O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo quenta motores cunha primeira tarde de actividades abertas ao público, con entrada de balde, no Pazo da Cultura, coa proxección, ás 17.30 horas, do avance do documental ‘Ao son da regueifa’, de Undodez, e a celebración da mesa redonda, ás 18.00 horas, ‘A arte do canto improvisado’, da man do Consello da Cultura galega

Do 25 de setembro ao 31 de outubro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo achegará a Galicia una coidada selección de espectáculos á altura dos teatros e festivais máis representativos de España e Europa, con pezas que triunfan no Teatro Español, a Compañía Nacional de Teatro Clásico, o Centro Dramático Nacional, os Teatros del Canal, Fetén, o Festival Temporada Alta de Girona, Almagro ou o Festival de Otoño

Durante cinco semanas, o FIOT de Carballo encherá ás salas, as rúas e os espazos non convencionais da vila bergantiñá con propostas de artistas e compañías como Andrea Jiménez, Jan Lauwers, Juan Diego Botto, Sergio Peris-Mencheta, María Galiana, Alex O’Dogherty, Lucas Escobedo, Pont Flotant, Gabriel Chamé Buendía, Galeatro, Pistacatro, Needcompany, Gonzalo Cunill, Paula Carballeira, Ainé, Quico Cadaval, Evaristo Calvo ou El Patio Teatro

“Raíz viva, memoria colectiva” é o leitmotiv dunha edición que busca poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade e que contará con propostas abertas a todos os públicos, formatos e sensibilidades, procedentes de 3 países e 9 comunidadesautónomas, ademais dunha vintena de actividades de mediación

AXENDA FIOT34 MÉRCORES 24 DE SETEMBRO

Este mércores, 24 de setembro, ás 17.30 horas, proxectarase o avance do documental ‘Ao son da regueifa’, de Undodez, que retrata o renacer desta arte de improvisación oral tan nosa para descubrir as voces que a manteñen viva na actualidade.

E, xa contra ás 18.00 horas, abrimos un espazo para a conversa da man do Consello da Cultura Galega, cunha mesa redonda titulada ‘A arte do canto improvisado’, que pon o foco na regueifa, un rico elemento do noso patrimonio cultural inmaterial. 

Os regueifeiros e especialistas neste xénero artístico Alejo Amoedo, Domingo Blanco, Lupe Blanco e Manuel Maseda participarán nesta sesión de análise e divulgación desta expresión cultural que consiste nunha disputa dialéctica a través do canto oral improvisado en verso, e que se caracteriza polo uso creativo do humor, da música e da crítica social. Bergantiños é rico nestas manifestacións, que en Carballo aínda se manteñen vivas a través de diversos proxectos que a poñen en valor.

Deste xeito, a regueifa protagoniza a tarde de apertura do FIOT34 este mércores 24 de setembro, como aperitivo da ambiciosa e inédita proposta escénica ‘Territorio Regueifa’, de Ainé Producións e coproducida polo FIOT e o CDG, espectáculo encargado de inaugurar o programa de sala do festival a vindeira semana, os días 3 e 4 de outubro, no Pazo da Cultura.

Tamén este mércores, ás 20.00h, no marco do FIOT, poderás asistir á inauguración das exposicións ‘Zoom FIOT’ e ‘Xesto’, de Noelia Paz, coa música en vivo da banda carballesa Quercus Blues.

Actividades de balde, abertas a todos os públicos. 

Raíz viva, memoria colectiva.

Carballo é raíz, Carballo é teatro. 

Ven gozar do FIOT!

Máis información en www.fiot.gal.

A3-documental-e-xornada

CCG_ac_2025_programa-mesa-redonda-regueifa