O ‘Orgullo do Norte’ coruñés bota a andar esta fin de semana cunha xornada inaugural que se celebrará o domingo na Praza de Pontevedra, das 20.00 ás 00.30 horas, e na que tamén terá un protagonismo especial o talento galego, da man das bandas De Ninghures e Coolnenas

O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nado en 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva, que celebra a súa 6ª edición do 6 ao 13 de xullo de 2025 na Coruña

No seu cartel danse cita figuras tan queridas como Judeline, Edurne, David Civera, Jimena Amarillo, Nia, Merche, Paula Koops, Mayo, Kuve, De Ninghures, Turista Sueca, Anabel Conde, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA, Rivadulla, Samantha Ballentines, Arantxa Castilla-La Mancha & OnyX Unleashed ou Sofía Cristo e Cascales DJ, entre outras

A cita está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, co patrocinio institucional do Concello da Coruña, o apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic

O espectáculo drag WICKHÉ?!, de Arantxa Castilla-La Mancha & OnyX Unleashed, inaugura este domingo, 6 de xullo, por todo o alto a 6ª edición do Atlantic Pride. O ‘Orgullo do Norte’ coruñés bota a andar esta fin de semana cunha xornada inaugural que terá lugar na Praza de Pontevedra, das 20.00 ás 00.30 horas, e na que tamén terá un protagonismo especial o talento galego, da man das bandas De Ninghures e Coolnenas.

Arantxa Castilla-La Manchas & OnyX Unleashed son dúas das figuras máis queridas e innovadoras do universo drag español, grandes estrelas de Drag Race España, coñecidas tanto pola súa creatividade como polo seu carisma, como ben poderá comprobar o público do Atlantic Pride na primeira xornada da cita, onde presentarán o seu novo espectáculo inspirado no fenómeno de Wicked. 

Xa contra ás 21.30h, chegaralle a súa quenda a De Ninghures, unha das formacións referentes da potente e rica escena actual en Galicia. De Ninghures é un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí. No Atlantic Pride, De Ninghures presentará ao vivo os temas do seu novo álbum, Feira, que viu a luz o pasado mes de febreiro.

Mentres, as Coolnenas presentará a súa particular rave de debuxos animados que está a revolucionar o concepto de dj set alí por onde pasan. Nas súas sesións predominan os clásicos atemporais e moitos outros hits do momento, que elas acompañan con coreografías de enerxía pegañosa que contaxian rapidamente a todo o público, como, sen dúbida, amosarán este domingo na Coruña.

DIVERSIÓN E INCLUSIÓN DURANTE 8 VELADAS DE MÚSICA EN VIVO ABERTA E DIVERSA 

Entre o 6 e o 13 de xullo, A Coruña volverá ser a sede do ‘Orgullo do Norte’ para celebrar a sexta edición do Atlantic Pride. O festival está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, co patrocinio institucional do Concello da Coruña e o apoio da Deputación da Coruña. O Atlantic Pride conta, tamén, co patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic. 

Neste 2025, a cita propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. No seu cartel destaca a presencia de bandas e artistas como Judeline, Edurne, David Civera, Jimena Amarillo, Nia, Merche, Paula Koops, Mayo, Kuve, De Ninghures, Turista Sueca, Anabel Conde, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla.

Pola súa banda, aos pratos das pinchadas do Atlantic Pride 2025 estarán Sofía Cristo, Cascales, Coolnenas, La Kristhofer, Kris K DJ, DJ90, DJ Licho, DJ Flashback, DJ Espinoso e DJ CÉS. Ademais, á cita co ‘Orgulllo do Norte’ coruñés neste 2025 non faltarán, tampouco, as drags Samantha Ballentines, Arantxa Castilla-La Mancha & OnyX Unleashed, Ariel REC & Gaylicia, Liteah, Yasmine Lutar, Kelly Amethyst, RRRITA y Escarlatina Pier.

Os directores do Atlantic Pride, Luis Pazos, César Pérez e Iván Cervo, queren convidar a todos os públicos a sumarse á festa e gozar da diversidade deste ‘Orgullo do Norte’ coruñés do 6 ao 13 de xullo: “Desde a súa primeira edición en 2019, o Atlantic Pride naceu coa vontade firme de situar A Coruña como un referente da diversidade, a liberdade e a celebración. Neste 2025, reafirmamos ese compromiso apostando por grandes liñas estratéxicas que definen a nosa identidade como festival: visibilización, inclusión, cultura, talento e diversión”.

Desde a Asociación ORCO, organizadora do festival, destacan: “O Atlantic Pride traballa para ofrecer un espazo aberto, seguro e diverso, onde todas as persoas, con independencia da súa identidade ou orientación, se sintan representadas e benvidas. Así, o Atlantic Pride 2025 aposta por un cartel vibrante e diverso, no que conviven grandes divas do pop español co mellor talento da nova escena galega e artistas icónicos da cultura LGTBIQ+”.

E engaden: “A programación do Atlantic Pride está pensada para todas as xeracións e sensibilidades, onde teñen cabida os sons eurovisivos, o pop contemporáneo, as actuacións drag, as propostas electrónicas máis punteiras ou a música con raíz galega. Esta diversidade non é só unha elección artística, é unha declaración de principios: somos un festival que celebra a pluralidade e a liberdade tamén desde os escenarios”.

Esta nova edición do Atlantic Pride 2025 será unha oportunidade única para gozar dunha semana repleta de emoción, talento e diversidade musical, que promete conectar o pasado, o presente e o futuro da música pop española nunha experiencia inesquecible. O programa por días do festival, que pódese consultar na web www.atlanticpride.es.

PROGRAMA POR DÍAS DO ATLANTIC PRIDE 2025

Domingo, 6 de xullo 

Praza de Pontevedra

(20.00 a 00.30h)

WICKHÉ?!: Arantxa Castilla-La Mancha & OnyX Unleashed

De Ninghures 

Coolnenas

Luns, 7 de xullo

Praza de Pontevedra

(20.00 a 00.30h)

La Kristhofer

Yasmine Lutar

Liteah

ELBA

RRRITA

Martes, 8 de xullo

Praza de Pontevedra

(20.00 a 00.30h)

DJ Licho

Rivadulla

Agoraphobia

Mércores, 9 de xullo

Praza de Pontevedra

(20.00 a 00.30h)

Kris K DJ

LERIA

Escarlatina Pier

Alana

Xoves, 10 de xullo

Xardíns de Méndez Núñez 

(20.00 a 01.30h)

DJ 90

Jimena Amarillo

Nia

Merche

Venres, 11 de xullo

Xardíns de Méndez Núñez

(20.00 a 03.30h)

DJ CÉS

Ariel REC & Gaylicia

Paula Koops

Judeline

Cascales

Sábado, 12 de xullo

Xardíns de Méndez Núñez

(20.00 a 03.30h)

DJ Espinoso

Samantha Ballentines

Kelly Amethyst

Turista Sueca

Mayo

Edurne 

Sofía Cristo

Domingo, 13 de xullo

Xardíns de Méndez Núñez

(19.30 a 00.30h)

Entrega de premios do IV Certame de Literatura LGTBIQ+

DJ Flashback

Anabel Conde

Kuve

David Civera

GRANDES DIVAS DO POP, TALENTO GALEGO, ICONAS LGTBIQ+ e DRAGS NO ORGULLO DO NORTE 

Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride celebrará a súa 6ª edición na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva.

A cita, que na súa pasada edición reuniu a máis de 25.000 persoas, está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, co patrocinio institucional do Concello da Coruña e o apoio da Deputación da Coruña. O Atlantic Pride conta, tamén, co patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic. O encontro nace no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBIQ+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social e unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular.

Neste 2025, o Atlantic Pride regresa como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comenzo do verán ao longo da Península e no que, un ano máis, se darán cita coloridas propostas para todos os públicos. Así, no Atlantic Pride non faltarán concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega e a celebración do IV Certame Literario de Literatura LGTBIQ+, da man do Club de Lectura QUEERuña, que na súa pasada edición rexistrou o seu récord de participación e que neste 2025 ten xa aberta a súa convocatoria para recibir relatos ata este sábado, 31 de maio.

Nesta 6ª edición do Atlantic Pride está confirmada a presencia de cinco grandes divas do pop español, Judeline, Edurne, Nia, Merche e Paula Koops, que encherán a cidade herculina de cor e diversión, cunhas voces que farán as delicias de diversas xeracións. Xunto a elas, a nova escena musical galega subirase un ano máis ao escenario do ‘Orgullo do Norte’ coruñés, da man de De Ninghures, Coolnenas, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla.

A elas súmanse, tamén, catro grandes iconas da cultura e a música LGTBIQ+, como son Jimena Amarillo, Mayo e os dj’s Sofía Cristo e Cascales. Turista Sueca poñerá a súa boa dose de festa, petardeo e humor, mentres que aos pratos estarán, tamén, La Kristhofer, Kris K DJ, DJ90, DJ Licho, DJ Flashback, DJ Espinoso e DJ CÉS. 

Ademais, o mellor talento drag queen estatal e galego, de Drag Race ao Claro Boba!, sumaranse este verán á festa do Atlantic Pride, que neste 2025 contará co maior elenco drag da súa historia. Así, polas táboas do ‘Orgullo do Norte’ desfilarán grandes iconas queer como Samantha Ballentines, Arantxa Castilla-La Mancha & OnyX Unleashed, Yasmine Lutar, Liteah, RRRITA, Escarlatina Pier, Ariel REC & Gaylicia y Kelly Amethyst. Finalmente, a xornada de clausura do Atlantic Pride será un auténtico revival eurovisivo coas voces de David Civera, Anabel Conde e Kuve.

En paralelo á programación deste Atlantic Pride 2025, o sábado 12 de xullo, o local Claro Boba! e o programa da TVG Raíña-me! Organizan a ‘Afterpartie Raíña-me!’, con entrada libre e actuacións de Alexa Evans, Marisa Prisa e Kim Miller a partir das 02.30h.