Un ano máis, o Parque do Pasatempo de Betanzos encherase da mellor música en directo coa celebración dunha nova edición do Festival do Pasatempo. Co galego ben presente, o cartel estará encabezado por artistas da talla de Tanxugueiras, Carlos Núñez, ZETAK, Caamaño&Ameixeiras e Antía Muíño, en dúas xornadas que terán lugar o venres 27 e o sábado 28 de xuño. As entradas sairán á venda o xoves 29 cun prezo promocional de 37€ o abono de dous días (gastos de xestión incluídos) e 24€ a entrada de día (gastos de xestión incluídos) só para os primeiros compradores, que as poderán adquirir en Enterticket e na propia web do festival, www.festivaldopasatempo.gal. As persoas menores de 12 anos terán tamén dispoñibles abonos de dous días por 12€ (gastos de xestión incluídos).
O evento presenta unha forte aposta polo talento galego e polas linguas oficiais do estado, con bandas punteiras en galego e euskera. Propostas para todos os públicos que combinan artistas consagrados, como Tanxugueiras ou Carlos Núñez, con proxectos en vías de consolidación a nivel estatal, que se presentarán en Betanzos con shows completos e diferenciais dentro dos seus respectivos estilos musicais. Festival do Pasatempo propón unha experiencia irrepetible no corazón de Betanzos xuntando nun mesmo evento a mellor música do territorio coa natureza e historia dun recinto icónico.
VENRES 27 DE XUÑO
Os grandes atractivos do venres 27 de xuño serán Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras e ZETAK. Tanxugueiras é o grupo que está desafiando e cambiando o paradigma musical estatal. Aida, Sabela e Olaia, cun son totalmente diferente pero recoñecible, adaptan a música tradicional galega a estilos actuais para darlle una nova vida. Pola súa parte, desembarcará no Parque do Pasatempo unha das propostas máis exitosas da música en euskera, ZETAK. O navarro integra as tendencias musicais máis actuais ao seu propio universo, aderezándoo con referencias vascas, sonoridades que se relacionan coa súa terra e a súa propia lingua. Para completar o primeiro dia de festival actuará Caamaño&Ameixeiras,un dos maiores expoñentes a nivel internacional da nova música tradicional galega. Resignificando a música e o baile de raíz cos sons máis contemporáneos, o dúo está expandindo o seu talento alén das fronteiras galegas.
SÁBADO 28 DE XUÑO
O sábado 28 de xuño destacan os nomes de Carlos Núñez e Antía Muíño. Carlos Núñez é un dos maiores referentes internacionais históricos da música galega. A súa incursión no universo da folktrónica, xunto a produtores e creadoras que están a redefinir os sons da tradición, é outro exemplo da súa visión aberta e innovadora. Por outro lado, e completando esta segunda xornada, actuará Antía Muíño, que se converteu nunha das revelacións da nova canción galega. A súa proposta é unha viaxe entre o jazz-pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional, perfectamente guiada pola maxia da súa voz.
O festival xorde como unha iniciativa para traer a artistas de primeiro nivel a un parque histórico, poñendo en valor a súa categoría de Ben de Interese Cultural. O espazo é un tesouro agochado da historia galega, construído no século XIX polos indianos da zona. A día de hoxe segue sendo un elemento impresionante en vías de restauración, polo que o evento, dende a liña gráfica creada por Rei Zentolo ata as actividades e comunicación do mesmo, tamén visibilizará os procesos de resignificación dun dos espazos máis históricos e culturais da contorna.
O Festival do Pasatempo de Betanzos é un festival promovido pola promotora PlayPlan, artífice de festivais como o SonRías Baixas, BIGSOUND Pontevedra, Fumega Fest ou das carreiras artísticas de Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Hugo Guezeta, Sabela ou Vimbio entre moitos outros. Ademais, conta co patrocinio da Axencia Turismo de Galicia, Xunta de Galicia e Xacobeo, e coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos, así como co patrocinio de El Águila.
COÑECE AOS ARTISTAS DO FESTIVAL DO PASATEMPO 2025
Un dos grandes nomes desta edición é Tanxugueiras. O grupo está a desafiar e a cambiar o paradigma musical estatal. Aida, Sabela e Olaia, cun son totalmente diferente pero recoñecible, adaptan a música tradicional galega a estilos actuais para darlle una nova vida. Concertos masivos e históricos, millóns de reproducións, números 1 en vendas e colaboracións cos mellores artistas estatais avalan ao grupo.
Outro dos cabezas de cartel desta edición non é outro que Carlos Núñez, un dos maiores referentes internacionais históricos da música galega. A súa incursión no universo da folktrónica, xunto a produtores e creadoras que están a redefinir os sons da tradición, é outro exemplo da súa visión aberta e innovadora. Ao longo destes anos, Carlos Núñez vendeu máis dun millón de discos, obtendo un Premio Ondas, a Medalla Castelao e a de Galicia, dúas candidaturas en solitario aos Latin Grammy e galardóns arredor do mundo.
Dende Euskal Herría chegará ao Parque do Pasatempo ZETAK, unha das propostas máis exitosas da música en euskera. O navarro integra as tendencias musicais máis actuais ao seu propio universo, aderezándoo con referencias vascas, sonoridades que se relacionan coa súa terra e o propio euskera. Dende o inicio do proxecto, ZETAK provocou un tremor no panorama musical vasco, e evolucionou ata acadar concertos multitudinarios e históricos para a música no seu idioma.
Como parte destacada da nova música tradicional galega actuará Caamaño&Ameixeiras, un dos grandes expoñentes a nivel internacional da mesma. Resignificando a música e o baile de raíz cos sons máis contemporáneos, o dúo está expandindo o seu talento alén das fronteiras galegas. Cunha posta en escena impactante, coidada e atrevida, levan os seus directos a países como Italia, Bélgica, Francia, Portugal, Eslovaquia, República Checa ou Austria. Ademais, veñen de colaborar con artistas da talla de Tanxugueiras, Rodrigo Cuevas ou Fillas de Cassandra.
Completando o cartel desta edición estará Antía Muíño, artista que se converteu nunha das revelacións da nova canción galega. Con “Carta Aberta”, o seu álbum debut, acumulou case 2 millóns de reproducións e foi escollida embaixadora de Spotify España na súa playlist EQUAL, saíndo nas pantallas de Times Square, en Nova York. A súa proposta é unha viaxe entre o jazz-pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional, perfectamente guiada pola maxia da súa voz.
O festival rendeu no 2023 unha homenaxe ao recoñecido músico durante a celebración do primeiro encontro do alumnado das escolas de arpa de Galicia, na que se interpretou o seu mítico Vals do Mencer
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) lamenta fondamente o pasamento do músico compostelán Emilio Cao, recoñecido artista e magnífico intérprete da arpa celta, instrumento que el mesmo introduciu no país coa publicación do seu aclamado álbum Fontes de Araño (1977), que supuxo toda unha revolución para a escena da música folk.
Precisamente Noia Harp Fest salientou o papel de Emilio Cao coa homenaxe que se lle rendeu na décima edición (verán de 2023), durante a celebración do primeiro Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia. No marco deste pioneiro encontro, as e os estudantes máis novos do país interpretaron, conxuntamente e co apoio do codirector do NHF Rodrigo Romaní, o mítico Vals do Mencer composto por Cao.
O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, dentro dos actos programados para este mes de maio, co gallo das Letras Galegas, organiza o venres 30 de maio de 2025, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:00 horas, a presentación do libro COMIDA PARA GATOS E OUTRAS DELICATESSEN INDIXESTAS, do que é autora LUZ DARRIBA, artista plástica e escritora.
Presentará o acto MARISA BARREIRO, presidenta do Iescha.
A actividade terá lugar o sábado 14 de xuño, en Santiago de Compostela. A partir das 11:30 horas desenvolverase o programa de actos previsto, que pode ser consultado aquí.
PROGRAMA PREVISTO
11:30 h. Descubrimento do monólito conmemorativo e plantación da árbore do autor, un teixo. No Parque de Galeras (Santiago de Compostela). Acceso libre para todo o público. Intervencións de: – Goretti Sanmartín, Alcaldía do Concello de Santiago de Compostela. – Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidencia da AELG. – Xosé Manuel Beiras.
12:30 h. Acto de entrega da “Letra E”. No Auditorio do CGAC (Rúa Valle Inclán, 2). Acceso libre para todo o público, até completar capacidade do espazo. Intervencións de: – Goretti Sanmartín, Alcaldía do Concello de Santiago de Compostela. – Lectura da concesión da Letra E, por Beatriz Maceda Abeleira, Vicepresidencia da AELG. – Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidencia da AELG. – Laudatio do autor, por Miguel Anxo Fernán-Vello. – Entrega da peza escultórica, elaborada por Silverio Rivas. – Xosé Manuel Beiras. Intervención do homenaxeado. Resposta á laudatio.
14:30 h. Xantar de confraternidade posterior no Restaurante A Nave de Vidán (Avenida Mestra Victoria Míguez, 44). As persoas interesadas en participar no xantar deberán reservar a súa praza enviando un correo electrónico a oficina@aelg.orgindicando o seu nome e apelidos, antes do 9 de xuño. O prezo do menú é de 36 euros, que se pagarán en efectivo antes de comezar o xantar, no mesmo restaurante.
O CARTEL DESTA NOVA EDICIÓN DESVELARASE O PRÓXIMO MARTES 27
Un ano máis, o Parque do Pasatempo de Betanzos encherase da mellor música en directo coa celebración dunha nova edición do Festival do Pasatempo. A organización ten listo xa o cartel deste ano, que verá a luz o próximo martes 27 ás 12:00h, con artistas de renome que levarán os seus espectáculos completos á vila betanceira. Tras a volta á actividade, a última edición do festival pechou cos concertos de artistas da talla de Andrés Suárez, David Bustamante, Sabela e Paula Mattheus, volvendo a poñer ao Parque do Pasatempo no mapa da mellor música en directo.
O festival xorde como unha iniciativa para traer a artistas de primeiro nivel a un parque histórico, poñendo en valor a súa categoría de Ben de Interese Cultural. O espazo é un tesouro agochado da historia galega, construído no século XIX polos indianos da zona. A día de hoxe segue sendo un elemento impresionante en vías de restauración, polo que o evento, dende a liña gráfica creada por Rei Zentolo ata as actividades e comunicación do mesmo, tamén visibilizará os procesos de resignificación dun dos espazos máis históricos e culturais da contorna.
O Festival do Pasatempo de Betanzos é un festival promovido pola promotora PlayPlan, artífice de festivais como o SonRías Baixas, BIGSOUND Pontevedra, Fumega Fest ou das carreiras artísticas de Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Hugo Guezeta, Sabela ou Vimbio entre moitos outros. Ademais, conta co patrocinio da Axencia Turismo de Galicia, Xunta de Galicia e Xacobeo e coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos.
Alta Costura é unha peza de linguaxe xestual sobre a industria téxtil que pon o foco no noso actual consumo de roupa
O Auditorio do Cine Alovi das Pontes acollerá este 24 de maio, ás 20 horas, a última creación da compañía de teatro físico liderada por María Torres e Gonçalo Guerreiro
As entradas para a estrea de Alta Costura están á venda en aspontes.sacatuentrada.es
Esta mañá os medios tiveron a oportunidade de descubrir un adianto de Alta Costura, a última creación da compañía Elefante Elegante que reflexiona, cunha linguaxe xestual, irónica e poética sobre a moda e a súa estreita relación co consumo. A presentación tivo lugar a poucos días da estrea absoluta prevista para este sábado 24 de maio, ás 20.00 horas, no Auditorio do Cine Alovi das Pontes.
O acto contou coa participación dos directores da compañía, María Torres e Gonçalo Guerreiro, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia; Lorena Tenreiro, concelleira-delegada especial da Área de Cultura, Xuventude, Innovación e Novas Tecnolóxicas do Concello das Pontes; e Penélope López e Cristina Pardo, concelleira de Cultura e primeira tenente de alcalde do Concello de Culleredo, respectivamente. Canda eles estivo presente tamén o elenco da obra.
Na súa intervención, Lorena Tenreiro convidou “á cidadanía a non perder a estrea” e agradeceu “a presenza e o traballo dunha compañía coa traxectoria de Elefante Elegante no Cine Alovi”. Pola súa banda, Penélope López eloxiou “o bo facer da compañía e o seu compromiso con temáticas de interese social” cualificando de “honra e luxo” para o Concello de Culleredo o feito de ser residencia de Elefante Elegante “pola calidade artística e persoal do equipo”.
Xacobo Sutil aproveitou a súa quenda para gabar o compromiso dos concellos de Culleredo e As Pontes coa cultura e o teatro e salientou o labor de Elefante Elegante que cultiva “un teatro sempre con mensaxe e coa misión de crear espectadores con visión crítica”. Compañías como Elefante Elegante “con calidade, capacidade e traxectoria son un valor e encaixan á perfección nas axudas para a creación escénica promovidas por Agadic”. E rematou animando á veciñanza a “encher este precioso teatro na primeira función para ter a magnifica acollida que ben se merece a proposta”.
As palabras de María Torres e Gonçalo Guerreiro puxeron o foco na industria téxtil que describiron como “o elefante na sala”, lamentando que quizais Alta Costura “chegue demasiado tarde tal e como está o planeta”. Para ambos os dous, os actuais mecanismos de consumo son “un material fascinante para a creación de imáxenes” que usaron nesta “proposta irónica que fuxe da amargura e que combina poesía e comicidade para animar, sen xulgar, a unha reflexión necesaria a nivel, sobre todo, occidental”.
SOBRE O ESPECTÁCULO
Alta Costura é un espectáculo irónico e poético sobre a moda e a súa estreita relación co consumo, o recoñecemento social, a contaminación, a saúde e as condicións laborais. A peza dá unha especial importancia aos mecanismos de venda e á relación contemporánea que o gran público ten co acto de mercar e de tirar roupa. Trátase dunha creación de teatro de movemento que se detén detalladamente na industria “fast fashion”: a lóxica do mercado, as emocións vencelladas á necesidade de adquirir máis roupa e a rapidez con que os produtos son desvalorizados e se transforman en residuos altamente contaminantes.
A peza, baixo a dirección escénica de Gonçalo Guerreiro, está protagonizada por Sofía Espiñeira, Raquel Crespo, Pablo Sánchez e María Torres, a partir dun texto escrito por Tiago Alves Costa. Alta Costura está coproducida polo Concello de Culleredo e conta cunha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia e coa colaboración do Concello das Pontes. As entradas para a estrea deste sábado 24 de maio están dispoñibles en: aspontes.sacatuentrada.es.
SOBRE A COMPAÑÍA
Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar sobre temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, a música e as artes visuais. Os espectáculos de Elefante Elegante están baseados na relación do corpo co espazo e reflicten unha rigorosa investigación de xestos, movementos e imaxes.
A compañía, que este ano celebra 25 anos de actividade, foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro en Bélxica, onde permanecería ata 2007, data da súa instalación en Galicia. Na actualidade, Elefante Elegante ten a súa sede no concello de Culleredo, na Coruña, onde é compañía residente. As súas obras xa percorreron boa parte da xeografía española e tamén escenarios de Italia, Portugal, Alemaña e Colombia. Elefante Elegante atesoura varios premios María Casares, sendo o máis recente o recibido no 2024 pola mellor dirección de movemento da obra Un hotel de primeira sobre o río, do Centro Dramático Galego.
FOTO ADXUNTA | De esquerda a dereita: Sofía Espiñeira, Raquel Crespo, Gonçalo Guerreiro, María Torres, Jacobo Sutil, Lorena Tenreiro, Penélope López, Cristina Pardo e Pablo Sánchez [Foto: Vane Rábade]