O FESTIVAL CELEBRA HOXE A SÚA SEGUNDA E ÚLTIMA XORNADA CO CONCERTO DESTACADO DA BANDA SUECA GREENLEAF
Comezou o festival Fumega Fest cunha primeira xornada na que destacaron tres dos catro grandes nomes internacionais desta edición. Psychonaut, Dvne e Monkey 3 reinaron acompañados de Mano de Piedra para completar un venres que abriu esta primeira edición do festival. O Parque do Pasatempo foi testemuña do nacemento deste novo evento que vén para afianzarse como referencia dentro da Península Ibérica no seu estilo.
O grupo galego Mano de Piedra foi o encargado de abrir o festival, caldeando un público sempre predisposto, aínda que o sol non dese tregua. Acto seguido foi a quenda dun dos grandes reclamos do día, Psychonaut prendeu o Parque do Pasatempo coa súa innovadora proposta de stoner e post-metal, completando un espectáculo que levou unha das maiores ovacións do día. Tras eles, o incombustible e contundente directo dos escoceses Dvne conquistou pola súa ambición e posta en escena, despregando o seu post-metal progresivo. Pecharon a noite os suízos Monkey3, sacando un arsenal de riffs electrizantes que mergullou aos presentes nunha viaxe musical que coroou a primeira xornada do festival.
A xornada deste sábado 5 de xullo está encabezada por outro dos grandes nomes desta edición, Greenleaf, que aterraron dende Suecia, lugar onde crearon o seu son en base á psicodelia, o hard rock e o heavy blues. A aposta por grandes nomes consagrados da escena estatal chega da man dos cataláns Exxasens, que levan máis de 15 anos redefinindo os límites do post-rock e space rock instrumental. Neste caso dende terras madrileñas, chega para esta última xornada unha das propostas máis incalificables do cartel. Mohama Saz combina psicodelia, rock, jazz espiritual e sons tradicionais do Mediterráneo, Oriente Medio e Norte de África. Pechando o cartel desta segunda e última xornada, o festival trae dende Lugo o post-rock e o metal instrumental de Kalte Sonne, un dos grandes grupos galegos que se destacou en festivais de toda Europa.
Fumega Fest é un festival promovido pola promotora PlayPlan, encargados de festivais como BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Festival do Pasatempo, así como das carreiras de artistas como Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Vimbio, Sabela ou Hugo Guezeta. O evento conta coa colaboración institucional do concello de Betanzos e o patrocinio de El Águila.