• A xornada reuniu profesionais e experiencias de Galicia, Cataluña e Portugal para explorar novas formas de colaboración entre cultura e acción social.
  • O encontro analizou como incorporar a inclusión, a accesibilidade e a participación ao funcionamento das institucións culturais.
  • A Deputación dará continuidade ás xornadas o 17 de outubro cun encontro sobre cultura e saúde comunitaria.

A Área de Cultura da Deputación da Coruña celebrou este sábado a xornada Cultura e acción social, un encontro para analizar como poden colaborar os ámbitos cultural e social para favorecer unha participación cultural máis inclusiva e conectada coas persoas e as comunidades.

Profesionais da cultura, a acción social, a educación e o traballo comunitario compartiron experiencias e abriron un diálogo arredor das condicións necesarias para construír colaboracións efectivas, respectuosas e sostibles. A accesibilidade, a mediación intercultural, a creación artística comunitaria e os dereitos culturais articularon unha reflexión que puxo tamén o foco nos límites e responsabilidades que implica traballar con persoas e comunidades desde a cultura. “Queremos avanzar cara a unha maneira de entender a cultura na que importe o que facemos, os procesos e as redes que construímos. Traballar xunto ao ámbito social require escoita, coñecemento mutuo e respecto polos saberes e responsabilidades de cada parte. Apostamos por liñas de acción que inclúan a todas as persoas que fan comunidade, para facer accesibles non só os espazos, senón tamén as prácticas culturais.”, sinalou Manuela Muñiz Souto, xefa do servizo de Cultura, Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña.

Esta reflexión percorreu as diferentes experiencias compartidas durante a mañá. Eva García, especialista en creación artística comunitaria e mediación con perspectiva de dereitos, achegou as aprendizaxes das Jornadas de Inclusión en las Artes Escénicas e do Plan de Inclusión do INAEM, así como de Òpera Prima do Gran Teatre del Liceu –Cataluña–. A partir destes modelos, abordou como avanzar das accións puntuais cara a procesos capaces de incorporar a inclusión e a participación á propia maneira de traballar das institucións culturais.

Pola súa banda, Maria Vlachou, cofundadora e directora executiva de Acesso Cultura –Portugal–, abordou a cultura como ben común, ao mesmo nivel que ámbitos como a saúde ou a educación, e ampliou a reflexión sobre a participación cultural. Ademais das barreiras físicas, sociais ou intelectuais, puxo sobre a mesa cuestións como quen se sente convidado, representado e parte dos espazos culturais. Neste sentido, reivindicou tamén o papel da cultura na formación dunha cidadanía libre, con capacidade para pensar por si mesma e participar activamente na sociedade.

Estas perspectivas dialogaron coas experiencias desenvolvidas desde Galicia. Rubén Capelán, de Mada Producións, compartiu os retos e aprendizaxes de Cultura para todas, o programa de accesibilidade e inclusión nas actividades culturais da Deputación da Coruña, mentres que Mariana Rodrigo, de Ecos do Sur achegou a súa experiencia no traballo coa poboación migrante, a mediación intercultural e a participación comunitaria, incidindo nas barreiras que aínda dificultan unha participación cultural efectiva.

As intervencións deron paso a varias dinámicas de traballo en grupo, que permitiron compartir experiencias, identificar retos comúns e poñer en diálogo as diferentes perspectivas presentes na sala. A partir deste traballo, abriuse unha conversa co conxunto das persoas participantes para contrastar metodoloxías, dificultades e posibilidades de colaboración entre a cultura e o ámbito social, favorecendo o intercambio entre profesionais de distintos ámbitos e a reflexión conxunta arredor de como construír colaboracións máis sostidas, participativas e conectadas coas necesidades das comunidades.

A próxima xornada, o 17 de outubro

A Deputación da Coruña dará continuidade a este espazo de intercambio o sábado 17 de outubro cunha segunda xornada centrada nas relacións entre cultura e saúde comunitaria, que reunirá profesionais de diferentes ámbitos para compartir experiencias, contrastar prácticas e abordar as posibilidades e os límites da colaboración arredor da saúde, o benestar e a comunidade.

Máis imaxes dispoñibles aquí.

Sobre A Cultura é un Dereito

A acción cultural da Deputación da Coruña

Cultura, cooperación e territorio. A política cultural da Deputación da Coruña desenvólvese ao redor destes elementos, a partir dos cales procuramos axudar a construír unha sociedade viva, dinámica, consciente, orgullosa da súa identidade e sabedora do seu potencial.

Cremos na cultura como ferramenta para a mellora social. E apostamos por traballar, para a conseguir, cos diferentes axentes e actores culturais da nosa sociedade. Cooperamos cos concellos, as entidades e as e os artistas desde o local, desde a proximidade.

Acreditamos firmemente en que a cultura é un dereito. Que alimenta, que nos fai o que somos. O espazo das ideas e dos valores, que non pode reducirse a ornamento. Por iso traballamos. Cultura en todos os concellos, cultura con todas as persoas.

aculturaeundereito.gal