Volve o Autobom, o encontro primaveral de autoedición da Coruña

A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, organiza outro ano máis o Autobom, unha reunión por e para a xente que goza coa autoedición e a xestión da súa obra

O encontro estenderase dous días, desde a tarde do venres 9 á noite do sábado 10 de maio, e transcorrerá en varias localizacións: o venres na imprenta de produto Borrón e na Tobeira de Oza, e o sábado na Revolteira, pechando a xornada cunha festa no popular pub El Siglo

Este ano a responsable da imaxe do Autobom é Gemma Pérez, directora de arte de muller6ollos, quen recibiu un accésit no I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego pola súa publicación “Mi nick era #humeda”


Autobom celebrarase neste 2025 os días 9 e 10 de maio. Terá lugar na Coruña a undécima edición deste encontro de autoedición e BD organizado pola Asociación Cultural Autobán, que se desenvolverá en distintas localizacións. A deseñadora e debuxante Gemma Pérez é a autora do cartel deste Autobom.

Destacamos entre os fitos desta nova edición de Autobom: 

  • O venres 9, a partir das 17:30, comezaremos coa visita á imprenta Borrón, no popular barrio dos Mallos; e á tardiña, ás 20:00, teremos un faladoiro na Tobeira de Oza sobre fanzine cuir no que participarán Gemma Pérez, María Álvarez “Yupiyeyo”, Greta Debelius e Paz Rodríguez.

  • O sábado 10, as actividades desenvolveranse na Revolteira, na rúa Falperra 13. Unha das principais propostas será o posto de fanzines, que estará activo toda a xornada de 11:00 a 20:30, con máis de 40 proxectos e un cento de publicacións.

  • Ás 11:15 haberá un faladoiro sobre “fanzines na imprenta” ao cargo de Tono Galán e Laura Sánchez, de Manchea; continuaremos con dúas charlas sobre o Premio Autobán 2025 e a nova edición do Fun Fun Fun (evento de autoedición de Compostela); e ás 13:00 teremos o faladoiro “Autoxestión emocional”, unha conversa sobre saúde mental e creatividade con Julia Abalde, Sabela Alonso e Laprislazuli, moderada por Uxía Larrosa.

  • Tras a quenda da mañá, haberá un xantar popular cunha actividade para participantes no Autobom e socias do Autobán: o “Tupperrotu en manteis”, unha sesión de proba de material de Posca/Uni-ball cedidos pola nosa tenda amiga Jaspe Art. Ás 16:30 trasladarémonos á cancha da Falaperra para unha nova edición do “Brilé Brutal”, un torneo nada brutal de balón prisioneiro aberto á participación.

  • Ás 17:30, de novo na Revolteira, terán lugar os obradoiros do Autobom. Primeiro será o AutoLab, unha actividade de debuxo de BD experimental conducida por Óscar Iglesias. Ás 18:30 teremos o obradoiro teórico-práctico de “Serigrafía e autoedición”, no que Aarón Moucho debullará as súas experiencias montando un taller propio de serigrafía.

  • Remataremos o Autobom ás 23:30, cunha festa de peche no pub El Siglo. É unha actividade aberta a quen queira achegarse.

SOBRE AUTOBÁN

Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. En 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades nos que os e as amantes da autoedición sexan protagonistas. 

A asociación organiza cada mes de agosto o encontro Autobán, coincidindo co festival internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoras de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O festival Autobán propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.

Por outra banda, a Asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, así mesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afíns do sector.

MÁIS INFORMACIÓN

https://www.autoban.gal

Bombataz pecha este sábado 3 en Vigo o Sinsal Primavera

Os inclasificables Bombataz actúan este sábado 3 por vez primeira en España da man do Sinsal Primavera


A banda belga, conformada por catro músicos todoterreo, pechará na Sala Radar o ciclo de directos; e as entradas están dispoñibles desde 10 euros 
na web de Sinsal

Sinsal Primavera, a serie de concertos eclécticos organizados pola promotora Sinsalaudio da man do Concello de Vigo, botará o pano este sábado, 3 de maio, coa presentación en España da banda belga Bombataz, que chegará á Sala Radar logo de visitar Lisboa e Porto. As entradas para a cita, que comezará ás 21.30 horas, están á venda na web de Sinsal e na plataforma Enterticket desde 10 euros (no despacho de billetes do recinto o prezo será superior). 

Sinsal Primavera, organizado pola promotora viguesa Sinsalaudio co apoio principal do Concello de Vigo, pretende achegar cada ano ao público a música de bandas e solistas cuxa singular proposta artística non forma parte do circuíto habitual das salas de concertos. O directo que pechará a edición de 2025, o dos belgas Bombataz, encadra na filosofía do evento: catro músicos todoterreos se achegan a todos os xéneros posibles para ofrecer, cun chisco de jazz, funk ou synth-hop, unha proposta que transmite baile.

Desde Bélxica aterra no Sinsal Primavera unha banda peculiar cuxa paixón pola música reborda calquera clasificación de xénero. A devoción polo jazz que compartían como estudiantes do conservatorio era só a punta do iceberg dun proxecto que, anos depois, levaría ao grupo a ser unha rara avis na escena contemporánea. Porque se pode ser diferente, Bombataz farao de forma diferente; pero non para ser intencionadamente difíciles nin para salientar pretenciosamente o seu pasado jazzístico senón, simplemente, porque consideran que é o seu deber musical.

O seu primeiro álbum, Olympics of Love (2020), toma como referencia a bandas e artistas da talla de Fleetwood Mac, Prince, Ambitious Lovers ou Connan Mockasin. Co seu pop alegre, divertido e melancólico á vez, Bombataz pon o foco na pura ledicia de tocar. Tres anos máis tarde publican Baby Dry My Tears (2023, Cloudshaper), co que se introducen, con entusiasmo, no indie rock ecléctico. Canalizan o espírito de bandas consagradas como Animal Collective e de MGMT para crear pezas cativadoras. Un traballo inconformista que fuxe da demagoxia ateigado de cancións pegadizas que se afastan de estruturas estereotipadas. Un camiño que manteñen co seu último sinxelo, My face on your TV, publicado o pasado mes de febreiro. 

CONCERTO PECHE SINSAL PRIMAVERA 2025 | BOMBATAZ (Bélxica)
03.05.2025, 21.30h | Sala Radar
Vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=cZ7SmIJuodk
Entradas á venda en festival.sins.al e enterticket.es (10 euros + gastos) 

IV Festival de Poesía das Lupercais no Vello Cárcere de Lugo

O Vello Cárcere acolle a IV edición do Festival de Poesía das Lupercais

O vindeiro tres de maio terá lugar unha nova edición deste festival, que se consolida coma unha das citas mais importantes coa poesía de Lugo organizada pola Asociación Poética das Lupercais co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

Desta volta contará coma sempre con versos procedentes da provincia, dende a chaira como Martiño Maseda, até a montaña, como Toño Núñez. Con poetas achegadas a Lugo hai xa anos, coma Tere Larios, até aquelas que marcharan e que regresan cunha enchenta de libros baixo os brazos, coma Mónica Raquel Vázquez. E máis voces galegas, que van dende algunhas de longo consolidadas, coma Mariña Pérez Rei, até outras acabadas de debutar no libro de poesía, coma Jose||González. Voces e balbucios, coma a poesía para ouvir e mirar de Luz Pichel e Quico, e coas que repensar as fronteiras e os mares que xunten e non separen, aí María Ángeles Pérez López e Gian Pierre Codarlupo e Marcelo Morales.

Así, dende Cuba a Castela, dende Perú á Ribeira Sacra, chegarán ao Vello Cárcere un ano máis algunhas das máis importantes voces da poesía contemporánea.

O programa desenvolverase en unha sesión pola mañá e dúas de tarde. Os horarios e participantes son como seguen:

12h30
Toño Núñez, Marcelo Morales, Tere Larios e Raquel Vázquez

18h30
Martiño Maseda, Quico, Gian Pierre Codarlupo e Mariña Pérez Rei

19h30
Jose||González, Luz Pichel, María Ángeles Pérez López e Mónica Caldeiro

As actividades son de entrada gratuíta até completar aforo.

FAIA presentará ‘Alvela’ este venres, 2 de maio, na Capela de Santa María de Lugo

A cita, que comezará ás 20.30h e que se organiza co apoio da Vicepresidencia da Deputación luguesa, será de acceso libre ata completar capacidade


FAIA presentará ao vivo Alvela, o seu novo disco, o vindeiro venres, 2 de maio en Lugo. A partir das 20.30 horas, a Capela de Santa María acollerá un directo acústico no que a veciñanza, grazas á colaboración da Vicepresidencia da Deputación luguesa, poderá descubrir un traballo complexo e sutil que transita pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. Neste concerto, FAIA estará acompañada pola arpista bretoa Bleuenn Le Friec e a formación Suelen Estar Quartet.

O pasado 23 de abril Alvela publicábase nas plataformas dixitais, mais proximamente estará dispoñible en formato vinilo. O segundo álbum en solitario de FAIA é un traballo producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e que conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. O concepto visual do álbum foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañan as cancións son obra de Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco.

Sobre FAIA

FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. Este mes de abril publica Alvela, o seu segundo traballo.

CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ‘ALVELA’ EN LUGO2 de maio de 2025, ás 20.30 horas
Capela de Santa María
Acceso libre ata completar capacidade

VIDEOCLIP ‘E SE QUERES’ | https://youtu.be/vcjRdVp8bqc

*Autoría imaxes de FAIA: Arancha Brandón

O garage punk de Chemtrails aterra este mércores 30 na Sala Radar da man do Sinsal Primavera

© Joel Goodman – 07973 332324 – all rights reserved . 20/05/2023. Manchester , UK . Chemtrails perform at Projekt Skate Park in Manchester . Photo credit : Joel Goodman

O banda inglesa presentará a partir das 21.30h o disco más recente e bailable da súa traxectoria; e as entradas están dispoñibles, desde 10 euros, na web de Sinsal

Sinsal Primavera, a serie de concertos eclécticos organizados cada ano pola promotora Sinsalaudio da man do Concello de Vigo, chega este mércores á Sala Radar para presentar, por primeira vez en España, a banda inglesa Chemtrails. As entradas están á venda na web de Sinsal e na plataforma Enterticket desde 10 euros (no despacho de billetes do recinto o prezo será superior, 12 euros). 

Sinsal Primavera, organizado pola promotora viguesa Sinsalaudio co apoio principal do Concello de Vigo, pretende achegar cada ano ao público a música de bandas e solistas cuxa singular proposta artística non forma parte do circuíto habitual das salas de concertos, como é o caso de Chemtrails, que fará bailar ás e aos asistentes co seu post garage punk e power pop psicodélico.

Melodías pegadizas sinistras, guitarras distorsionadas, sintetizadores primitivos, pop policromático e letras irónicas son a carta de presentación do grupo de Manchester -que comezou como un proxecto de gravación caseiro- liderado pola activista trans Mia Lust. O seu asombroso talento para crear cancións pop raras pero irresistiblemente contaxiosas foi rapidamente descuberto polo selo sueco PNKSLM Recordings, que as fichou xusto despois do seu primeiro concerto no Trans Pride Brighton.A banda cita como as súas maiores influencias a Pixies, Blondie, Oh Sees, Fat White Family e o psicodelia e garage punk dos sesenta, pero o que sempre mantivo unido ao proxecto é a inesgotable cantidade de composicións pegadizas, interpretadas coa inesgotable emoción e enerxía da banda. O seu terceiro e máis recente traballo, The Joy of Sects, é o máis bailable da súa traxectoria. O grupo cambiou o enfoque caseiro por un son de estudo máis de alta fidelidade, que, grazas á maxia da produtora Margo Broom (Fat White Family, Big Joanie, Goat Girl) segue sendo tan cru e salvaxe como sempre, pero cun novo nivel de intensidade.

CONCERTO SINSAL PRIMAVERA | CHEMTRAILS (Inglaterra)30.04.2025, 21.30h | Sala RadarVídeo: https://youtu.be/XGdmSs5SDl0?si=z82_jbeU977QbuAy&t=62
Entradas á venda en festival.sins.al e enterticket.es (10 € + gastos) 

HENKO A mirada de Miguel Díaz


HENKO

Miguel Díaz

Título: ARMELA

Soños deciduos habitan o momento. Anícase alguén que así fenece. Porque se ergue sendo outro. Outro que segue tendo na boca semente incomprendida. Outro con feridas abertas aceptadas. Outro sabedor de que posúe un corazón incapaz de diluír a tormenta. Que coñece a estrondosa indiferenza que provoca. Que se adapta á súa propia inadaptación. Outro que xa non agarda, que coñece a quietude da armela.