DEMIURXIA “Libros e outras intimidades” Patricia Torrado Queiruga

Biblioteca do Mosteiro do Escorial


DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

LIBROS E OUTRAS INTIMIDADES

Hoxe, coma todos os días, pero se cadra máis aínda, facemos esa gran festa dos libros. Que sería da especie sen o milagre da escritura e, por ende, da lectura?

Cando o ser humano decide que hai cousas que teñen que perdurar no tempo porque a sabedoría acadada é maior e non pode fíar todo á memoria ou á transmisión do coñecemento de xeito oral, aparece a escritura, aló nos albores “da humanidade” -e deixádeme que isto último o poña entre comiñas, que coa que temos enriba…

Escribimos muros, louza, papiro, vitela, o que se nos puxese por diante e precisamos logo do marabilloso invento da imprenta porque non nos chegaba a nada tanto soporte se non podiamos trasladar os textos cuneiformes do imperio acadio ou os muros do templo de Luxor ao longo e ancho do globo.

A mañá levoume a pensar non só neste caos de inicios, de soportes, de necesidades, en lugares e personaxes imbrincados en determinadas obras que todos coñecemos, senón no que hai antes ou despois. Nesa pulsión de quen che agasalla un libro ou de a quen agasallas un libro. Hai algo máis íntimo e valente nesa escolla individual? Case todos os libros que inundan os andeis da miña casa son unha escolla propia para a lectura ou unha escolla que alguén fixo para min. Conste que algo de refugallo tamén se xunta, pero igual é só un tres por cento do total.

E cada libro que me escolleron garda dentro das súas páxinas un re-cordis, con toda a etimoloxía da palabra latina, ollando en fite para min. O lugar no que me fixeron ese agasallo, a persoa que o fixo, a relación entrambas, un sentimento, unha despedida, un reencontro, un bico, un perfume, unha ilusión, un soño, unhas letras… E volvín pasar pola man todas esas lembranzas que son eu e son a outra persoa.

E volvín á voz da avoa cando me contaba o conto de Genoveva de Bravante para que comese algo; ás mans do avó, cando me ensinou o libro de ebanistería que herdara do seu pai -e este, á súa vez, do del-; aos meus doce anos e ao aburrimento inmenso dun verán no que, ás tres da tarde, non podías baixar á praia por ser cedo de máis, e aproveitei para apañar aquel volume de teatro de Shakespeare que ulía tan ben… Volvín á aquela mañá na que esta que agora escribe, tan infinitamente tímida, se achegou á súa profesora de literatura para suplicarlle que lle mudara o libro de lectura que lles puxera na aula porque non era capaz de pasar da páxina 20 -co tempo lino, por superalo,  e certamente non pagaba a pena-.  A Os dous de sempre, unha tarde e o número de teléfono de alguén a quen quero de marca páxinas. A aquel primeiro soldo como camareira, que recibía nun comezo por días, e do que gastara dez euros nunha edición de peto de Los pilares de la tierra do meu querido Follett.

Transitei por aqueles libros que eran compendios sobre outras civilizacións extintas que podían mercarse no todo a cen. Recuperei a ollada de repelús que me dedicara aquel mozo que me dixera, aos meus dezasete anos “pero tú lees mucho, ¿no?”. A aquel amor de universitaria que tivo a ben regalarme un libro de Sebastião Salgado vendo que quedara prendada daquel exemplar nunha caseta na Feira do Libro da Coruña.

A Xosé Antonio e todos os libros cos que traficamos e nos queremos. A Manuel e aquel libro de Wittgenstein que me toleou da cabeza e que segue en garda e custodia.

E volvín á ilusión de Laura Rey, que gardaba As mans da terra entre as súas coma protexendo un paxariño feble. Á ousadía de Rodrigo Costoya, que un día se puxo a escribir e, cando compendiou a vida do seu Pedriño en Portosanto descubriu que se lle fora das mans tanta impetuosidade. Ao síndrome da impostora e á indecisión de María del Carmen Rey, cando comezou a ceibar Escapados e Mulleres tras dos valos. Á necesidade de darlle voz a tantas historias acaladas da man de Rosario Regueira, ás Tardes de domingo de Ramona Giráldez, a ollar tras A fiestra aberta de Juan Parcero. E volvín a Arancha Nogueira, a Xosé María Vila Ribadomar, a cada unha destas persoas que un día soñaron e nós con elas.

Volvín a aquel primeiro libro ao que lle ilustrei a capa e que me uniu á persoa coa que hoxe comparto vida.

Ao libro que tan amorosamente me regalou o meu irmán por un aniversario e que… non fun nin quen de abrir porque me horrorizaba o autor, falecido hai nada.

Volvo á ollada do meu fillo cando lle lía A tartaruga que quería durmir, e, ao rematar, lle contaba aquilo de “e axiña quedou durmida” e el ollaba o debuxo e sinalaba a un mosquito e dicía, “Axiña debe ser esta”.

Volvo a quen lle dediquei libros, as amigas e aos amigos que escribides e que nalgún intre me agasalláchedes un libro, unhas letras nun pano de mesa, un recordo que merece quedar entre as páxinas dun libro, porque… a literatura dende sempre salvou vidas.

Proxección do documental “CARDOÑA, Fotos a 7 pesetas”, de Carlos Lorenzo, na Casa-Museo Manuel María


ESTE PRÓXIMO SÁBADO, 26 DE ABRIL, ÁS 20 H, PROXECTAMOS NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA O DOCUMENTAL CARDOÑA, FOTOS A 7 PESETAS, DE CARLOS LORENZO

Cardoña (José Gestal) foi un dos moitos fotógrafos espallados por Galiza que traballaban dun xeito ambulante como un medio de vida que lle permitía obter ingresos para subsistir. Cardoña era un obreiro da foto.

O seu traballo humilde converteuse sen el sabelo nun legado documental que hoxe serve para afondar no coñecemento da Galiza rural de boa parte do século XX. A súa filla Matilde e fotógrafos e expertos como Xurxo Lobato, Xoán Piñón, Carlos Castelao e Manuel Sendón cóntannos como era aquel oficio e homenaxean a quen contribuíu a que permanecese viva a nosa memoria.

A entrada para ver este documentario de Carlos Lorenzo é libre mais é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Despois da proxección manteremos un pequeno coloquio co seu director.

Máis información sobre este documentario en https://carloslorenzo.gal/fotosa7pesetas/

Palestra LIEDERS: NACE UNHA ESCRITORA, ROSALÍA DE CASTRO, impartida por Pilar García Negro, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a PALESTRA “LIEDERS: NACE UNHA ESCRITORA, ROSALÍA DE CASTRO, impartida por PILAR GARCÍA NEGRO, profesora honoraria da USC e escritora. 

O acto terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba o martes 22 de abril de 2025, ás 20:00 horas, e será presentado por Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.

NOTA-INFORMATIVA-palestra-PILAR-GARCIA-NEGRO

Andanzas do Suso de Lameliña. O BERRO DO SILENCIO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O BERRO DO SILENCIO


Por un motivo ou por outro, o que fora unha das súas grandes paixóns acabara por caer, sen remedio, no esquecemento. Quen antes enchera veladas con melodías, agora permanecía en silencio. As noites de esplendor semellaban pura utopia e o eco dos seus días de gloria esvaecíase na brétema do tempo. As obrigas cotiás e sobre todo o feitizo de novas afeccións, como a pintura e a escritura, fixeron do seu vello aliado algo ocioso, irrelevante. Agora, permanecía relegado nun recuncho do  salón, atrapado na súa caixa e cuberto por unha fina capa de po.

Había momentos que sentía remordementos e, por un breve tempo, collíao nos brazos e conseguía sacarlle un sorriso. Mais, pronto se cansaba e devolvíao ao seu encerro, dunha maneira fría, case despectiva.

Hoxe, ao pasar ao seu carón, lembrouse de que había máis de dous meses que non lle prestaba atención . Achegouse a el e un suspiro ruidoso, entre rabia e  deseseperación, pareceulle que saía do interior do estoxo, reclamando atención.

—Ah, estás aí! —exlamou, co corazón axitado polo que viña de escoitar.

—Levo aquí media vida —contestoulle desde dentro da súa gaiola— Pero iso a ti iso dache igual, verdade?

Ficou petrificado, sen saber que facer. O sentimento de culpa impedíalle reaccionar. O acordeón continuou:

—Lémbraste cando chegaches ao “Arco Iris” e me elixiches entre máis de media ducia que che amosou o dono?  Eu non me esquezo, non, viñas cun colega meu, que deixaches alí para que eu che resultase máis económico. Agora pregúntome. Cando me tocará a min pasar por ese trance? Porque cada vez teño máis claro que me detestas. Ai, aqueles anos! Xa esqueciches os concertos con bailes baixo a luz ténue do solpor, que facían que me sentise vivo? Tempos felices aqueles, e non como agora, encerrado aquí, dia tras día, facéndose eternas as horas.

O dono baixou a cabeza, incomodo e avergonzado, dirixiuse cara a el. Abriu a caixa e tomouno en brazos. O acordeón seguiu a falar:

—Eramos inseparables, e os teus dedos atopaban as harmonías precisas nas miñas teclas, cada nota era unha confesión, un segredo. Ata que rematada a pandemia todo mudou. Un día deixaches de collerme e tras del viñeron outros e outros. O encanto, polo motivo que fose, esvaecérase. Foi quizais culpa miña, di?  Ou hai outro motivo? Acaso xa non che sirvo? 

Tentou  responder e nun fino fío de voz, murmurou:

—Non é iso. Ti non tes culpa ningunha…, é a vida, os problemas.

—A vida! —exclamou o acordeón. Desculpas, só desculpas. Eu estiven sempre ao teu lado nos momentos de alegría pero tamén nos malos e así é como mo agradeces?

O silencio envolveu o salón. Abriu os foles e comezou a acariñarlle as teclas. Despois de moito tempo, o acordeón comezou a respirar compasadamente e as notas encheron de nostalxia e ledicia o salón. Esa noite as paredes volveron vibrar de novo, cun vals perdido, cun pasodobre agardado, cunha muiñeira sentida. Quizais aquel vello amor aínda non morrera de todo. Quizais só estaba esmorecido e a tempo de rexurdir.

Presentación do libro Microrrelatos Premiados no V e VI Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO na Casa da Cultura de Vilalba [Galería gráfica]


Este sábado 12 de abril ás 12 h. a Casa da Cultura de Vilalba acolleu a presentación do libro Microrrelatos Premiados no V e VI Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO. Un volume editado por Alvarellos Editora, e no que aparecen os dezasete textos que acadaron galardón no V e VI Certame do Concello de Vilalba.

Na presentación participaron Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba, presidindo a mesa na que tamén estive ron Mónica González en calidade de concelleira de Cultura e Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora.

O acto foi conducido por Martiño Maseda, administrador de Culturalia GZ, web cultural que colabora co Concello de Vilalba na convocatoria deste concurso de narrativa hiperbreve. Ao pouco de comezar a presentación produciuse unha ‘interrupción’ teatral co título de Protocolo Micro, interpretada por dúas actrices da Escola Municipal de Teatro de Vilalba, Susana Pérez Fernández e Tamara Grandío Barrio. A continuación interviron Mónica González e Henrique Alvarellos, que salientaron o bo camiño que levaba o Certame de Microrrelatos dentro do panorama literario galego. Na parte final do acto leron os seus textos Duarte Mariño Torrado, Paula Pérez Cendán, Henrique Neira Pereira, Lucía Domínguez Pereira, María Fernández Escariz e Carlota Millor Prado, autores/-as premiadas nas edicións de 2023 e 2024. O acto rematou coas palabras da alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a foto colectiva de todas as partes implicadas no desenvolvemento do certame literario ( entidades convocantes, editorial e persoas galardoadas).

Velaquí unha galería fotográfica que recolle distintos momentos da presentación deste sábado

*Imaxes facilitadas por Sonia García, técnica de Cultura do Concello de Vilalba