O FIOT abre a inscrición para participar na 10ª edición do Certame Micro-Escenas M2

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo publica a nova 

convocatoria desta iniciativa de teatro de proximidade, a primeira creada 

en Galicia, que festexa o seu décimo aniversario e busca visualizar novos formatos 

e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes

As propostas -pezas de pequeno formato, de entre 10 e 20 minutos, 

creadas a medida para espazos non convencionais, cun máximo de 25 espectadores 

e, prioritariamente, en lingua galega- poden presentarse até o 21 de xuño 

a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com

O xurado, integrado por profesionais vinculados ao sector das artes escénicas, 

seleccionará de 4 a 6 propostas gañadoras, que se darán a coñecer antes do día 10 de agosto 

e recibirán unha compensación económica de 500 euros, unha vez representadas

As obras seleccionadas neste Certame Micro-Escenas M2 serán exhibidas no FIOT 

entre o 3 e o 31 de outubro, onde serán valoradas polo público asistente mediante un sistema 

de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor Interpretación e ao Mellor Espectáculo

As representacións terán lugar en localizacións singulares da localidade bergantiñá: 

un parque-ximnasio, unha xoiaría, un cuarto de conserxes, unha tenda de moda e decoración, 

unha tenda de moda infantil, un comercio de artigos de segunda man, unha zapatería, unha pastelería, 

unha tenda de complementos, un parque e unha tenda de informática


O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo abre a convocatoria para participar na décima edición do Certame Micro-Escenas M2, unha das súas principais liñas de programación e que ofrece ao público a posiblidade de gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade.

O Micro-Escenas Metro Cadrado, o primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, que neste 2026 festexa o seu décimo aniversrio, naceu ao abeiro do FIOT a pasada década como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes. As e os artistas son quen de xerar, no marco dun gran festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes.

Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, Metro Cadrado ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos.

Este luns, 4 de maio, o FIOT abre a inscrición da décima edición do certame, no que convida ás compañías e artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral entre o 3 e o 31 de outubro de 2026.

Neste 2026, os espazos ofertados de Carballo serán un parque-ximnasio, unha xoiaría, un cuarto de conserxes, unha tenda de moda e decoración, unha tenda de moda infantil, un comercio de artigos de segunda man, unha zapatería, unha pastelería, unha tenda de complementos, un parque e unha tenda de informática.

As propostas poderán ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, prioritariamente, en lingua galega, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Ademais, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía, teranse en conta aquelas obras que empreguen medios dixitais. 

As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 500€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor nterpretación e ao Mellor Espectáculo. O prazo de presentación de solicitudes, que se pode facer a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com, rematará o 21 de xuño.

313 PROPOSTAS EXPERIMENTAIS RECIBIDAS EN NOVE ANOS

Ao longo dos seus primeiros nove anos de traxectoria, o Certame de Micro-Escenas M2 acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (313) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese tanto de creadores individuais coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza ou mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Nestes primeiros nove anos de actividade, M2 contou con funcións, entre outros puntos, nun lavadoiro municipal, no despacho do alcalde, nunha barbería, nunha perruquerría, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.

No 2025, o FIOT recibiu un total de 25 propostas para participar no Micro-Escenas M2, tanto de profesionais destacados da escena galega como de colectivos ou agrupacións de afeccionados. As seis pezas finalistas seleccionadas para o #FIOT34 foron: Domitila, de Amparo Martínez; Katharsis, de Catuxa Leira; O novo, de Dani Blanco; Covers2, de Corifeo Teatro; Alicia Wants To, de Bengala Teatro Físico; e Gracias por su visita, de Uxía Algarra. Finalmente foi Gracias por su visita, de Uxía Algarra, a peza que recibiu o recoñecemento como mellor espectáculo no #FIOT34, cunha puntuación de 4,56 sobre 5 outorgada polo público asistente, mentres que Estrella Tomé, de Bengala Teatro Físico, foi a galardoada co premio á mellor interpretación do IX Certame Micro-Escenas M2 polo espectáculo Alicia Wants To, cunha puntuación de 4,62 sobre 5.

 Bases X Certame de Micro-Escenas M2
https://fiot.gal/wp-content/uploads/2026/05/BasesME2026.pdf

Folla inscrición X Certame de Micro-Escenas M2
https://fiot.gal/wp-content/uploads/2026/05/InscricionME2026.pdf

20260504-NP-convo-Micro-Escenas-FIOT-2026

Concerto AS RÚAS DO VENTO CEIBE

Desde a Casa-Museo Manuel María anuncian un ambicioso proxecto musical que se vai levar a cabo proximamente: o Concerto As rúas do vento ceibe. Un espectáculo musical baseado na musicalización de poemas de Manuel María, pertencentes ao seu poemario “As rúas do vento ceibe”, alén doutros poemas de Rosalía e Celso Emilio Ferreiro, que se poderá desfrutar gratuitamente o 15 de maio, ás 20.30 hrs, en Lugo (Auditorio Municipal Fuxan os Ventos); o 29 de maio, ás 20.30 hrs, en Pontevedra (Pazo da Cultura); e o 30 de maio, ás 20,30 hrs, en Santiago de Compostela (Auditorio de Galicia).

O concerto vai reunir máis de 300 voces, músicos e músicas, que interpretarán as pezas compostas por Xosé Carlos Seráns. A Orquestra Sinfónica de Pontevedra, a mezzosoprano, Julia Portela Piñón e unha ampla representación coral de Galiza, cun un coro mixto -composto por cinco corais (Coro de Cámara Thalassa de María, Coro do Hospital de Lugo, Coro Liceo de Vilagarcía, Coral de Solfa de Santiago de Compostela e Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra)- e un coro xuvenil -formado por tres coros (Peque Coro In Crescendo de Ferrol, Voces da Terra Chá e Coro do IES A Xunqueira de Pontevedra)-, todo dirixido polo director de orquestra, David Fiuza. Unha montaxe de grande envergadura musical e de grande significación cultural para Galiza.

Os billetes para poder presenciar este espectáculo pódense retirar en:

–Lugo: poden solicitarse, despois do 5 de maio, en liña: en https://entradaslugo.es ou presencialmente: no Vello Cárcere ou na Oficina de Turismo (Praza do Campo).

–Pontevedra: non hai que retirar. Entrada libre até completar o aforo.

–Santiago de Compostela: poden solicitarse, a partir do 19 de maio en liña: en https://compostelacultura.gal ou presencialmente: na Zona C (Preguntoiro, 1-Praza de Cervantes, en horario de martes a sábado, de 11 a 14 hrs e de 16 a 19 hrs).

O concerto está patrocinado pola Área de Cultura, Patrimonio Histórico-Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, polo Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Dinamización Social e Cultural, e pola área de Cultura da Deputación da Coruña. Tamén colaboran a Concellaría de Cultura,Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e o Concello de Santiago de Compostela.

Quinkillada publica CAMINHO, a súa balada máis íntima

CAMINHO, O NOVO SINXELO DE QUINKILLADA QUE PROFUNDIZA NO LADO MÁIS ÍNTIMO DA BANDA

OS DO MORRAZO CAMBIAN DE REXISTRO E APOSTAN DESTA VEZ POR UN TEMA MÁIS LENTO E REFLEXIVO

MAÑÁ SÁBADO 2 DE MAIO TERÁ LUGAR O SEU CONCERTO DE COMEZO DE XIRA, CON ENTRADAS Á VENDA EN ENTRADIUM.COM


A banda morracense Quinkillada racha os seus esquemas musicais con Caminho, un tema que versa sobre a superación persoal e que permite coñecer unha visión máis intimista e persoal da banda, con ritmos máis lentos dos que teñen acostumados ao seu público, mergullándose en retrousos de música urbana lenta que derivan en ventos máis animados, creando unha sensación de que o tema vai medrando co paso dos segundos. Esa composición estrutural non é aleatoria, xa que é unha representación musical dese crecemento persoal que fai que vaias superando os obstáculos da vida.

Caminhopon o foco nas dificultades persoais que atravesamos na nosa vida, e, dende un enfoque persoal, a banda rebusca no seu interior para ofrecer un novo sinxelo que contrasta no musical e no letrístico co resto de traballos da banda. Unha nova cara que expón a versatilidade da banda que leva presentados neste ano os sinxelos Os reis do lugar e Quinkirumba.

COMEZO DA XIRA ENTRE CUMBIAS E RUMBAS

Quinkillada porá o punto de partida da súa nova xira Entre Cumbias e Rumbas cun concerto especial na sala Adro de Cangas mañá sábado 2 de maio. O show terá lugar a partir das 22:00 e servirá para celebrar o quinto aniversario da banda, que ten preparado un directo cheo de momentos inesquecibles que levarán polas distintas festas, festivais e salas, para convertelas en torreiros cheos de baile e moita diversión. As entradas están xa dispoñibles en entradium.com.

Polo momento, os festivais confirmados son o SonRías Baixas, un dos máis importantes do verán galego, e no que xogarán na casa, así como o festival Asalto ao Castelo (Vimianzo) e Festival de la Luz (Boimorto).

PRIMEIRAS DATAS XIRA ENTRE CUMBIAS E RUMBAS

02/05 · O Adro · Cangas | ENTRADAS

03-04/07 · Asalto ao Castelo · Vimianzo | ENTRADAS

30/07-01/08 · SonRías Baixas · Bueu | ENTRADAS

28-30/08 · Festival de la Luz · Boimorto | ENTRADAS

MÁIS SOBRE QUINKILLADA

Transitando xéneros como a cumbia, o rock, o ska e os ritmos máis bailables, Quinkillada é o grupo que sintetiza a alma da festa galega. Combinando nas súas composicións tons festivos, populares e reivindicativos, a banda constrúe o seu legado a base de músicas enérxicas, auténticas e, sobre todo, bailables. Dende os torreiros das festas máis populares ás tarimas das salas e festivais máis importantes, Quinkillada é capaz de transformar calquera contexto nunha pista de baile.

Cunha carreira meteórica ás súas costas, a banda morracense xa conta con máis dun centenar de concertos no seu haber, levando o seu bo rollo a grandes festivais galegos como OurenSound, Festival de la Luz, Castañazo ou Armadiña Rock. A súa música chegou tamén ás grandes salas de concertos do estado, con actuacións nas míticas Razzmatazz de Barcelona ou Capitol de Santiago de Compostela. 

Con xa tres discos publicados, acumulando centos de milleiros de reproducións en plataformas, a banda traballa en novos horizontes aos que levar a súa festa de guitarras, ventos e diversión. A verbena galega busca expandirse e chegar a todas partes envolta na súa música.

20260430-NP-GAL-LANZAMENTO-CAMINHO-QUINKILLADA

Concerto NA CASA DELAS, polo grupo Son de Corda, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, co patrocinio e financiación da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza o concerto NA CASA DELAS, a cargo do cuarteto vocal lucense SON DE CORDA, formado por: Esperanza Iglesias (soprano), Carmen Prendes (contralto), Fernando G. Jácome (tenor) e Antón Castro (baixo). 

Neste acto participarán tamén Raúl Rodríguez (piano) e María Pichín (danza). 

A realizacion de videos corre e cargo de: Manuel Lucas e Alejandro Gándara.

O acto terá lugar o domingo 10 de maio de 2026, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba.

Programación do IESCHA para maio 2026

PROGRAMACIÓN DO IESCHA NO MES DAS LETRAS GALEGAS-MAIO 2026

Presentacións de libros, concertos musicais, homenaxes e apoio ás nosas letras e á nosa lingua, palestras, rutas por Galicia 

Venres, 8 de maio20:00 h
Presentación libro:
Memorias dun porco teixo
Xosé M. Felpeto
Casa da Cultura de Vilalba

Domingo, 10 de maio
20:00 h
Concerto:
Na casa delas
Son de corda
Auditorio Municipal de Vilalba

Domingo, 17 de maio
12:00 h
Pasquín na web e redes:
Letras Galegas ’26
O IESCHA na defensa da lingua galega
E apoiando a manifestación en Santiago de Compostela

Xoves, 21 de maio
20:00 h
Presentación libro:
Semente de mencer (Obra poética completa)
Darío X. Cabana
Con Alexandra Cabana
Casa da Cultura de Vilalba

Venres, 29 de maio
20:00 h
Palestra Letras Galegas’26:
Begoña Caamaño
Con Beatriz Maceda e Marica Campo
Casa da Cultura de Vilalba

Domingo, 31 de maio
9:30 h. Saída de Vilalba hacia Galdo, en Viveiro
XIV Ruta por Galicia:
Por terras de Viveiro
Con Noela Feal
Saída desde a Casa da Cultura

Eris Mackenzie publica LAÍÑO, EP que inclúe dúas versións

Eris Mackenzie publica Laíño, un traballo que combina creación propia e reinterpretación emocional de clásicos da música galega, reafirmando a súa identidade musical entre a tradición e a electrónica contemporánea.

O EP está composto por seis cancións. “Vivir na Coruña”, unha homenaxe á terra de orixe, e “Teño Saudade”, icónica composición de Andrés Do Barro, máis catro cancións orixinais que reflicten o universo sonoro do artista, no que conflúen influencias da electrónica máis pura cunha sensibilidade melódica moi persoal.

Con estas versións, o artista busca render tributo a dúas pezas fundamentais da música galega, mostrando o seu respecto e admiración por un legado que marcou a súa traxectoria persoal e artística. Estas influencias esténdense a figuras como Ana Kiro, Xil Ríos e Pucho Boedo, cuxos repertorios forman parte da banda sonora vital de Eris Mackenzie.

O EP “Laíño” representa unha declaración de intencións: tender pontes entre a memoria musical de Galicia e as correntes electrónicas actuais, xerando unha proposta única que conecta pasado e presente desde unha mirada contemporánea.

EP “Laíño” (ALENDE/Altafonte) producido por Eris Mackenzie xa dispoñible en todas as plataformas.

PRÓXIMOS CONCERTOS

Moi preto de ti

7/05 ERIS MACKENZIE @ Riquela Club, Compostela

8/05 SON GALAICO @ Casa das Crechas, Compostela

9/05 SON GALAICO @ Casa das Crechas, Compostela

16/05 FILLOAS @ Sala Rebullón, Mos

17/05 UXÍA LAMBONA E A BANDA MOLONA @ Sala Rebullón, Mos

29/05 LISDEXIA @ Mardi Gras, A Coruña

NOVAS

Lanzamentos, concertos e moito máis