O IV Certame de Literatura LGTBIQ+ do Atlantic Pride xa ten relatos gañadores

Manuel Iglesias Vila, co relato Que vai ser de nós cando sexamos vellos?, gaña o primeiro premio; mentres que Óscar Vila Ferreiro álzase co segundo, co texto No solpor; e María Salinas García acada a terceira posición con Groenlicia

A entrega de premios do certame terá lugar esta tarde, durante a xornada de clausura desta 6ª edición do Atlantic Pride, nos Xardíns de Méndez Núñez, ás 19.30h, antes dos directos de Anabel Conde, Kuve, David Civera e o dj Iván Flashback

Este concurso literario de relato curto sobre diversidade, que o Atlantic Pride organiza en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña, naceu en 2022 para visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBIQ+

As obras gañadoras, en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBIQ+, recibirán premios en metálico de 600, 300 e 100€ respectivamente

O Atlantic Pride está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, co patrocinio institucional do Concello da Coruña, o apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic

O IV Certame de Literatura LGTBIQ+ do Atlantic Pride xa ten relatos gañadores. Manuel Iglesias Vila, co relato Que vai ser de nós cando sexamos vellos?, gaña o primeiro premio; mentres que Óscar Vila Ferreiro álzase co segundo, co texto No solpor; e María Salinas García acada a terceira posición con Groenlicia. As obras gañadoras -en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBIQ+- recibirán premios en metálico de 600, 300 e 100 €, respectivamente.

A entrega de premios do certame terá lugar esta tarde, durante a xornada de clausura desta 6ª edición do Atlantic Pride, nos Xardíns de Méndez Núñez, ás 19.30h, antes dos directos de Anabel Conde, Kuve, David Civera e o dj Iván Flashback.

Este concurso literario de relato curto sobre diversidade, que o Atlantic Pride organiza en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña, naceu en 2022 para visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBI+.

GRANDES DIVAS DO POP, TALENTO GALEGO, ICONAS LGTBIQ+ e DRAGS NO ORGULLO DO NORTE 

Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride celebrará a súa 6ª edición na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva.

A cita, que na súa pasada edición reuniu a máis de 25.000 persoas, está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, co patrocinio institucional do Concello da Coruña e o apoio da Deputación da Coruña. O Atlantic Pride conta, tamén, co patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic. O encontro nace no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBIQ+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social e unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular.

Neste 2025, o Atlantic Pride regresa como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comenzo do verán ao longo da Península e no que, un ano máis, se darán cita coloridas propostas para todos os públicos. Así, no Atlantic Pride non faltarán concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega e a celebración do IV Certame Literario de Literatura LGTBIQ+, da man do Club de Lectura QUEERuña, que na súa pasada edición rexistrou o seu récord de participación e que neste 2025 ten xa aberta a súa convocatoria para recibir relatos ata este sábado, 31 de maio.

Nesta 6ª edición, o Atlantic Pride contarña coa presencia de cinco grandes divas do pop español, Judeline, Edurne, Nia, Merche e Paula Koops, que encherán a cidade herculina de cor e diversión, cunhas voces que farán as delicias de diversas xeracións. Xunto a elas, a nova escena musical galega subirase un ano máis ao escenario do ‘Orgullo do Norte’ coruñés, da man de De Ninghures, Coolnenas, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla.

A elas súmanse, tamén, catro grandes iconas da cultura e a música LGTBIQ+, como son Jimena Amarillo, Mayo e os dj’s Sofía Cristo e Cascales. Turista Sueca poñerá a súa boa dose de festa, petardeo e humor, mentres que aos pratos estarán, tamén, La Kristhofer, Kris K DJ, DJ90, DJ Licho, DJ Flashback, DJ Espinoso e DJ CÉS.

Ademais, o mellor talento drag queen estatal e galego, de Drag Race ao Claro Boba!, sumaranse este verán á festa do Atlantic Pride, que neste 2025 contará co maior elenco drag da súa historia. Así, polas táboas do ‘Orgullo do Norte’ desfilarán grandes iconas queer como Samantha Ballentines, Arantxa Castilla-La Mancha & OnyX Unleashed, Yasmine Lutar, Liteah, RRRITA, Escarlatina Pier, Ariel REC & Gaylicia y Kelly Amethyst. Finalmente, a xornada de clausura do Atlantic Pride será un auténtico revival eurovisivo coas voces de David Civera, Anabel Conde e Kuve.

En paralelo á programación deste Atlantic Pride 2025, o sábado 12 de xullo, o local Claro Boba! e o programa da TVG Raíña-me! Organizan a ‘Afterpartie Raíña-me!’, con entrada libre e actuacións de Alexa Evans, Marisa Prisa e Kim Miller a partir das 02.30h. 

20250713-NP-GANADORES-CERTAME-LITERATURA-LGTBIQ-Atlantic-Pride-2025

Andanzas do Suso de Lameliña. EL ARTE DE CAMINAR Y EL PLACER DE SENTIR. UN PASEO POR EL LITORAL DEL TEIDE

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

EL ARTE DE CAMINAR Y EL PLACER DE SENTIR.

UN PASEO POR EL LITORAL DEL TEIDE

Din que ler é un xeito de viaxar sen saír do teu cuarto, ou baixo a sombra da figueira ou do carballo, onde adoitas refuxiarte nos días calorosos de verán. Foi o que eu fixen coa lectura do libro do meu amigo José Manuel Espiño Meilán, “El arte de caminar y el placer de sentir. Un paseo por el litoral del Teide”.

Durante uns días seguín os pasos de José Manuel e do espíritu do seu amigo e compañeiro por este litoral canario, sentindo como a brisa do Atlántico —ese mar que nos une— atravesando montañas e vales chegaba ata min. Unha viaxe compartida na que descubrín novas paisaxes, tamén emocións, que xa me pertencen.

O libro é máis ca un paseo: é unha cartografía detallada desta parte do leste da costa de Gran Canaria, onde o autor mestura percepcións sensoriais, lembranzas do pasado, referencias culturais, reflexións… Unha mirada respectuosa cara ao entorno cun claro compromiso ecoloxista. Non todo no camiño resulta grato. O relato móstranos como nas últimas décadas este litoral se viu degradado pola intervención humana, especialmente pola urbanización desmedida. Mais tamén hai espazos que experimentaron melloras: algúns recunchos e praias, antes lugares moi contaminados, agora gozan de moi boa saúde, mesmo orgullosos exhiben bandeira azul. Algo que demostra que cando as administracións teñen vontade de compromiso é posible tomar medidas eficaces para minimizar ou mesmo erradicar os impactos negativos provocados pola acción humana.

O caso de Melenara, exemplo de recuperación e dignificación do espazo público, pode servirnos de guía e esperanza. Onde hoxe hai paseo, árbores, esculturas no mar, hai corenta anos estaba saturado de chabolas, casetas precarias, construccións sobre a area que chegaban ao mesmo borde do mar; unha auténtica desfeita ecolóxica.

Acantilados, roques, covas, praias, lagoas… Todo isto percorrín da man de José Manuel, onde a súa mirada e a súa voz me foron guiando por sendeiros descoñecidos. Non camiñei só; fun acompañado por sentimentos e emocións que afloraban ante a presenza dalgún barranco, dalgunha fumarola, dalgunha especie vexetal ou animal autóctonas, transformando o meu camiñar en meditación, en pensamento e en reflexión.

A arte de camiñar e o pracer de sentir son universais e Espiño é quen de escribilos escoitando á terra antes de falar dela. O litoral do Teide pode estar moi afastado en quilómetros de Galicia, mais o que nos transmite este libro é todo o contrario. O camiñar por esta volcánica costa traspasa coordenadas porque no fondo fálanos dunha paisaxe interior que todos levamos pero poucas veces somos conscientes e non nos detemos a observala.

Ao rematar a lectura e polo tanto a viaxe, sentín unha conciencia máis nidia da beleza que nos ofrece a nosa nai natureza, tamén da súa fraxilidade. Fíxenme máis consciente, se cabe, da necesidade de protexer a terra, se queremos que os nosos netos poidan vivir nun mundo saudable, onde poidan camiñar non só por pracer, senón tamén por gratitude.

O VII Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2025 xa ten obras gañadoras

O pasado venres 27 de xuño tivo lugar a xuntanza do xurado deliberador no VII Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2025, que convoca o Concello de Vilalba, coa colaboración de Culturalia GZ. Dito xurado estivo integrado por Emma Pedreira, Mercedes Queixas Zas e Silvia Tasende, acompañadas por Mónica González Fernández e Sonia García, que actuaron como presidenta e secretaria, respectivamente, con voz mais sen voto. Tamén estivo presente na deliberación Martiño Maseda, representando a Culturalia GZ. Despois do proceso de deliberación acordaron emitir a seguinte listaxe de premios.

(Véxanse as imaxes que aparecen a continuación)

O xurado, ademais de referirse á calidade dalgunhas das obras presentadas; chegou a propoñer a posibilidade de crear un obradoiro de microrrelatos.

A entrega de premios está prevista que se celebre a comezos de setembro.

O Festival Atlántica ofrece unha panorámica multicultural da narración contemporánea este venres 4 en Santiago e Teo

  • Carme Varela, Quico Cadaval, Carolina Arabia, Carmen Conde, Miguel Gouveia e moitos máis protagonizan un día cheo de emocións e narración viva
  • Os CSC centran a actividade do festival con funcións no Aurelio Aguirre, Bando e Laraño e mais un na Escola Semente para o seu campamento
  • Alén de Santiago e Teo, Atlántica tamén estará en Ferrol, Mugardos, Dodro, Cedeira, Vilalba, Betanzos, Caldas de Reis, Cuntis, A Capela, Pazos de Borbén, Sanxenxo, Ribeira e A Pobra do Caramiñal
  • Toda a programación pódese consultar en festivalatlantica.gal

O Festival Atlántica continúa a súa viaxe polos camiños da oralidade cunha intensa xornada este venres, 4 de xullo, que espallará contos, memorias e emocións para públicos de todas as idades en Santiago de Compostela e Teo.

A xornada comezará cedo, ás 10.30 h, nas rúas compostelás coa exitosa andaina narrada para adultos A pegada de Castelao, guiada por Carme Varela e Quico Cadaval. Esta actividade é a segunda edición que se desenvolve logo de esgotarse todas as prazas da primeira nun tempo récord. A pegada de Castelao é máis que un roteiro, é unha viaxe á alma dunha cidade e ao recordo dun dos seus inquilinos máis ilustres. Un encontro entre historia e teatro de rúa, onde a memoria latexa nas esquinas e Castelao regresa, por un intre, ao lugar que tanto lle deu.

A programación matinal continúa en diversos centros socioculturais de Santiago cunha oferta ampla e diversa pensada para os máis pequechos. Ás 11.00 h, na Escola Semente, o portugués Miguel Gouveia levará ás crianzas do campamento as súas historias co espectáculo Esquecín como se chama e outras historias que non lembro. Ás 12.00 h, tres escenarios simultáneos encheranse de contos para públicos infantís e familiares. No CSC Aurelio Aguirre, Inés Álvarez Villa traerá as lendas dunha Escocia de conto. No CSC de Bando, Loreto Socorro ofrecerá o divertido Crocodilo, directamente desde Canarias. E no CSC de Laraño, Paula Carbonell presentará os seus Divinos animais nunha viaxe desde Valencia.

Cando a música une especies

Xa pola tarde, a palabra segue a encher Compostela de emocións. Ás 19.00 h, no Museo do Pobo Galego, a arxentina Carolina Arabia compartirá co público adulto De cantos e animais, un fascinante percorrido oral e sensorial por culturas que cantan aos animais para convivir con eles. Desde as chairas de Colombia e Venezuela ata os campos de Bután ou as montañas de Marrocos, a voz humana dialoga coa natureza nun idioma ancestral feito de melodías e intuición.

Durante oito anos de viaxes e escoita atenta, Arabia recompilou historias, cantos e saberes que testemuñan unha relación íntima e esquecida entre humanos e animais: cántase para minguar a soidade, para muxir, para arar, para guiar ou simplemente para estar. As frautas imitan os sons das criaturas, os instrumentos están feitos co que a terra ofrece, e a música convértese nun vínculo de entendemento máis aló das palabras. De cantos e animais opera como un exercicio de memoria viva das culturas rurais e un convite a preguntarnos se, algunha vez, compartimos con outras especies un mesmo idioma. E se ese idioma común non era, quizais, o verdadeiro paraíso.

Homenaxe ás vidas anónimas

A xornada pecharase con forza nos Xardíns do CSC Maruxa Coralia, ás 21.00 h, co espectáculo galego O que non estaba escrito de Carmen Conde, unha oportunidade para mergullarse nas historias que nunca pasaron ao papel, mais que viven na memoria oral e na imaxinación. Cun estilo que mestura realidade e delirio, Conde presentará unha escolma de relatos onde o cotián e o extraordinario conviven sen fronteiras. Unha proposta para público adulto que celebra as vidas anónimas e os contos improbables, devolvéndoos á palabra viva coa súa marca persoal. Carmen Conde estará acompaña por unha das voces emerxentes da narración oral do pais: Aida Cobas. Ademais, o espectáculo contará con interpretación en lingua de signos para garantir a accesibilidade.

Historias inesquecibles en Teo

En Teo, tamén será un día cheo de historias que comezará ás 12.00 h no CEIP de Ramallosa (Lucí) onde Aida Cobas levará a súa Fada do saco verde ao campamento de verán e ao público infantil e familiar. Ás 21.00 h, a Antiga Escola de Nenas de Oza acollerá o contacontos Vénme ao bico un conto do portugués Miguel Gouveia, unha proposta para público adulto que celebra o acto de contar e escoitar como unha forma de entender o mundo, reconstruílo e soñalo de novo.

FESTIVAL ATLÁNTICA

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.

FOTO PORTADA | De esq a dereita: Carme Varela, Quico Cadaval, Miguel Gouveia, Inés Álvarez, Loreto Socorro, Paula Carbonell, Carolina Arabia, Carmen Conde e Aida Cobas

O Festival Atlántica esténdese polo sur de Pontevedra con contos para rir, pensar e compartir

  • O veterano encontro de narración oral estará en Caldas de Reis, Sanxenxo, Cuntis e A Estrada
  • Simone Negrin explora en caldas de Reis as conexións máxicas entre Galicia e Nápoles cun espectáculo cheo de humor e superstición
  • Oswaldo Pai mestura poesía e máquinas imposibles en funcións en Caldas de Reis e Sanxenxo
  • Pakolas fai vibrar Sanxenxo coas cancións máis molonas para os máis pequenos
  • En Cuntis, Pablísimo pedalea con ‘Cavicibai’ ata o corazón da infancia cunha bicicleta chea de contos e sorpresas
  • Esta edición de Atlántica, a número 13, inspírase nos sanandresiños de Teixido como símbolo de protección e memoria
  • Toda a programación pódese consultar na web festivalatlantica.gal

XIII Festival Atlántica da narración oral continúa a espallar historias por toda Galicia e chega con forza ao sur da provincia de Pontevedra cunha programación diversa que se estenderá desde hoxe, 2 de xullo, ata o domingo 6. Os municipios de Caldas de Reis, Sanxenxo, Cuntis e A Estrada converteranse durante eses días en escenarios para a palabra viva, acollendo contos para todas as idades, en distintos idiomas e con voces de dentro e fóra do país. A través desta programación, o Festival Atlántica continúa a levar a narración oral a espazos públicos, naturais e patrimoniais, tecendo unha rede de encontros onde a palabra é protagonista e a comunidade volve reunirse ao redor da tradición máis viva que temos: contar e escoitar.

A esencia napolitana e a poesía robótica desembarcan no Malecón de Caldas de Reis

A programación en Caldas de Reis abrirase este mércores 2 de xullo ás 21.00 h no fermoso entorno do Parque-Xardín Botánico, con Fare le corna do actor e narrador Simone Negrin (Italia-Galicia), un espectáculo que viaxa entre culturas e crenzas, afondando nas conexións sorprendentes entre Galicia e Nápoles. Cun ton irónico, afectuoso e sempre teatral, Negrin mergúllase na relación co infortunio, co máis alá e coa presenza constante dos mortos na vida cotiá. A partir da súa experiencia persoal —italiano con sangue napolitano e unha década vivida en Galicia—, o artista constrúe unha proposta que mestura lingua, identidade e superstición, revelando similitudes inesperadas entre as dúas culturas: dende o léxico ata o relativismo existencial, pasando pola convivencia íntima cos espíritos dos devanceiros.

En Nápoles, os mortos volven nos soños para darche os números da lotería. En Galicia, quizais simplemente escoitan. E Negrin, entre risos e reflexión, invítanos a escoitar tamén. Fare le corna é un espectáculo para público adulto que conxuga humor, tradición oral e teatro narrativo, ofrecendo unha ollada orixinal e divertida sobre o que non sempre nos atrevemos a contar.

venres 4 ás 11.00 h, o mesmo espazo acollerá Artiloxios, de Oswaldo Pai (Aragón), unha combinación de contacontos, poesía e dispositivos robóticos para público infantil (+8 anos) e adultos. Oswaldo Pai é o artífice dun espectáculo que transforma a poesía nun xogo sensorial cheo de inventiva e humor. Artiloxios é unha festa de versos e artefactos: máquinas caseiras e marabillosas que fan soar os poemas, acenden a imaxinación e fan rir.

Entre engrenaxes e palabras aparecen o grafitófono, o susurrófono ou o ascensor ascensonórico, dispositivos únicos que acompañan a lectura de textos de autores como Gloria Fuertes, Lorca, Maria Elena Walsh ou Gerardo Diego, entre outros. Un espectáculo lúdico e sorprendente que esperta a curiosidade e celebra a poesía como unha experiencia viva, chea de ritmo, misterio e inventos imposibles.

Sanxenxo: rock, humor e fantasía para toda a familia

O xoves 3 de xullo ás 11.00 h, o CEIP A Florida de Sanxenxo acollerá As máis molonas de Pakolas, un concerto divertido e cheo de enerxía no que o músico Pakolas repasa os grandes éxitos da súa discografía pensada para os máis pequenos. Coa súa guitarra, a súa voz e moito humor, Pakolas crea un espectáculo cheo de ritmo e participación cunha posta en escena tan espontánea como eficaz. As máis molonas de Pakolas é un concerto que conxuga música, narración e xogo, ideal para familias que queren compartir un intre de alegría e movemento ao ritmo do galego máis molón.

O venres 4 ás 21.30 h, Artiloxios de Oswaldo Pai repetirá función en Sanxenxo, desta volta na Casa Mariñeira Don Fernando, cunha sesión aberta a público adulto e cativada maior de 8 anos, para gozar da poesía feita obxecto e da palabra que vibra entre trebellos fantásticos.

Cuntis: contos entre pedras e natureza

O máxico Castro de Castrolandín será o escenario da proposta que o Festival Atlántica achega a Cuntis: o venres 4 de xullo ás 12.00 h, Pablísimo presentará Cavicibai, un espectáculo sobre rodas pensado para público a partir de 3 anos, onde cada pedalada abre a porta a un novo conto. A protagonista é unha bicicleta máxica que transporta historias por camiños reais e imaxinarios. A bordo dela viaxa tamén un Kamishibai —teatriño xaponés de papel— e tres caixóns cheos de sorpresas, dos que poden saír contos, obxectos, cancións ou lembranzas inesperadas. Cabicivai é unha proposta lúdica e participativa que une movemento, narración e xogo escénico para facer medrar a curiosidade e a fantasía dos máis pequenos. Unha viaxe única, a golpe de pedal, onde todo pode acontecer.

A Estrada: contos ao sol e ao son dun vermú

A xornada do domingo 6 de xullo ás 13.00 h, Riobó (A Estrada) será escenario dun dos encontros máis festivos de Atlántica que opera tamén como clausura oficiosa: o Vermú de contos, unha sesión aberta e informal onde diferentes artistas participantes desta edición compartirán historias en galego, portugués e castelán. A actividade require inscrición previa no correo festivalatlantica@gmail.com e está dirixida a público adulto.

Palabra viva como amuleto

Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.

A presenza de Atlántica en terras pontevedresas é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña así como ao patrocinio dos concellos de Caldas de Reis e Sanxenxo e á colaboración da Fundación Terra Termarum Castrolandín e da asociación Amigos dos Castros. Estes catro concellos de Pontevedra forman así parte das máis de 27 localidades galegas e portuguesas que este ano acollen o festival. Toda a información está dispoñible na web: www.festivalatlantica.gal.

Simone Negrin presenta ‘Fare le corna’ – ESTREA ABSOLUTA Atlántica 2025

Oswaldo Pai presenta ARTILOXIOS

FESTIVAL ATLÁNTICA

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.

FOTO PORTADA| De esq a dereita: Simone Negrin, Oswaldo Pai, Pakolas e Pablísimo

DOSSIER XERAL FESTIVAL ATLÁNTICA 2025

XERAL-Dossier-prensa-Atlantica-2025_compressed

O Festival Atlántica inunda Santiago e Teo con contos para soñar, rir e lembrar este 3 de xullo

  • A mañá volve estar protagonizada polas funcións para a cativada nos CSC de Fontiñas, Gracia e Figueiras e mais no CRA de Casalonga-Calo de Teo
  • A tarde-noite será para o roteiro sobre Castelao Con Carme Varela e Cadaval e os contos ao bico do portugués Miguel Gouveia
  • Alén de Santiago e Teo, Atlántica tamén estará en Sanxenxo, Ourense, Ferrol, Mugardos, A Pobra do Caramiñal e Iria Flavia
  • Toda a programación pódese consultar en festivalatlantica.gal

O Festival Atlántica continúa a súa celebración da narración oral cunha intensa xornada o xoves 3 de xullo nas localidades de Santiago de Compostela e Teo. Contos para todas as idades, con acento galego e tamén internacional, daranse cita ao longo do día en diferentes espazos, tanto urbanos como naturais. O Festival Atlántica continúa a celebrar a forza da palabra contada, conectando públicos e culturas a través de historias que emocionan, divirten e fan pensar.

A programación en Santiago arrincará pola mañá con tres funcións simultáneas ás 11.30 e 12.00 horas, dirixidas a campamentos de verán e público familiar (+4 anos), todas en galego. Trátase de Procúrase Pepa a Loba, de Cris Collazo, no CSC Fontiñas (11.30 h), unha proposta chea de humor e retranca; Andar aos biosbardos, de Charo Pita, no CSC da Gracia (12.00 h), un paseo por contos que mesturan tradición e fantasía; e para rematar, Na punta do pé, co dúo formado por Luís Prego e Samuel Soto, no CSC de Figueiras (12.00 h), onde música e palabra se dan a man.

Revivir a pegada de Castelao

Xa pola tarde, ás 19.00 h, as rúas de Compostela acollerán unha das actividades estrela do día: A pegada de Castelao, un paseo narrado pola historia e a memoria da man de Carme Varela e Quico Cadaval. Esta proposta convida a revivir a Compostela que coñeceu e amou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao nun roteiro literario e emocional que percorre a cidade a través da súa pegada máis humana.

Durante nove anos, Castelao viviu en Compostela, entre viños na Casa de Lea, callos nas Crechas e cantos de serenos nas noites compostelás. Anos que el mesmo evocaría no exilio como tempos de “ledicias no corazón” sen tristuras. Esta actividade, pensada para público adulto, propón un paseo narrado entre pedras, prazas e campás. A pegada de Castelao non é só un roteiro, é unha viaxe á alma dunha cidade e ao recordo dun dos seus inquilinos máis ilustres. Un encontro entre historia e teatro de rúa, onde a memoria latexa nas esquinas e Castelao regresa, por un intre, ao lugar que tanto lle deu.

Contar como quen bebe da fonte

A xornada compostelá rematará cun toque internacional ás 21.00 h nos xardíns do CSC Maruxa Coralia, coa actuación do narrador portugués Miguel Gouveia e o seu espectáculo Vénme ao bico un conto, unha proposta para público adulto que celebra o acto de contar e escoitar como unha forma de entender o mundo, reconstruílo e soñalo de novo.

Desde a súa vila natal, Figueira da Foz, Gouveia chega con palabras vivas que brotan coma auga fresca dunha fonte. A súa voz, clara e cadenciosa, convida ao público a entrar nun espazo onde a empatía, a memoria e a imaxinación se tecen en cada historia. Inspirado nun dito popular —”veume á bica un conto”—, o narrador propón un intre de encontro no que as tramas se constrúen a medias entre quen conta e quen escoita, nun diálogo tan antigo como humano.

Porque contar é compartir, é crear comunidade e lembrar que seguimos precisando, máis ca nunca, historias que nos expliquen e que nos fagan sentir acompañados. Cun estilo fresco, próximo e profundamente humano, Miguel Gouveia ofrécenos unha experiencia única de narración oral que nos lembra que os contos, como a esperanza, sempre volven á boca.

Teo: contos para os máis pequechos

A programación en Teo tamén se une á festa da oralidade con Garavanciña, de Bea Campos, unha historia tenra e divertida para público infantil (ata 8 anos) e familiar. Terá lugar ás 12.00 h no CRA de Casalonga-Calo, dentro da programación para campamentos de verán.

Nesta adaptación fresca e coidada, a historia de sempre —recoñecible pola súa estrutura tradicional e o seu universo simbólico— presenta unha visión renovada dos roles e dos costumes populares, sen perder a fantasía nin a musicalidade que fan destes contos unha ferramenta esencial para medrar. Garavanciña é un convite a escoitar, soñar e descubrir a través da palabra dita en voz alta. Un espectáculo que conxuga tradición, aprendizaxe e imaxinación, perfecto para dar os primeiros pasos no marabilloso mundo dos contos contados.

FESTIVAL ATLÁNTICA

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.

FOTO PORTADA|  De esq a dereita: Cris Collazo, Charo Pita, Samuel Soto e Luís Prego, Carme Varela, Quico Cadaval, Miguel Gouveia e Bea Campos