Andanzas do Suso de Lameliña. NA PROCURA DO ESQUECEMENTO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

NA PROCURA DO ESQUECEMENTO



Segundo esperta, de novo, como adoita sucederlle desde hai tempo, séntese atrapado por esa xa familiar congoxa que non o abandona desde hai anos. A depresión de cada mañá, esa cruel sentinela, arrástrao de volta a un mundo do que xa non agarda ren. Mais hai algo a celebrar: outro día máis queda atrás e con el un menos que resta no seu inexorable camiño.

Nin un mísero raio de sol entra no cuarto. Porta e xanela ben pechadas son as causantes de tal feito. Un costume que lle vén da infancia cando a súa nai obrigábao a durmir na máis completa escuridade.

Pensa en dar media volta e tentar volver durmir, pero xa non acouga no leito. Dirixe a man, trémula e torpe, cara a mesiña de noite e faise co móbil. As dez. Levaba varias noites sen apenas pegar ollo, pero esta foi completa; máis de doce horas de sono ininterrompido.

Acende a luz e fica mirando cara ao teito. Vénselle á cabeza a voz melódica de Serrat e a man de pintura que necesita o teito. Cre ver deseñado no mesmo un lagarto arnal e a infancia preséntaselle coa viveza dun soño. Canto lle gustaban aqueles animaliños, que atrapaba cun lazos feito de herbas e logo metíaos nunha gaiola, onde os cuidaba con agarimo!

Agora, el tamén se sentía un arnal encerrado na súa gaiola, o cuarto.

Érguese con pouco ánimo e arrástrase ao baño. Dálle medo o espello e, sen atreverse a ollar para el, levanta a tapa do retrete e senta. Leva dous días sen cagar e esta mañá, malia todos os esforzos, tampouco é capaz. Vou ter que tomar a pílula esta noite, murmura para si. 

Deixa o retrete e marcha cara ao lavabo, de esguello mira para aquela especie de verme noxento que lle devolve o espello. Hoxe é un verme, pero outras veces vese como unha cascuda, unha cobra, unha sapagueira… Correndo lava cara e mans e diríxese á cociña.

Abre a neveira, nin un cartón de leite queda. Na lacena só dúas madalenas e no froiteiro, unha laranxa medio manida. Tras dar boa conta do frugal almorzo regresa ao cuarto.

Non lle queda máis remedio que ir ao super, pero non lle apetece nada. Desde que o botaron do traballo a rúa conveteuse na súa maior enemiga. Comeza a desprenderse do pixama pero muda de propósito e regresa á cociña. Menos mal que aínda queda media botella de whisky; determina esquecerse deste mundo infame. E non impactará dunha vez o asteroide 2024YR4, e remata con este planeta sen necesidade de facelo sufrir tanto?, preguntase, mentres bota un bo grolo de líquido reparador e se mete de novo na cama. Tempo terá para facer a compra. Colle da mesiña “Sumisión” de Michel Houellebecq e disponse a rematar de ler o derradeiro capítulo: “A fin da viaxe”.

Este sábado homenaxe a Rosalía con Eva Veiga e o grupo Ouriol na Casa-Museo Manuel María

A poeta e comunicadora Eva Veiga estará este sábado, día 22 de febreiro, véspera do día de Rosalía, na Casa-Museo Manuel María, para levar a cabo un marabilloso e emocionante recitado de poemas de Rosalía de Castro e Manuel María, baixo o título FIAR NA PALABRA.. Será ás 19 horas dentro dun espectáculo poético-musical-plástico titulado Fiar na palabra, en que estará acompañada polos músicos Bernardo Martínez e Fito Ares e o artista Alfonso Costa.

Os catro fan parte do grupo Ouriol, formación comprometida desde hai máis de vinte anos coa comunicación da poesía no noso idioma, tendo, desde os seus comezos, no seu repertorio os recitais dedicados á nosa poeta máis universal, Rosalía, como tamén ao propio Manuel María.

A realización do recital, cunha duración aproximada de cincuenta minutos, consistirá na recitación dunha escolla de poemas das obras de Rosalía e Manuel María, elaborada pola propia Eva Veiga. Un ritmo recitativo en avinza coa música improvisatoria interpretada por Bernardo Martínez –guitarra, saxo, percusión e xoguetes musicais- e Fito Ares –frauta e clarinete-. Sonoridades a crearen atmosferas igualmente constituídas en aparencia e intensidade por unha axeitada iluminación e por unha estética visual baseada na proxección das imaxes realizadas ex profeso polo artista Alfonso Costa.

A actividade é de entrada libre mais é necesario previamente facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Ofrenda floral a Rosalía de Castro ao carón do seu monolito en Vilalba

Continuando coa programación prevista para este mes de febreiro co gallo da homenaxe a ROSALÍA DE CASTRO, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a OFRENDA FLORAL A ROSALÍA AO CARÓN DO SEU MONÓLITO.

O acto levarase a cabo o sábado 22 de febreiro de 2025 ás 12:00 horas no PARQUE ROSALÍA DE CASTRO DE VILALBA.

Ademais da ofrenda floral, Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, procederá a dar lectura ao MANIFESTO “SAÚDE E TERRA” escrito por MARGA DO VAL, da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG).

Así mesmo, haberá tempo para RECITADO DE POEMAS, que estará aberto a quen desexe facelo. 

O IESCHA organiza a Palestra de Xosé Luís Axeitos na Casa da Cultura de Vilalba

Dentro da programación prevista para este mes de febreiro co gallo da homenaxe a ROSALÍA DE CASTRO, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a PALESTRA de XOSÉ LUÍS AXEITOS: Rosalía de Castro, na nobre tarefa de “narrar a nación”A presentación correrá a cargo da presidenta do Iescha, Marisa Barreiro.

O acto levarase a cabo o xoves 20 de febreiro de 2025, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.

Programación do IESCHA NO MES DE ROSALÍA

NOTA-INFORMATIVA-PALESTRA-XL-AXEITOS

O IESCHA organiza o concerto “De Lorca a Rosalía”, de Carlos Gómez Osa no Auditorio Municipal de Vilalba

Continuando coa programación prevista para este mes de febreiro co gallo da homenaxe a ROSALÍA DE CASTRO, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza o CONCERTO DE CARLOS GÓMEZ OSA: “DE LORCA E ROSALÍA” .

O acto levarase a cabo o venres 21 de febreiro de 2025 ás 20:30 horas no Auditorio Municipal de Vilalba

Co acompañamento da súa guitarra, como xa fixera no anterior concerto en maio de 2024, Carlos Gómez Osa, interpretará 18 cancións moi coñecidas de cantantes e grupos galegos, varias delas con poemas de Rosalía de Castro e de Federico García Lorca. 

A entrada será de balde. A reserva de localidade poderase facer en https://entradasvilalba.es/

Díptico Concerto DE LORCA A ROSALÍA

DIPTICO-CONCERTO-CARLOS-GOMEZ-OSA

NOTA-INFORMATIVA-CONCERTO-CARLOS-GOMEZ

Fallo do IV Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO

O xurado composto por Noa Pena, Xesa Roca e Lola Domínguez fallou o IV Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO, que convoca a Asociación Recreativa e Cultural San Martiño de Pino, coa colaboración de Caldaloba.es e Culturalia GZ.

O resultado da deliberación foi o seguinte:

1° Premio para a obra TEIMUDA, da que é autora Nanda Misa (Nigrán, Pontevedra).

2° Premio para a obra SALVAXE, cuxa autoría corresponde a Beatriz Dourado (Lugo).

A entrega de premios celebrarase no local da Biblioteca Rural San Martiño de Pino, o domingo 23 de febreiro ás 16:30 horas, dentro dos actos polo Día de Rosalía.