Ata agora publicáronse, ademais do sinxelo ’E se queres’, os temas ‘Dona Alvela’, ‘Escribíache’ e ‘Teno sono’ a través das redes sociais da artista
O lanzamento de ‘Alvela’ coincide co concerto presentación, tamén o 23 de abril no Teatro Principal de Santiago, que xa esgotou as entradas dispoñibles
A partir de hoxe, martes 15, é posible adquirir localidades con visibilidade reducida, a metade de prezo, na Zona C
Alvela, o novo disco de FAIA, estará dispoñible nas principais plataformas dixitais a partir das 00.00 horas do vindeiro 23 de abril. Trátase dun traballo complexo e sutil que transita pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer.
Son dez os temas que conforman o LP, dos que xa se coñecen E se queres, o primeiro adianto; ademais de Dona Alvela, que parte dunha peza do romanceiro tradicional e que aborda a violencia sobre a muller no momento do parto, e Escribíache, que procede do repertorio de Erminda Miramontes. A propia FAIA foi dando a coñecer estes temas no seu perfil de Instragram a través dunhas animacións elaboradas pola artista plástica Blanca Gracia. Esta mesma mañá a creadora vén de publicar o derradeiro avance de Alvela, o arrolo tradicional Teño sono, unha peza na que a arpa sostén, coa súa rítmica, o carácter circular, case mántrico, dun canto a dúo.
O 23 de abril desvelarase nas principais plataformas dixitais o resto do disco, que sairá proximamente en formato vinilo, ata completar os dez que integran Alvela, un traballo producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e que conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. O concepto visual do álbum foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañan as cancións son obra de Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco.
As cancións de Alvela
E se queres
Escribíache
Cocón
Dona Alvela
Mixurriña
Totón
O romance
Teño sono
Maruxiña
Canta rola
Entradas esgotadas
O lanzamento de Alvela nas plataformas o día 23 de abril coincidirá co concerto de presentación no Teatro Principal de Santiago, un evento encadrado na programación musical de Compostela Cultura. Aínda que as entradas para o concerto están esgotadas, é posible adquirir localidades con visibilidade reducida a metade de prezo desde hoxe, 15 de abril, na Zona C -cómpre lembrar que, por mor dos festivos, só estará aberta hoxe, mañá e, de novo, o martes 22 de abril-. No caso de que non se esgoten estes boletos, o público poderá coller as últimas butacas na billeteira do teatro unha hora antes do comezo do concerto.
Na presentación pública de Alvela no Teatro Principal, FAIA estará acompañada da arpista bretoa Bleuenn Le Friec e mais do cuarteto vigués de cordas Suelen Estar Quartet, integrado por Elena Vázquez (violín), María José Pámpano (violín/viola), Macarena Montesinos (violonchelo) e Saúl Puga (contrabaixo). A proposta musical completarase co vestiario de Melania Freire e co deseño de luz a cargo de Nonon Lab.
Sobre FAIA
FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. Este abril presenta Alvela, o seu segundo traballo.
CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ‘ALVELA’ | ENTRADAS ESGOTADAS
23 de abril | 20.30 h | Teatro Principal (Santiago de Compostela)
Venda de entradas con visibilidade reducida:
Zona C · Punto de Información Cultural (15, 16, 22 e 23 de abril, 11-14 h e 16-19 h)
Despacho de billetes do Teatro Principal (o día do concerto dende as 19.30 h)
O acto terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba o martes22 de abril de 2025, ás 20:00 horas, e será presentado por Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.
Joseph Keckler, definido por The New York Times como “un talento extraordinario que rompe as barreiras convencionais”, actúa por primeira vez en España mañá, martes 15, da man do Sinsal Primavera
O concerto terá lugar a partir das 20.30h no Salón de Actos do MARCO e as entradas están dispoñibles, desde 12 €, na web de Sinsal
As seguintes citas terán lugar na Sala Radar o mércores 30 de abril e o sábado 3 de maio, cos directos da banda británica Chemtrails e dos belgas Bombataz
Sinsal Primavera, a serie de concertos eclécticos organizados cada ano pola promotora Sinsalaudio da man do Concello de Vigo, inicia este martes, 15 de abril, a súa nova edición. Desta volta, serán tres directos singulares, liberados de prexuízos de xéneros e que ademais, suporán a estrea destes proxectos musicais en España.
O responsable de inaugurar o ciclo este martes 15 de abril será o estadounidense Joseph Keckler, artista coñecido pola súa voz conmovedora e a súa prosa vívida, que chegará directamente a Vigo logo de actuar nun dos festivais máis especiais de Europa: o Tremor (Azores, Portugal). Sinalado polo diario The New York Times como “un talento extraordinario que rompe as barreiras convencionais”, Keckler sorprenderá ao público coa súa presenza magnética e o seu espírito provocativo que desafían calquera forma de expresión.
A proposta musical de Joseph Keckler non atende a unha única categorización pola súa voz operística en constante metamorfose e a súa presenza magnética que atrapa durante o directo. As súas actuacións oscilan entre a comedia, o comentario e a comuñón. O estadounidense desprázase con sutileza entre baladas asombrosas, grooves inquietantes e arias ambiguamente autobiográficas nas que aborda cuestións da vida cotiá para afastarse e transformalas en absurdas e conmovedoras viaxes ao inframundo.
Sinsal Primavera, promovido por Sinsalaudio -promotora do Festival Sinsal SON Estrella Galicia na Illa de San Simón- co apoio principal do consistorio vigués, pretende achegar cada ano ao público a música de bandas e solistas cuxa singular proposta artística non forma parte do circuíto habitual das salas de concertos. Con esta intención, e da man do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (sede habitual do evento) e da Sala Radar, Sinsal Primavera agroma cada ano coma unha rara avis no panorama galego, á fin de sorprender ás adeptas e aos adeptos a descubrir novos proxectos creativos.
A seguinte cita será o mércores 30 de abril na Sala Radar co garage-punk e power pop da banda inglesa Chemtrails; e os belgas Bombataz porán o ramo o 3 de maio co seu jazz contemporáneo no mesmo recinto. As entradas para as citas do Sinsal Primavera están á venda na web de Sinsal a través da plataforma Enterticket, cun prezo especial para quen faga a compra anticipada; pois no despacho de billetes serán máis caras.
CONCERTO SINSAL PRIMAVERA JOSEPH KECKLER (Estados Unidos) 15.04.2025, 20.30h | MARCO. Salón de actos Entradas á venda en Enterticket (12€+gastos) Vídeo: https://youtu.be/G9QlhtGMFfw?si=W8rT0NpPb4qWQhUZ
Este sábado 12 de abril ás 12 h. a Casa da Cultura de Vilalba acolleu a presentación do libro Microrrelatos Premiados no V e VI Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO. Un volume editado por Alvarellos Editora, e no que aparecen os dezasete textos que acadaron galardón no V e VI Certame do Concello de Vilalba.
Na presentación participaron Marta Rouco, alcaldesa de Vilalba, presidindo a mesa na que tamén estive ron Mónica González en calidade de concelleira de Cultura e Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora.
O acto foi conducido por Martiño Maseda, administrador de Culturalia GZ, web cultural que colabora co Concello de Vilalba na convocatoria deste concurso de narrativa hiperbreve. Ao pouco de comezar a presentación produciuse unha ‘interrupción’ teatral co título de Protocolo Micro, interpretada por dúas actrices da Escola Municipal de Teatro de Vilalba, Susana Pérez Fernández e Tamara Grandío Barrio. A continuación interviron Mónica González e Henrique Alvarellos, que salientaron o bo camiño que levaba o Certame de Microrrelatos dentro do panorama literario galego. Na parte final do acto leron os seus textos Duarte Mariño Torrado, Paula Pérez Cendán, Henrique Neira Pereira, Lucía Domínguez Pereira, María Fernández Escariz e Carlota Millor Prado, autores/-as premiadas nas edicións de 2023 e 2024. O acto rematou coas palabras da alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a foto colectiva de todas as partes implicadas no desenvolvemento do certame literario ( entidades convocantes, editorial e persoas galardoadas).
Velaquí unha galería fotográfica que recolle distintos momentos da presentación deste sábado
*Imaxes facilitadas por Sonia García, técnica de Cultura do Concello de Vilalba
Gañadores das distintas categorías e representantes de Atlantic Ponte e Imaxin Software
O Validatón, no que participaron unha trintena de persoas, é un maratón de validación e gravación de fragmentos de voz en galego doados á plataforma pública Common Voice
Esta segunda edición, organizada polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Proxecto Nós, engadiu 13 horas de contribución aos datos de voz en galego en Common Voice
O Validatón 2025 pechou a súa segunda edición cun balance de 10.000 fragmentos de audio revisados e gravados durante a fase en liña que supoñen 13 horas de contribución aos datos de voz en galego en Common Voice: 6 de gravación e 7 de validación. Ademais, na fase presencial celebrada este xoves 10 de abril, os participantes crearon un total de 1920 frases que se engadirán á plataforma para a súa lectura.
A actividade, organizada polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e mais o Proxecto Nós, estaba dirixida a estudantes da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e premiou a participación en tres categorías: Víctor Pose en gravación de fragmentos de voz, Álex Rodríguez Guisantes en validación de audios e Lucía López Lires en xeración de frases. Tamén foi recoñecida como campioa global Noa Sobrino Lamas por ser a persoa con máis contribucións totais. Todos eles recibiron premios en metálico grazas ao apoio de Atlantic Ponte e Imaxin Software. En total, unha trintena de persoas participaron nesta segunda edición do Validatón
Para adestrar modelos de recoñecemento da fala cómpre utilizar grandes corpus de datos orais, pero a maioría, en especial os que usan as grandes compañías, son datos pechados e non están dispoñibles. Neste sentido, Common Voice, ao ser unha plataforma pública de datos de voz alimentada por persoas voluntarias de todo o mundo, axuda a que as tecnoloxías sexan accesibles para quen as queira desenvolver. As persoas contribúen a Common Voice doando a súa voz e tamén xulgando como válidas ou non as doazóns feitas por outras persoas. Xérase así ese corpus público que permitirá que no futuro distintas aplicacións informáticas poidan comprender as persoas que falen en galego.
Participantes do Validatón 2025
Outras iniciativas
Alén do Validatón, os coordinadores do Proxecto Nós lembran que o público xeral tamén pode contribuír a mellorar a presenza do galego no mundo dixital doando a súa voz a través de AgasallaNós. Esta campaña pretende rexistrar diferentes variedades fonéticas do galego para que as aplicacións baseadas no recoñecemento da fala dean identificado toda a riqueza da nosa lingua. O obxectivo é recompilar gravacións que representen diferentes idades, xéneros e variedades dialectais. Toda a información pódese atopar na web doagalego.nos.gal.
Outra iniciativa, reservada ao alumnado de grao da Universidade de Santiago de Compostela, consiste na participación nunha actividade formativa de recollida e validación de datos de voz en galego certificada pola USC como formación a través do recoñecemento dun crédito ECTS.