Andanzas do Suso de Lameliña. UN ENTERRO EN MONTE ALTO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

UN ENTERRO EN MONTE ALTO


Coñecéranse no Hospital da Coruña, entón chamado Juan Canalejo en honor ao militar falanxista. Coincidiran na mesma habitación atendendo dous doentes.

María coidaba unha veciña súa de Monte Alto, que caera polas escadas abaixo e fracturara a cadeira. Pola súa banda Santiago estaba alí, por súa curmá, acabada de operarse de apendicite.

—Apetéceche un anaco ? —preguntoulle ela, ofrecéndolle un par de onzas dunha tableta de chocolate con améndoas.

—Non, grazas, non che son moi larpeiro. Teño un chourizo e un cacho de pan —respondeu Santiago, amosándolle unha bolsa que estaba enriba da mesiña—. Logo acompañareino cunha cervexa, pero agora aínda é cedo e non teño fame.

Logo virían as preguntas de rigor para darse a coñecer. E como adoita suceder neste casos, pronto saíron a luz amizades comúns. Nada raro, por outra parte. Ela vivía no barrio de Monte Alto da Coruña e el era dunha aldea do concello de Carballo.

Aqueles días de convivencia forzosa tiveron o seu froito: saíron dalí como dous namorados adolescentes e iso que xa non fervían na primeira auga. El achegábase aos sesenta e ela rondaba os cincuenta.

María, viúva desde había catro anos, vivía soa nunha pequena vivenda onde criara dúas nenas e un neno. O seu marido, un bo albanel, pero que tmorrera de cirrose, e ben que estaba aló, pensaba ela. Traballaba dous días para despois gastar todo en bebida e, ao chegar a casa, descargar a súa frustración mallando na pobre muller.

Santiago, solteiro, era o irmán máis novo de seis. Fillo de labregos, quedara na casa, mentres os outros marcharan polo mundo adiante: Vigo, Madrid, Barcelona. Pero o campo non era o seu. Íalle máis andar de troula de festa en festa e traballar o mínimo e en diversos labores: arranxando estradas, coidando doentes, desbravando no monte… Non paraba en ningún traballo.

Nunca tivera moza e iso que  ganas non lle faltaban. Pero quen ía querer ao badanas de Santiago? Non era mal home, e beber non bebía, algo bo tiña que ter, pero a súa fama de non acougar en ningún traballo, tiraba para atrás as mozas do lugar. E por riba non era nada agraciado. A súa figura esmirrada e algo corcovada, cunha faciana marcada por profundas enrrugas que lle engadían anos aos seus, tampouco contribuía a que se fixasen nel.

—Pois si. Son dunha casa bastante boa. Temos case unha ducia de vacas e moitas hectáreas de prados e leiras para mantelas —chufábase diante de María.

E era verdade, ou mellor dito, media verdade. A casa era boa, mais quen realmente gobernaba alí era a súa irmá maior, que traballaba de enfermeira en Barcelona. Levaba o control da que fora casa dos pais a través dun matrimonio de caseiros que se encargaban de todo. Pero encargouse que diso María non soubese nada. Ela pensaba que o verdadeiro dono era el.

María, pobre muller, necesitaba desesperadamente compañía. Ademais, o seu fillo menor saíralle un pouco lacazán. Daquela, aínda que estaba casado e tiña dous fillos, a súa relación coa muller non era boa. Finalmente, Santiago e María acabaron casando e el marchou vivir coa coitada de María. O matrimonio, marcado pola adversidade e a necesidade de apoio mutuo, durou ata que Santiago faleceu hai un ano.

Pouco despois da voda, Fermín, o fillo máis novo, regresou á casa materna. A súa muller xa non o puido soportar máis e botouno da casa. Ai, Fermín! É boa verdade que os cachos tiran ás ondas. Aínda que era mellor persoa, nalgúns aspectos era moito peor. Unha auténtica desgraza para a súa nai. Con frecuencia, aparecía a policía pola casa e levaban a Fermín dereito ao caldeiro.

A etapa máis estable da súa vida foi cando comprou unha atracción de lanchas e percorreu Galicia enteira de festa en festa. Pero non durou moito, así como noutros traballos, niso parecíase ao seu padastro. Entón era cando tiña que recorrer a cometer pequenos delitos, principalmente furtos ou algún “trapicheo” con droga.  Pero, o peor era cando se emborrachaba. Entón saíalle a vea do seu pai e aparecía no centro da Coruña buscando liortas. Foron famosas as súas irrupcións aos Cantóns montado a cabalo e entrando nos bares sen desmontar. Como a tarde que na coñecida cafetería O Salón, onde na porta había un indio de madeira, entrou berrando dicindo que era o “sheriff” e que viña impartir orde.

O outro día acudín ao cabodano de Santiago, tocábame algo na familia. Estando ás portas da igrexa San Xosé de Monte Alto, topeime con Fermín. Dicir, que ultimamente leva unha vida máis ordenada, agás cando se excede coa bebida. Saudámonos e comezamos a falar.

—E logo non entras? —pregunteille— quedáramonos fóra media ducia de asistentes.

—Aí? Non oh! Non teñas medo —contestou botándose a rir—Xa ves, o cura é negro. Claro, agora aquí como non hai, téñenos que ir buscar a África.

Logo seguiu maldicindo e xurando en contra dos curas e da igrexa.

—Aínda o outro día, co negro non, co cura de toda a vida, coincidin en Guitiriz nunha casa de putas. Mal raio o parta!, e despois di que foder é pecado. Para nós, claro, para el, non.

Rematou o enterro e achegouse a nós a súa nai. Estaban empeñados en que  fose tomar algo. Coa desculpa que se me facía tarde, logrei librarme. Coñezo a Fermín, e sabe Deus, como podía acabar a noite. Collín o coche e regresei a Lugo.

Entradas esgotadas para a estrea, este domingo 5, de ‘Pava 3’

PAVA pendura o cartel de “entradas esgotadas” para a presentación do seu novo EP, Pava 3, este domingo 5 na sala Mardi Gras

Se a noite do 5 de xaneiro levase por nome unha canción de Pava 3, ben podería ser Un bolo titulado “Tarde piaches!”: xa non quedan entradas dispoñibles para asistir á presentación do novo EP de PAVA, a banda liderada pola poeta e compositora coruñesa Lucía Aldao. É que, seguindo as letras de Aldao no tema Tremendamente coquetas, “todas queren estar na letra Q” e, neste caso, na Noite de Raíñas Pavas, que terá lugar o domingo 5, a partir das 22.00 horas, na sala Mardi Gras. 

Pava 3 é un exercicio de pop luminoso, un traballo discográfico no que a banda torna en protagonista, mais seguen a estar presentes as liñas mestras dos EPs previos: letras coidadas e melodías exquisitas atravesadas por cuestións de xénero, identidade sexual, idade e lingua. PAVA é agora máis poliédrica, unha banda onde Lucía Aldao exerce de frontwoman, e iso reflíctese tamén na súa música, máis sólida e sofisticada. 

Na estrea ao vivo de Pava 3 -dispoñible en formato dixital a través do Bandcamp de PAVA-, as asistentes poderán adquirirun merchandising moi especial: unha edición de 200 carpetas que incluirán un código de descarga dos temas do EP, as letras impresas en follas recendentes e un póster despregable coa portada de Pava 3, na que Lucía Aldao é protagonista. A elección destes obxectos non é casual e operan como unha metáfora das carpetas que non se forraron e mais os pósters que non se colgaron en tantas adolescencias noventeras

HENKO. A mirada de Miguel Díaz


HENKO

Miguel Díaz

Título: A PLUMA

Quixérao pronunciar pero árdeme na boca. E cando o verbalizo xa só é cinza.

O que ocorre xa é un todo en dilución, unha secuencia de procesos anuladores.

Quizais sentir sexa só iso. Lanzar un barco de papel ao baleiro. Deixar caer no alcatrán unha semente inútil. Percibirse a un mesmo como a pluma do paxaro que se solta do animal e pousa na cuberta dun barco abandonado. Unha pluma que aínda canta o que aprendeu do paxaro.

Última proxección do Ciclo Mestre Mateo: o filme O CORNO no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza a proxección da longametraxe O CORNO, de JAIONE CAMBORDA, PELÍCULA GAÑADORA DO PREMIO MESTRE MATEO 2024Remátase deste xeito coas proxeccións do CICLO MESTRE MATEO que durante o último trimestre do presente ano 2024 brindounos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXII PREMIOS MESTRE MATEO.

Esta décima e última proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o sábado 28 de decembro de 2024, ás 20:00 horas.

NOTA-INFORMATIVA-O-CORNO-copia

O IESCHA organiza a homenaxe a Bernardo García Cendán na praza da igrexa de Vilalba

O sábado 28 de decembro de 2024, ás 12:00 horas, na PRAZA DA IGREXA DE VILALBA, o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) organiza a homenaxe a Bernardo García Cendán no seu XII Cabodano, que terá lugar ao carón da lousa coa inscrición conmemorativa inaugurada hai dous anos (obra do canteiro José Gómez de Bernardo Pepón”).

O acto terá un apartado para o recitado de textos do propio Bernardo, e outro musical no que intervirán os grupos: 

– LAMBE LAMBE

– CORREDORES DE SOMBRA

palabra e a música, dous dos elementos que sempre estiveron presentes na vida de Bernardo, xuntaranse un ano máis na Praza da Igrexa de Vilalba, ao carón da súa lousa, nun encontro para a lembranza, para o cariño, para a loubanza e para botar de menos ao intelectual, ao escritor, ao crego e, sobre todo, ao amigo.

NOTA-INFORMATIVA-BERNARDO

Espectáculo “Xa chegou a Apalpadora!” na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza o evento XA CHEGOU A APALPADORA!, un espectáculo infantil para gozar en familia, a cargo do grupo VELAÍSCA.

O acto terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba, o venres 27 de decembro de 2024, ás 17:00 horas.

NOTA-INFORMATIVA-A-APALPADORA