HENKO. A mirada de Miguel Díaz


HENKO

Miguel Díaz

Título: SALTAMOS

O salto, imprescindible. Para vencer os muros que ergue o medo. Para fuxir da mediocridade que supura deste odio vixente.

O salto, inevitable. Para brincar entre a inconsciencia, o desvarío, a barbarie naturalizada.

O salto, necesario. Para respirar entre a violencia que nos cospen, para esquivar os trapos que nos impoñen.

Agardamos onde houbo fiestra. Cuestionamos para a medra, sentimos para que resista o alento que nos queda.  Amamos para que teña sentido o latexo entre a tormenta. Saltamos, saltamos sempre, aínda, na procura da beleza.

Polavila Xabier P. DoCampo. Na memoria. 2025

PROGRAMA

Polavila DoCampo é unha homenaxe pública e itinerante ao mestre e escritor Xabier P. DoCampo, que terá lugar cada ano nunha provincia e cidade distinta, por volta do 5 de abril, coincidindo coa data do seu nacemento.

Este ano ten lugar a segunda edición, que se vai celebrar o 3 de abril no Pazo de San Marcos. Deputación de Lugo, na cidade de Lugo.

Programa previsto é o seguinte:
– 19:00-19:15 horas. Apertura da Polavila nos xardíns (no caso de choiva, na Sala de exposicións do Pazo).
– 19:15-19:45 horas: Lectura pública e continuada de textos de Xabier P. DoCampo, en especial da novela A nena do abrigo de astracán, a cargo das súas amizades, nos xardíns (no caso de choiva, na Sala de exposicións do Pazo).
– 20:00- 22.00 horas: Gala Polavila DoCampo 2025, no salón de actos da Deputación de Lugo.
Conducida por Lois Pérez e Antonio Reigosa.
Contará coa presenza de Pepe Coira e Paco Martín.
Escoitaranse os poemas de Mans na voz de Daniel Puente Bello, ao que seguirán as voces das poetas Beatriz Dourado, Marica Campo e Xosé Miranda.
Rematará a gala cunha rolda de contos de Ana CarreiraCelso Sanmartín e Benxamín Otero.
A música correrá a cargo da cantora Xiana Lastra, acompañada doutra integrante d’A banda da Loba e Benxamín Otero.

Organizan a Iniciativa Polavila Docampo, a Deputación de Lugo e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración de da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) e ProLingua.

Reseña da asemblea xeral ordinaria e extraordinaria do IESCHA

A ASEMBLEA XERAL DO IESCHA ELIXE A NOVA XUNTA DIRECTIVA E APROBA A MEMORIA-24, O PLANO DE ACTIVIDADES-25, O BALANCE ECONÓMICO-24 E O ORZAMENTO-25

Na Asemblea Xeral Ordinaria celebrada este xoves, 27 de marzo de 2025, aprobáronse por unanimidade das persoas asistentes: a memoria de actividades do ano 2024, así como o plano de actividades previsto para o exercicio 2025. Do mesmo xeito, recibiron o respaldo dos asistentes o balance económico correspondente ao pasado ano e o orzamento para o presente exercicio.

Na Asemblea Extraordinaria, que se levou a cabo a continuación, procedeuse á elección da nova Xunta Directiva. A candidatura presentada formada por

CARGONOME E APELIDOS
PRESIDENTAMª Luisa Barreiro Mejuto
VICEPRESIDENTASabela Figueira Tenreiro
SECRETARIOArturo Gómez Mato
VICESECRETARIOXosé M. Felpeto Enríquez
TESOUREIROManuel Castro Santamariña
VOGALManuel Roca Cendán
VOGALConstantino Alvite Muinelo
VOGALJesús Trastoy Saavedra
VOGALAlfonso Baamonde Fernández
VOGALRebeca Leal Eimil
VOGALIria Currás Gato


foi respaldada por aclamación das persoas asistentes, reflectindo o consenso e apoio das socias e socios ao equipo que dirixirá a entidade nos próximos catro anos.

A presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro, en nome da nova Xunta Directiva, agradeceu a confianza depositada e comprometeuse a traballar na consolidación dos proxectos en marcha, así como na implementación de novas iniciativas que permitan fortalecer a actividade da organización, expresando o firme compromiso de continuar traballando polo fortalecemento e a difusión da cultura chairega, en particular, e galega, en xeral, mantendo o espírito de colaboración e esforzo que caracterizou ao Iescha durante estes 25 anos de existencia, cuxa conmemoración estará tamén presente no plano de actividades aprobado.

Palestra sobre Palestina a cargo de Victorino Pérez Prieto na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a palestra PALESTINA, UM CONFLITO. UM POVO QUE RESISTE, a cargo de VICTORINO PÉREZ PRIETO, profesor, escritor teólogo e pensador.Presenta: Marisa Barreiro.

O acto levarase a cabo o venres 4 de abril de 2025, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.

Velaí tamén adianto da programación do MES DE ABRIL

NOTA-INFORMATIVA-VICTORINO-PEREZ

Fillas de Cassandra publica ‘Quebrantarse’, o 2º fascículo de ‘Hibernarse’


Fillas de Cassandra publica Quebrantarse, un chamado á recuperación da memoria colectiva e contra o tempo arrebatado pola guerra

O segundo avance do universo Hibernarse preséntase como un acto de resistencia. “Fronte á historia oficial, só fica a memoria”, recorda o dúo

Parte da melodía de Quebrantarse está inspirada no Romance do Comandante Moreno interpretado por Severina Murias e inclúe versos de García Lorca



Quebrantarse, o segundo fascículo do EP Hibernarse de Fillas de Cassandra, xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais. A nova entrega do dúo vigués versa sobre o tempo fragmentado pola guerra. A intención de María SOA e de Sara Faro non é outra que recuperar a memoria colectiva fronte a unha liña temporal marcada pola historia oficial e poñer voz a unha ferida que segue aberta. 

Quebrantarse agroma da memoria persoal e familiar, mais tamén da colectiva e universal. Preséntase como unha conversa entre dous amigos que, caídos en bandos enfrontados durante a Guerra Civil, e sendo vítimas dun sistema que os condenou a unha violencia que non escolleron, se despiden ante a inminente morte dun deles ás mans do outro. “Cóntame o teu segredo / cóntamo, que eu xa mo sei”, canta Fillas de Cassandra sobre unha verdade que non precisa ser dita: os dous amigos saben o destino que os agarda, mais poñelo en palabras significa darlle forma ao horror.

Parte da melodía deste Quebrantarse inspírase no Romance do Comandante Moreno, segundo a versión que interpreta Severina Murias, unha elección que entronca coa idea que Fillas de Cassandra quere poñer en valor: o papel da muller na transmisión da tradición oral galega, onde a música foi un vehículo de resistencia e memoria colectiva. Ao fío, Sara Faro e María SOA incorporan a gaita (Adrián Méndez, De Ninghures) á instrumentación do tema para unilo, precisamente, coa zona da Fonsagrada (lugar onde teñen lugar os feitos que Severina relata).  

A peza, producida por Greta Ch’aska, Mumbai Moon e Fillas de Cassandra, acompáñase tamén do son do remexer da terra e muda o compás final, deixándoo en suspensión, como metáfora do apremio da morte. E no retrouso do tema, o dúo recupera versos de Yerma, de Federico García Lorca: “E sostén este corpo de terra / até o branco xemido da alba”. 

Desde xeito, e nesta segunda entrega de Hibernarse, Fillas de Cassandra aborda a fragmentación do tempo a través da perda da memoria colectiva. “Fronte ao tempo da historia oficial, só fica a memoria. A Guerra Civil e as súas feridas foron relegadas a un pasado edulcorado ou silenciado, convertendo os eventos en imaxes descontextualizadas que afastan as xeracións actuais da súa realidade”, explica o dúo vigués, que aposta por poñer voz a unha ferida que segue aberta. 


Hibernarse, o universo multiformato de Fillas de Cassandra

Hibernarse é o novo proxecto híbrido, multiformato e singular no que Fillas de Cassandra reflexiona sobre o concepto do tempo a través de diferentes prismas e disciplinas artísticas. O núcleo desta proposta componse dun EP de catro temas que o dúo dará a coñecer, semanalmente, desde o 20 de marzo ata xoves 10 de abril. Será daquela cando o público poderá descubrir todo o que se agocha baixo o paraugas deste novo traballo, que se publicará da man de Tremendo Audiovisual e Altafonte, e que se poderá reservar, proximamente, a través da páxina web www.altafonte.com.

Hibernarse é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado paseniño e con esmero por María SOA e Sara Faro. Logo de dous anos de crecemento como grupo, Fillas de Cassandra pecha unha etapa reflexionando sobre a construción social do tempo e cun chamado á pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais. 

A través deste proxecto, Fillas de Cassandra inicia a busca dun novo traxe e lanza un convite ao público: construír á man e fiar peza a peza, semanalmente, o universoHibernarse, un traballo conceptual no que o dúo converte en reflexivos verbos que non o son para se observaren desde ángulos non explorados até o de agora. 

Escoita Quebrantarse https://links.altafonte.com/quebrantarse