
- Alta Costura é unha peza de linguaxe xestual sobre a industria téxtil que pon o foco no noso actual consumo de roupa
- O Auditorio do Cine Alovi das Pontes acollerá este 24 de maio, ás 20 horas, a última creación da compañía de teatro físico liderada por María Torres e Gonçalo Guerreiro
- As entradas para a estrea de Alta Costura están á venda en aspontes.sacatuentrada.es
Esta mañá os medios tiveron a oportunidade de descubrir un adianto de Alta Costura, a última creación da compañía Elefante Elegante que reflexiona, cunha linguaxe xestual, irónica e poética sobre a moda e a súa estreita relación co consumo. A presentación tivo lugar a poucos días da estrea absoluta prevista para este sábado 24 de maio, ás 20.00 horas, no Auditorio do Cine Alovi das Pontes.
O acto contou coa participación dos directores da compañía, María Torres e Gonçalo Guerreiro, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia; Lorena Tenreiro, concelleira-delegada especial da Área de Cultura, Xuventude, Innovación e Novas Tecnolóxicas do Concello das Pontes; e Penélope López e Cristina Pardo, concelleira de Cultura e primeira tenente de alcalde do Concello de Culleredo, respectivamente. Canda eles estivo presente tamén o elenco da obra.
Na súa intervención, Lorena Tenreiro convidou “á cidadanía a non perder a estrea” e agradeceu “a presenza e o traballo dunha compañía coa traxectoria de Elefante Elegante no Cine Alovi”. Pola súa banda, Penélope López eloxiou “o bo facer da compañía e o seu compromiso con temáticas de interese social” cualificando de “honra e luxo” para o Concello de Culleredo o feito de ser residencia de Elefante Elegante “pola calidade artística e persoal do equipo”.
Xacobo Sutil aproveitou a súa quenda para gabar o compromiso dos concellos de Culleredo e As Pontes coa cultura e o teatro e salientou o labor de Elefante Elegante que cultiva “un teatro sempre con mensaxe e coa misión de crear espectadores con visión crítica”. Compañías como Elefante Elegante “con calidade, capacidade e traxectoria son un valor e encaixan á perfección nas axudas para a creación escénica promovidas por Agadic”. E rematou animando á veciñanza a “encher este precioso teatro na primeira función para ter a magnifica acollida que ben se merece a proposta”.
As palabras de María Torres e Gonçalo Guerreiro puxeron o foco na industria téxtil que describiron como “o elefante na sala”, lamentando que quizais Alta Costura “chegue demasiado tarde tal e como está o planeta”. Para ambos os dous, os actuais mecanismos de consumo son “un material fascinante para a creación de imáxenes” que usaron nesta “proposta irónica que fuxe da amargura e que combina poesía e comicidade para animar, sen xulgar, a unha reflexión necesaria a nivel, sobre todo, occidental”.
SOBRE O ESPECTÁCULO
Alta Costura é un espectáculo irónico e poético sobre a moda e a súa estreita relación co consumo, o recoñecemento social, a contaminación, a saúde e as condicións laborais. A peza dá unha especial importancia aos mecanismos de venda e á relación contemporánea que o gran público ten co acto de mercar e de tirar roupa. Trátase dunha creación de teatro de movemento que se detén detalladamente na industria “fast fashion”: a lóxica do mercado, as emocións vencelladas á necesidade de adquirir máis roupa e a rapidez con que os produtos son desvalorizados e se transforman en residuos altamente contaminantes.
A peza, baixo a dirección escénica de Gonçalo Guerreiro, está protagonizada por Sofía Espiñeira, Raquel Crespo, Pablo Sánchez e María Torres, a partir dun texto escrito por Tiago Alves Costa. Alta Costura está coproducida polo Concello de Culleredo e conta cunha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia e coa colaboración do Concello das Pontes. As entradas para a estrea deste sábado 24 de maio están dispoñibles en: aspontes.sacatuentrada.es.
SOBRE A COMPAÑÍA
Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar sobre temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, a música e as artes visuais. Os espectáculos de Elefante Elegante están baseados na relación do corpo co espazo e reflicten unha rigorosa investigación de xestos, movementos e imaxes.
A compañía, que este ano celebra 25 anos de actividade, foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro en Bélxica, onde permanecería ata 2007, data da súa instalación en Galicia. Na actualidade, Elefante Elegante ten a súa sede no concello de Culleredo, na Coruña, onde é compañía residente. As súas obras xa percorreron boa parte da xeografía española e tamén escenarios de Italia, Portugal, Alemaña e Colombia. Elefante Elegante atesoura varios premios María Casares, sendo o máis recente o recibido no 2024 pola mellor dirección de movemento da obra Un hotel de primeira sobre o río, do Centro Dramático Galego.
FOTO ADXUNTA | De esquerda a dereita: Sofía Espiñeira, Raquel Crespo, Gonçalo Guerreiro, María Torres, Jacobo Sutil, Lorena Tenreiro, Penélope López, Cristina Pardo e Pablo Sánchez [Foto: Vane Rábade]
ESTREA DE ‘ALTA COSTURA’, DE ELEFANTE ELEGANTE
- Sábado, 24 de maio, 20.00 horas
- Auditorio de Cine Alovi (As Pontes)
- Entradas: https://aspontes.sacatuentrada.es/
MÁIS INFORMACIÓN | www.elefanteelegante.net