Imaxe da autora recollida do seu espazo na AELG. Autoría: Distrito Xermar (2022)

A obra da sonense Patricia Torrado Queiruga, que recibirá 7.000 euros e verá publicada a súa creación, foi a elixida polo xurado integrado por figuras de prestixio cultural e académico

O xurado do LI Certame Literario do Concello de Vilalba vén de facer público o seu ditame, proclamando como gañadora a obra Nakba, presentada baixo o lema “Coma quen lambe a ferida”, e cuxa autoría correspondeu á escritora e poeta Patricia Torrado Queiruga.

O certame, o máis antigo de Galicia e tamén un dos de mellor dotación económica, está recoñecido como unha das grandes citas da creación literaria no país. A gañadora desta edición recibirá un premio de 7.000 euros, ao que se suma a publicación da obra.

O xurado estivo composto por figuras de referencia do ámbito cultural e académico galego: Darío Villanueva, membro da Real Academia Española; Ramón Villares, catedrático de Historia; Xulio Xiz, xornalista; Fidel Fernán, director do Grupo de Radio Principal; Luz Airado, avogada e poeta; e Andrea Fernández Maneiro, poeta e gañadora da edición anterior.

A alcaldesa Marta Rouco destacou “a importancia de manter vivo un certame que forma parte da identidade cultural de Vilalba e que é, ademais, un referente en toda Galicia polo seu prestixio e pola súa aposta decidida pola creación literaria”. Engadiu que “detrás destas cinco décadas de historia hai un compromiso claro co talento, a cultura e a palabra escrita”.

Pola súa parte, a concelleira de Cultura Mónica González puxo en valor a calidade da obra gañadora e da propia convocatoria: “o Certame Literario de Vilalba demostra ano tras ano a súa capacidade de atraer voces potentes e diversas do panorama literario galego. Este premio non só promove a creación, senón que tamén proxecta o nome de Vilalba”. 

A traxectoria da gañadora

Patricia Torrado Queiruga (Porto Son, A Coruña) é licenciada en Filosofía pola USC, museóloga e experta en conservación e restauración do patrimonio pola UAH, ademais de contar con mestrados en Xestión Cultural e en Relacións Públicas e Protocolo pola UPO.

A súa traxectoria literaria está avalada por numerosos recoñecementos, entre os que destacan:

  • Primeiro premio do Certame Manuel Murguía de narracións breves (2020).
  • Primeiro premio do III Certame de poesía Torre de Caldaloba (2020).
  • Primeiro premio no III Certame de Caligramas Constanza de Castro (2023).
  • Primeiro premio no XI Concurso de Poesía Albariza de Artes-Concello de Ribeira (2024).
  • Segundo premio no XXIX Certame Francisco Añón de Poesía (2025).

Ademais foi galardoada en varias ocasións nos Certames de Microrrelatos do Día do Libro de Vilalba, nos que acadou distintos premios entre 2019 e 2022, así como noutras citas literarias de relevancia.

Sen esquecer as súas colaboracións con artigos de opinión en espazos de información variados como La Voz de Galicia ou na súa sección DEMIURXIA en Culturalia GZ.

Imaxe das persoas integrantes do xurado no LI Certame Literario do Concello de Vilalba, acompañadas da alcaldesa Marta Rouco

*A información para realizar esta nova foi recompilada principalmente na web do Concello de Vilalba