Mañá xoves, 22 de xaneiro, ás 10.00h, saen á venda as entradas para Territorio Regueifa, que se estrea no marco do FIOT, no Pazo da Cultura de Carballo, o venres 6 de febreiro. Será a través da plataforma Ataquilla:
O prezo das entrada xeral é de 10 €. As persoas socias da AC Telón e Aparte terán un desconto, aplicando antes da compra o código que recibiron no seu correo como socias (só poderán mercar unha entrada con desconto). Territorio Regueifa é unha coprodución FIOT xunto a Ainé Producións e o Centro Dramático Galego, dirixida por José L. Prieto e protagonizada polos regueifeiros Manolo Maseda, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira.
A continuación adxúntase a nota de prensa coa información sobre o espectáculo.
Paco Nogueiras fará un percurso por cancións dos seus traballos “Brinca Vai!”, “Radio Bulebule” e “Extra!” sacando a nosa lingua a voar de xeito lúdico e divertido. Neste GRANDES ÉXITOS hai retrousos e cancións para participar activamente, bailando sen complexos, acompañando coa voz, coas palmas ou con acenos.
O espectáculo vai dirixido para nenas e nenos e as súa familias. O billete é de dous euros e é necesario facer reserva previa en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
Durante o acto, levarase a cabo tamén a proxección do documental CAMARADA FRAGA. MEMORIA DUN FASCISTA, e a ENTREGA DA PLACA COA MENCIÓN DE HONRA DO IESCHA A DARÍO RIVAS CANDO, O LOITADOR DA MEMORIA.
O trío transforma asina un manifesto lúcido contra a involución social, sinalando “o capitalismo depredador, a progresiva lexitimación da ultradereita e o papel das élites económicas e mediáticas” na erosión da conciencia colectiva
“A arte non pode permanecer neutral nin cómoda, ten que sinalar, incomodar e obrigarnos a mirar de fronte aquilo que preferimos non ver”, expón Jamas
Lumedoloop vén de publicar este venres INVOLUCIÓN, o seu novo sinxelo e cuarto adianto do álbum (Re)existencia, que verá a luz o 20 de febreiro. O tema funciona como un manifesto sonoro contra a regresión civilizatoria que caracteriza o noso tempo: a banalización do pensamento, a devastación do medio natural, o empobrecemento cultural e, de maneira especialmente alarmante, o avance e a integración da ultradereita no espazo político, mediático e social.
Sobre unha produción de Møu contundente e hipnótica -un brillante boom bap clásico arroupado por unha envolvente capa psicodélica-, Jamas entrega unha das letras máis afiadas, explícitas e politicamente incisivas da súa traxectoria.
“Hai unha idea que atravesa a canción: cando aceptamos como normal a desigualdade sistémica, a destrución do medio, a banalización da cultura ou a deshumanización, estamos colaborando coa involución. A ultradereita non avanza só polos votos que suma, senón pola maneira na que conseguimos normalizala. E iso non sucede por azar. Cremos que a arte non pode permanecer neutral nin cómoda, ten que sinalar, incomodar e obrigarnos a mirar de fronte aquilo que preferimos non ver”, expón Jamas.
Así, Involución non apela ao shock nin ao catastrofismo inmediato. O seu xesto é máis incómodo e máis necesario: poñer palabras ao que xa se volveu rutina. A letra conecta fenómenos que adoitan analizarse por separado —a sobreestimulación dixital, o desprezo polo coñecemento, o colapso ecolóxico, a mercantilización da vida, a fabricación do medo ou a aceptación social de discursos autoritarios— para revelar un mesmo fío estrutural: un sistema económico e cultural que produce deshumanización, apatía e obediencia.
A canción sinala directamente como o capitalismo depredador e as élites que o sosteñen precisan dunha sociedade desinformada, fragmentada e emocionalmente anestesiada para perpetuarse. Nese contexto, segundo expón Lumedoloop, “os grandes grupos mediáticos aparecen como ferramentas centrais de moldeado social, capaces de converter a precariedade en culpa individual e de empurrar a amplas capas populares a votar sistematicamente contra os seus propios intereses”. Esta diagnose condénsase nun dos versos do tema:“Se terra e auga —barro, lama— somos os obreiros / os grandes grupos de medios son os oleiros / modélannos… desde os pés ata o bico / conseguen que os pobres dean o seu voto para os ricos.” A letra do Lumedoloop tamén expón como a deshumanización do outro —migrantes, persoas empobrecidas, disidentes…— se converte nunha peza fundamental para lexitimar políticas de exclusión, discursos de odio e proxectos neofascistas que xa non se presentan como excepción, senón como opción plenamente integrada no sistema.
Involución funciona así como un inventario de síntomas dunha sociedade exhausta e desorientada; a substitución do coñecemento pola información superficial, a glorificación da ignorancia, a indiferenza fronte á destrución ambiental ou a facilidade coa que o medo se transforma en ferramenta política. Versos como “cando ler un libro está en perigo de extinción”ou “as neuronas afogan no abisal mar visceral” operan como sentenzas que non buscan consolo, senón conciencia.
Un videoclip coa estética do colapso
O sinxelo chega acompañado dun videoclip dirixido por Bastian Rodríguez (Elmembrillo Studio), unha peza audiovisual en branco e negro con uso de cor selectiva que amplifica a sensación de realidade degradada, alienación e fragmentación social. A estética, decadente e simbólica, dialoga coa idea central do tema: unha sociedade que avanza tecnicamente mentres retrocede ética, cultural e colectivamente.
Lumedoloop
Lumedoloop nace do encontro entre tres figuras fundamentais do hip hop galego. Por unha banda, Jamas (voz principal), un dos MCs máis carismáticos dos nosos escenarios, cun estilo que mestura contundencia e sensibilidade, posuidor dun flownatural cargado de musicalidade e forza explosiva. Pola outra, Møu (produción musical e voz), o produtor que marcou a evolución do rap en Galicia, cunha identidade sonora tan asentada coma en constante exploración. Ambos, integrantes e fundadores de Dios Ke Te Crew, alíanse neste proxecto artístico con DJ Mil (scratches e djing), virtuoso dos pratos cunha carreira consolidada cuxos cortes e seleccións son parte esencial da narrativa sonora de Lumedoloop.
Involución forma parte do percorrido conceptual de (Re)existencia, o LP de Lumedoloop que se publicará o 20 de febreiro. Tras Rico de Sabor (materialismo afectivo), Rap Cru (autenticidade creativa) e Non Traio Un Laio (orgullo lingüístico e identitario), este cuarto adianto eleva o foco cara a unha crítica sistémica global. Paralelamente, Lumedoloop xa está a traballar no espectáculo en directo co que xirará presentando o disco, un formato concibido para trasladar ao escenario a densidade conceptual e emocional do proxecto.
Sara Faro e María SOA veñen de anunciar nas súas redes sociais o lanzamento, cuxo primeiro sinxelo se poderá escoitar o 30 de xaneiro
Regresa Fillas de Cassandra. O dúo vigués vén de anunciar a través dun vídeo, publicado esta mañá nas súas redes sociais, que neste 2026 o grupo lanzará o seu segundo LP, que se titulará ‘Tertúlia’.
Neste álbum, producido por Çantamarta e polas propias Fillas de Cassandra, Sara Faro e María SOA lanzan un convite a desobedecer. Nun contexto marcado pola fragmentación da comunidade, sentar a falar e escoitar convértese nun xesto político. Así, en ‘Tertúlia’ hai conversas, chamadas, pensamentos en voz alta, cortes, repeticións, voces que se superpoñen e moitos risos: son as formas que se atopan e mesturan, desde a proximidade, nos espazos de encontro, confesión e festexo.
O novo disco, que chegará na primavera e contará con destacadas colaboracións, é unha proposta arriscada e incisiva coa que Fillas de Cassandra amplía o seu universo instrumental e ensancha os marcos da sonoridade percutiva que caracteriza ao dúo. A electrónica contemporánea, a experimentación coas voces e as harmonías -que xa avanzaban no seu EP ‘Hibernarse’- encóntranse nesta ‘Tertúlia’ cunha forma de composición e escrita xenunína e afiada.
O primeiro avance do disco poderase escoitar a partir do 30 de xaneiro nas principais plataformas dixitais. O sinxelo acompañarase dun videoclip rodado en Vigo -dirixido por Santi Iglesias, Sergio ‘Steel’ e Fillas de Cassandra-, como a peza audiovisual publicada esta mesma mañá nas redes do grupo.
Este venres 16, o quinteto lanzará un último avance, ‘Bomba de calor’, un tema power pop con guitarras afiadas e melodías vocais luminosas que aborda cuestións actuais como a crise da vivenda, a ansiedade ou mesmo o turbocapitalismo
A presentación do terceiro LP do grupo terá lugar o 6 de febreiro na Sala Capitol, cita na que adaptarán o seu repertorio para ofrecer unha noite memorable acompañados dos teclados e dos ventos d’A Orquestra do Quince, e na que tamén contarán con Ulex como banda de apertura
Familia Caamagno presentará este venres 16 de xaneiro ‘Bomba de calor’ o terceiro e último avance do que será o seu novo LP, ‘Disco Comarcal’, un álbum que verá a luz o vindeiro 23 de xaneiro, e no que a banda se reivindica como referente no panorama rock e pop da escena galega.
Familia Caamagno festexa neste 2026 os seus 15 anos sobre os escenarios cun novo traballo discográfico, ‘Disco Comarcal’, un álbum no que percorre diferentes estilos musicais -desde o power pop até o R&B, sen esquecer o pop e o rock- e que, sen perder un ápice do seu carácter irreverente e crítico, pon o foco no papel social que xogaron as discotecas comarcais en Galicia durante a segunda metade do século XX, especialmente nos anos 80 e 90, e que hoxe en día están pechadas ou abandoadas.
Após os lanzamentos nas plataformas dos avances ‘De paseo en Portugal‘ e ‘Disco comarcal‘ -cuxo videoclip se rodou nun destes míticos recintos, como é o caso de ‘El Vergel’ na Ponte Carreira (Frades)-, o venres 16 chega o terceiro e último sinxelo, ‘Bomba de calor’, un tema que amosa a solidez compositiva da banda e que se acompañará dun vídeo rodado na Coruña e dirixido por David Silva.
‘Bomba de calor’ é un tema de puro power pop, con guitarras afiadas, melodías vocais luminosas e coros que atrapan desde a primeira escoita. A letra aborda cuestións actuais como a crise da vivenda, a ansiedade ou a procura dunha saída nun mundo asfixiante dominado polo consumo, que non deixa espazo para o amor -ou que nada ten que ver con este-. Familia Caamagno envolve así unha mensaxe crúa cun son vibrante e optimista, e retoma unha crítica da que o quinteto xa dera conta co seu ‘Milagre económico’.
Presentación de ‘Disco Comarcal’ o 6 de febreiro na Capitol
A presentación ao vivo deste ‘Disco Comarcal’ terá lugaro 6 de febreiro na Sala Capitol. O recinto compostelán transformarase nunha auténtica sala de festas coma as de hai 30 anos para recibir e celebrar, por todo o alto, o novo álbum dos Caamagno. Será unha ocasión moi especial pois os de Sigüeiro adaptarán as súas cancións e darán unha volta polo seu repertorio da man d’A Orquestra do Quince, formación con catro instrumentistas de vento (María Prado, Martiño Mato e Xosé Luís Miranda) e un teclista (Ale González).
A gran festa de presentación de ‘Disco Comarcal’, alén de contar cunha formación única ao vivo, terá como banda de apertura da noite a Ulex e, ao rematar, celebrarase unha sesión de baile na Sala Riquela cunha selección de vinilos que fará Pídechas o corpo.
As entradas para asistir á presentación de ‘Disco Comarcal’ están á venda (17€ máis gastos de xestión) a través da páxina web da Sala Capitol, www.salacapitol.com. Á hora de adquirir o billete, pódese mercar o vinilo cun desconto do 20% sobre o prezo orixinal (tirada limitada a 100 unidades). O disco poderase recoller o mesmo 6 de febreiro no recinto, nun posto de merchandising que se habilitará e no que tamén haberá outras novidades, todas asinadas polo recoñecido deseñador gráfico Álvaro Fernández, @unbuentipo.