Real Filharmonía de Galicia

Noia Harp Fest activa a venda de entradas para o concerto que a Real Filharmonía de Galicia ofrecerá o 7 de agosto como peche do festival

O Teatro Coliseo Noela acollerá o 7 de agosto a Gala de Entrega do Portus Apostoli coa estrea mundial da obra de ‘Cuatro historias gallegas’, do arxentino Federico Beilison, na que actuarán como solistas Claudia Besné e Francesca Romana di Nicola

Esta quinta xornada de programación, cuxas entradas xa están á venda en Ataquilla.com, será a única de pago do festival, que contará cun total de doce actuacións de balde en sete escenarios do 30 de xullo ao 2 de agosto 

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (NHF) estreará, da man da Real Filharmonía de Galicia, Cuatro historias gallegas, a creación do arxentino Federico Beilison gañadora do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli. A cita, na que participarán coma solistas as arpistas Claudia Besné e Francesca Romana Di Nicola, terá lugar o 7 de agosto no Teatro Coliseo Noela ás 20.30 horas e porá o ramo á 12ª edición do único festival do noroeste dedicado ao instrumento. 

O Noia Harp Fest decorrerá do 30 de xullo ao 20 de agosto, mais este ano suma unha quinta xornada de actuacións na que se producirá a estrea mundial da obra gañadora do III Premio Portus Apostoli. A Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Sebastian Zinca, e con Claudia Besné e Francesca Romana Di Nicola como solistas, será quen interprete esta creación do compositor e guitarrista arxentino, ademais da peza Folías Celtas, mención de honra do Portus Apostoli, composta polo uruguaio Gabriel Bussi. O programa completarase con pezas de Claude Debussy e Maurice Ravel. 

As entradas para esta quinta e derradeira xornada de programación da 12ª edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia -organizado por Nalgures Producións, baixo a dirección da asociación Noia Harp Fest, e co apoio institucional do Concello de Noia, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo, e de Acción Cultural Española AC/E, ademais da colaboración da Deputación da Coruña- están á venda desde esta mañá a través da plataforma en liña www.ataquilla.com.

Noia Harp Fest

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia é unha cita especial para as amantes tanto da arpa como da diversidade musical. Trátase do único festival do noroeste peninsular dedicado ao instrumento e reúne cada tempada diferentes bandas e solistas, tanto galegas coma internacionais, de distintos estilos e orixes; mais sempre cunha clara vocación divulgativa: pon en relación as artistas e ao público en varios lugares representativos do patrimonio histórico e cultural de Noia, e dá un espazo relevante ao talento máis novo do país. A localidade coruñesa de Noia acollerá trece actuacións (doce concertos e unha gran foliada de benvida) nun total de sete escenarios, como son a mítica Praza do Tapal, o Liceo de Noia, a Praza do Curro, a Igrexa Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela e tanto a Igrexa coma o Claustro de San Francisco. Ofreceranse estreas mundiais, estreas en España e ata haberá espazo para presentar, en exclusiva, novas formacións.

O 12º Noia Harp Fest presenta un cartel con cinco xornadas de concertos con arpistas de primeiro nivel chegadas de Galicia, Andalucía, Bretaña, Colombia, Escocia, Italia, País Vasco ou Valencia. O evento contará coa presenza de Ana Crismán, Alba Barreiro e Fernando Raña, Bleuenn Le Friec -acompañada por Faia e Uxía-, D’Súpeto, Juliette Commeaux, Kevin Le Pennec, Laia Blasco, Noela Cotuna, Quico Comesaña,  Rebecca Hill & Charlie Stewart e Yofre Brito Rivera; alén das máis de 20 estudantes galegas que participarán no IV Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia. O 7 de agosto celebrarase a Gala de Entrega do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, unha cita que contará coa Real Filharmonía de Galicia.