tempo que outra figura observa dende o alto… Son todos debuxos que unhas veces pasaron ao formato do lenzo mentres que outras conservan a fraxilidade e latencia do papel, como sucede nunha escena ambigua protagonizada por un raparigo fornido e un señor calvo de nariz longo e ríxido. O humor e a ironía son dous recursos que permiten a Blanco mediar ou manter a tensión entre o afectuoso e o seu contrario; entre o amor e o odio que inevitablemente habitan as sombras ás que se refire o título.

Xunto aos debuxos e pinturas, a exposición inclúe unha nova serie de relevos en cerámica con rostros e mans conectadas por cordas. Estas pezas activan o espazo da galería e poñen en diálogo todas as obras entre sí. As cordas fan referencia ás liñas do debuxo, pero tamén á capacidade de amarrar, inmobilizar e dominar. A ductilidade do barro configura caras similares ás dos debuxos, sintéticas, resoltas cuns poucos trazos que se replican, como as que atopamos na ilustración ou a caricatura.

Di Vicente Blanco que no debuxo nada se oculta; nin os erros ou accidentes do proceso, nin os significados múltiples que cada obra pode suscitar. Por iso, a transparencia do medio é enganosa; a visión íntegra das sucesivas etapas compositivas, lonxe de aclarar o sentido da imaxe entúrbaa, faina indescifrable. É xustamente neste punto indeterminado e ambiguo cando o artista retírase e déixanos a soas cos seus personaxes, tentando pescudar se as escenas que contemplamos son disputas, confrontacións, encontros afectivos ou ambas as cousas á vez.

Pedro de Llano Neira

Autor do texto

*Juan Vicente Aliaga, “Historia dunha ameaza. Sobre as identidades, o desexo e a violencia na obra de Vicente Blanco”, cat. exp., Vicente Blanco. O que se espera de nós, CGAC, Santiago de Compostela, 2003, p. 61.

Vicente Blanco (Cee, 1974) é Licenciado en Belas Artes na especialidade de Escultura pola Universidade de Vigo (1997) e Doutor en Belas Artes pola Universidade de Granada (2012). Blanco expuxo en prestixiosos museos de arte contemporánea como o MNCA Reina Sofía (Madrid), CGAC (Compostela), MARCO (Vigo) e o MUSAC (León). Entre os seus últimos proxectos individuais destaca a mostra Entre as sombras voltarei acompañado na Galería NÉBOA (Lugo), Os coleccionistas de formas na Galería NÉBOA (Lugo), Los cuerpos inesperados na Galería silvestre (Madrid), O bruto delicado no Espacio Sirvent (Vigo), Contrato para paisaje na Galerie van der Mieden (Amberes) e Otra vez algo nuevo na Galería Elba Benítez (Madrid). E de forma colectiva: ¿Adónde irá el pájaro que no vuele? ¿Adónde iré yo que no te lleve?, La Casa Encendida (Madrid), Fío do Norte en NORMAL (A Coruña), Norte Silvestre e Agreste na Galeria Municipal do Porto (Oporto), Derrotas: formas de pensar en NORMAL (A Coruña), Persistencia e Animación na Sociedade Nacional de Belas Artes (Lisboa), etc.

Vicente Blanco foi distinguido coa bolsa da Fundación Pollock-Krasner (2023) e a súa obra está presente en destacadas coleccións como Carré d’Art en Nimes, a Fundación María José Jove, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León, entre outros. Dende o 2013 reside en Coeses, unha pequena parroquia do Concello de Lugo. Imparte clases na área de Didáctica da Expresión Plástica da USC na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo e ademáis, xunto con Salvador Cidrás e Estela Freile, é un dos fundadores do grupo de innovación educativa Escola Imaxinada, un colectivo formado por diferentes profesionais do ámbito das artes, a arquitectura, a filosofía e a Educación Infantil e Primaria.

Andanzas do Suso de Lameliña LILI MARLEEN

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

LILI MARLEEN

Déitome un bocado coa intención de meditar e o primeiro que se me vén á cabeza é Fassbinder. E, por extensión, a morte. Trinta e sete anos tiña cando deixou este mundo ou decidiu liscar, que vén sendo o mesmo. Véxoo tal cal, con bigote e barba de poucos días, aspecto deprimente, chupa de coiro, pantalóns vaqueiros, botas altas e cigarro na man.Túmbase a meu carón e pregúntame que fago alí, cando tiña que estar no exame.

De súpeto, atópome nunha enorme aula, sentado nun pupitre rodeado de centos de persoas. Sobre a mesa, folios e un bolígrafo. Ollo ao meu arredor e vexo que todos escriben dun xeito compulsivo, sen erguer a vista do papel. Mais a min fáltanme as preguntas. Como vou contestar entón?

Comezo a poñerme nervioso. Decido pedirlle ao compañeiro que está á miña esquerda as preguntas. É un amigo que leva morto desde hai máis dunha década. Ao ver que o miro, impídeme ver o que escribe, dándome as costas. Opto pola compañeira da dereita, unha vella amiga que hai máis de vinte anos que non vexo. A reacción, a mesma. Entón escoito unha voz potente, chegada de moi lonxe. O examinador.

—Señor Trashorras atenda ao seu, se non quere rematar xa.

—Señor, é que non teño as preguntas. Poderíamas facilitar?

—Como que lle dea as preguntas? Vostede ten que coñecelas como todo o mundo. É a súa obriga. Faltaría máis que llas facilitara eu. Continúe coa proba.

Así estou durante dúas horas, ata que mandan recoller. Entrego o traballo, por suposto, en branco.

—Pero que é isto? Como se atreve a presentar a proba así? —di en voz alta, amosando aos presentes o folio en branco—. Miren o que acaba de entregar este señor, que di chamarse Trashorras, un folio sen nada escrito. Unha afronta que non pode quedar así.

—Vergoña, vergoña, vergoña, vergoña… —exclaman todos ao unísono.

—Retírese a aquel cuarto —di, sinalando unha pequena porta—, e en menos de cinco minutos quéroo aquí, mudado en Lili Marleen, actuando para nós.

Así fixen. En dous minutos estaba de volta: flor no cabelo, longos pendentes e vestido elegantemente de azul, cantando a canción, tal como a Lili do filme de Rainer Werner Fassbinder.

—Vergoña, vergoña, vergoña, vergoña…—repite toda a concorrencia ao unísono.

Desesperado, xa sen saber que facer e, a piques de sacar a pistola do bolso e pegarme un tiro diante de todos, véxome de novo tumbado na cama, Fassbinder segue ao meu carón, quen erguéndose tenta darme un beixo na boca.

Entón, unha voz coñecida espértame:

—Vergoña, vergoña che debera dar, toda a tarde deitado. Ala!

Érguete facer a cea, que xa é hora. Dormes máis ca un leirón e despois de noite non hai quen te aguante.

Encontro GALEUSCA 2025 no Museo do Pobo Galego

Encontro Galeusca de 2025 reúne representantes da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Euskal Idazleen Elkartea (EIE) e a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC), que representan case 2800 autoras e autores no conxunto das tres entidades.

Neste espazo de diálogo póñense en común perspectivas sobre a creación escrita nos nosos tres sistemas literarios recuperando e ampliando, deste xeito, os vínculos e as reflexións conxuntas levadas a cabo en anteriores encontros, centrándose, neste caso, en temas de actualidade como o impacto da Intelixencia Artificial desde a perspectiva das linguas e literaturas minorizadas ou a literatura de tradición oral.

Nesta ligazón pode consultarse máis información sobre as edicións anteriores: https://www.aelg.gal/actividades/federacion-galeusca

PROGRAMA PREVISTO

Venres, sexta feira, 19 de setembro de 2025

– Pola tarde. Chegada das persoas participantes a Santiago de Compostela.

– 19:15 h. Recepción na Alcaldía de Santiago, por Goretti Sanmartín.

– 21:00 h. Roteiro por Compostela coa presenza das delegacións convidadas, guiado por Daniel Asorey.

Sábado, 20 de setembro de 2025

Museo do Pobo Galego (Google Maps) Pola mañá.

– 11:05 h. Apertura por representantes das tres asociacións.

– 11:20 h. Relatorio inaugural sobre a traxectoria de Galeusca a cargo de Goizalde Landabaso, acompañada por Sebastià Portell (presidente da AELC) e Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG).

– 11:40 h. Acto aberto de reflexión sobre Galeusca con representantes das tres entidades, moderado por Marta Dacosta.

– 12:45 h. Diálogo sobre Intelixencia Artificial desde a perspectiva das linguas e literaturas minorizadas, con Rubén Cela, Ania González Castiñeira e Sebastià Portell.

Museo do Pobo Galego. Pola tarde.

– De 16:30 a 17:30 h. Mesa redonda sobre literatura de tradición oral, coordinada por Antonio Reigosa. Con Oihana Arana e Amaia Elizagoien, Joan Borja, Alba María e Rita Sineiro.

– De 17:30 a 17:50 h. Lectura pública das conclusións do Galeusca 2025, por parte das tres asociacións.

Igrexa de San Domingos de Bonaval.

– 18:00 h. Lectura da Declaración de Compostela-Bonaval.

– De 18:30 a 20:00 h. Acto de clausura coordinado por Lois Pérez, con improvisación entre regueifeiras (Alba María e Lupe Blanco), bertsolariak (Oihana Arana e Amaia Elizagoien) e glosadors (Miquel Àngel Adrover e Berta Llos). Peche musical con Ugia Pedreira.

Inauguración da exposición ESPAZOS PRECARIOS, de Jean Brundrit, no Castelo de Pambre

Este sábado 13 de setembro, das 12:00 ás 14:00 h.,  inaugurouse no Castelo de Pambre, en colaboración con Do Picho e o Concello de Palas de Rei, a exposición ESPAZOS PRECARIOS, da fotógrafa sudafricana Jean Brundrit.

O acto continuou das 14:30 ás 17:00 h. na residencia de artistas Do Picho (Palas de Rei).

(Máis información en http://ieu.gal/castelo-de-pambre-13-set-a-8-out/

Representación da obra PROFETAS, polo grupo Ítaca Teatro, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, continuando co desenvolvemento do programa de actividades do mes de setembro de 2025, organiza a representación da obra PROFETAS, a cargo do grupo Ítaca Teatro, que contou co patrocinio da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a coprodución do Centro Dramático Galego, da Xunta de Galicia, e coa colaboración e apoio do Concello de Vilalba, a Mostra de Ribadavia, o Concello de Lugo e a Deputación de A Coruña.

O acto terá lugar o sábado 20 de setembro de 2025, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba.

NOTA_INFORMATIVA_PROFETAS