Convocada a II edición do Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025

A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove, por segundo ano consecutivo, este certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado polo artista Luis Yang, gañador da pasada edición do premio

O prazo para a preinscrición en liña estenderase do 19 de maio ao 9 de xuño de 2025 e poderá realizarse a través da páxina web de Autobán

Poderán participar todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 15 de maio de 2024 e o 15 de maio de 2025, cun máximo de 3 obras por participante

As bases completas do II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025 poden consultarse na seguinte ligazón: https://www.autoban.gal/premio25

A persoa gañadora do premio, seleccionada por un xurado especializado, darase a coñecer no mes de agosto durante un acto de entrega no marco da edición de verán de 2025 do Festival de autoedición e BD Autobán 


A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, convoca o II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025, un certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado a man polo artista Luis Yang (gañador da primeira edición do certame). O II Premio Autobán 2024-2025 contempla, tamén, un accésit cunha dotación económica de 350 €. O prazo para a preinscrición en liña estenderase do 19 de maio ao 9 de xuño e poderá realizarse a través de https://www.autoban.gal/premio25.

Poderán participar todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 15 de maio de 2024 e o 15 de maio de 2025, cun máximo de 3 obras por participante, sempre que o/a autor/a ou a maioría dos/as compoñentes do colectivo sexan de orixe galega ou estean fincados/as en Galicia. O tema, a técnica, o formato e o deseño do fanzine serán libres. A persoa gañadora do premio, seleccionada por un xurado especializado, darase a coñecer a partir de mediados de xullo e mais tarde celebrarase a cerimonia de entrega do premio durante a edición de verán 2025 do Festival Autobán. O gañador da edición anterior deste Premio Autobán quedaría excluído da posibilidade de optar de novo ao galardón nun prazo de cinco anos, pero si que podería presentarse a este certame para ser considerado de cara á participar na exposición de fanzines e na fanzinoteca das Bibliotecas da Coruña. As bases completas do II Premio Autobán poden consultarse na seguinte ligazón: https://www.autoban.gal/premio25.

UNHA PANORÁMICA SOBRE A PRIMEIRA EDICIÓN DO PREMIO AUTOBÁN

Na súa primeira edición, celebrada o pasado ano, Luis Yang alzouse co galardón do I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego grazas á súa obra Sunny 16. O xurado especializado do certame estivo integrado polos profesionais María Gil, historiadora da arte e investigadora; Brais Rodríguez, ilustrador e profesor; e Toño Vilaverde, libreiro especializado, que dicidiron outorgarlle, tamén, un accésit con diploma a Gemma Pérez, pola súa obra Mi nick era #humeda.

Este I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024 recibiu un total de 57 proxectos, con 54 publicacións válidas. Na rolda final de clasificados foron tamén seleccionados os fanzines Macheta 7, da Asociación Artístico-cultural Huhú e Asociación Teixo; Así somos, de Raquel Montero; e sólo una vez más, de Aisha Rey. O público puido ver e ler todas as obras presentadas a concurso na Expofanzines que acolleu o festival Viñetas desde o Atlántico no Palexco da Coruña do 12 de agosto ao 30 de setembro de 2024. Na web de Autobán e posible, tamén, consultar a información desta Expofanzines 2024: https://www.autoban.gal/expofanzines/expofanzine2024

SOBRE AUTOBÁN

Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas.

A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O encontro propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.

Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.

DEZ ANOS DE HISTORIA DE AUTOBÁN

En agosto de 2024, o festival de autoedición e BD Autobán celebrou o seu 10º aniversario. O ilustrador José Domingo foi o autor do cartel dese 10º Autobán, nun homenaxe a eses 10 anos de traxectoria do evento, xa que tamén foi el quen deseñou o cartel da primeira edición de Autobán celebrada en 2014. Neste 2025, Autobán regresará á Coruña no mes de agosto para celebrar a 11ª edición do evento.

Entre os fitos do Autobán nesta década de historia cabe destacar que moitas das xoves promesas que gañaron o seu Combate de Debuxantes acabaron por converterse en historietistas e artistas de renome, como Xulia Vicente, Cynthia Alfonso, Xulia Pisón, Paula Freire, Teresa Ferreiro, Jorge Parras, Paz Rodríguez ou Aisha Rey.

As sedes máis populares do Autobán ao longo dos anos foron a añorada Nave 1839 e a actual Praza de San Andrés, pero o festival tense movido por toda A Coruña: celebrou edicións no espazo The Room, nos bares Old School, La Maleta, Ledicia, Meliora, Bar 13 ou Monty, na Sala Filomatic, na librería A Tobeira de Oza ou no local social A Revolteira, e tivo unha exposición antolóxica no Café de Macondo. En 2024 sumouse, tamén, o Círculo de Artesáns.

Nos faladoiros do Autobán teñen participado ducias de personalidades do sector, coma os debuxantes Emma Ríos, Natasha Bustos, Alberto Vázquez, Bea Lema, Roberta Vázquez, Manel Cráneo, Santy Gutiérrez, Alberto Guitián, Leandro Barea, Pepa Prieto Puy, Miguel Porto, Inés Cararejos ou Brais Rodríguez, os críticos Octavio Beares, Manuel Barreiro e Edu Maroño, os blogueiros Esteban Yáñez e Ghanito, a bibliotecaria Sira González ou os libreiros Toño Vilaverde e Simón Blanco. Tratáronse temas como a censura e a liberdade de expresión, a visibilidade feminista e LGTBIQ+ no mundo da banda deseñada, os diferentes eventos de autoedición galegos, o funcionamento dos colectivos autorais, o traballo dos humoristas gráficos, o paso á industria do videoxogo, o panorama fanzineiro a nivel estatal ou a historia da autoedición en Galicia. 

2025.05.21.-NP-II-Premio-Autoban-24-25

Antía Muíño pechará o Letreseo 2025

O vindeiro venres 23 de maio no Museo Camilo José Cela de Iria Flavia (Padrón), terá lugar a actuación de peche do programa Letreseo, organizado pola Fundación Camilo José Cela e que este ano celebra unha edición especial, xa que se cumpre o trixésimo aniversario da concesión do Premio Cervantes ao autor iriense.

Antía Muíño é unha das revelacións da nova canción galega. Con “Carta Aberta”, o seu álbum debut con case 2 millóns de reproducións e ela foi escollida embaixadora de Spotify España na súa playlist EQUAL, saíndo en rotación nas marquesinas de Times Square (New York).

O seu rexistro móvese entre o jazz-pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional, unha viaxe entre estilos perfectamente guiada pola súa máxica voz. Na súa aínda curta carreira, actuou en festivais tan diversos como o Jazzaldia (Donosti), Veranos de la Villa (Madrid) ou Os Xoves de Códax (Cambados), entre moitos outros, e colabora habitualmente con artistas como Baiuca ou Xabier Díaz.

Ao vivo, Antía acompaña a súa voz ás veces de guitarra clásica e ás veces de pandeireta, intercalando a intimidade e o virtuosismo das súas autorías coa potencia da percusión e o canto tradicional. Completan o cuarteto Miguel Arribas ao saxo e o teclado, Ton Risco ás percusións e Yudit Almeida ao contrabaixo.

Neste concerto especial do LETRESEO, suma novo repertorio ás aclamadas cancións de “Carta Aberta”, como os seus máis recentes sinxelos e algunhas novas achegas da tradición oral.

Antía Muíño en concerto:

Museo Camilo José Cela – Iria Flavia (Padrón)

Venres 23 de maio ás 20:00h

Entradas en entradium.com

Noia Harp Fest convoca a cuarta edición do Premio de Composición Portus Apostoli


Noia Harp Fest convoca a cuarta edición do Portus Apostoli, que aumenta a contía do premio, dirixido a ampliar o repertorio para arpa e orquestra de cordas

  • A creadora ou creador da obra gañadora do Premio Internacional de Composición promovido polo NHF da man do Concello de Noia recibirá 4.000 euros e o apoio do festival para e a súa estrea oficial no ano 2026
  • A duodécima edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia celebrarase do 30 de xullo ao 2 de agosto e a súa programación oficial darase a coñecer publicamente o martes 3 de xuño



O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, cuxa duodécima edición terá lugar do 30 de xullo ao 2 de agosto, vén de publicar na súa páxina web as bases da convocatoria da cuarta edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, un certame innovador organizado polo propio evento, coa colaboración do Concello de Noia, coa intención de promover a creación de obras para arpa e orquestra e ampliar, deste xeito, o repertorio actual. O galardón, que de cara a esta nova edición ampliará a súa contía económica (a achega pasará de 2.500 a 4.000 euros), suporá tamén a estrea ao vivo da obra no ano 2026 co apoio do único festival do noroeste peninsular dedicado á arpa. A convocatoria está aberta desde hoxe, martes 20 de maio, e até o vindeiro 23 de decembro a todas e todos os compositores de calquera nacionalidade e sen límite de idade. 
Na terceira edición do Portus Apostoli, da que resultou gañador o arxentino Federico Beilison coa peza Cuatro historias gallegas (o fallo deuse a coñecer o pasado mes de febreiro) presentáronse unha ducia de composicións chegadas de países como Alemania, Austria, Colombia, Estados Unidos ou Finlandia, entre outros. Nas vindeiras semanas o Noia Harp Fest dará a coñecer os detalles da estrea da obra do compositor e guitarrista arxentino, da que o xurado salientou “a súa creatividade musical e a interesante utilización da escrita para arpa”, ademais de destacar os “múltiples recursos utilizados para corda” polo seu autor. A estrea mundial de Cuatro historias gallegas é unha das novidades que o festival dará a coñecer proximamente, alén da presentación oficial da súa programación ao completo, que terá lugar o martes 3 de xuño.   


Bases para participar no Portus Apostoli

Cada compositora ou compositor poderá presentar unha soa obra, que deberá ser orixinal e inédita, de xeito que non poderán participar no certame pezas creadas froito dun encargo remunerado, premiadas noutro concurso ou que fosen interpretadas anteriormente en concertos ou actos públicos. A nova composición será de tema libre, deberá estar escrita para arpa e orquestra de cordas (sen medios electroacústicos) e poderá ter unha duración de entre 10 e 15 minutos. Os materiais (un arquivo comprimido coa partitura da parte de arpa e outra xeral, ademais dun ficheiro en .mp3 ou .wav) poderanse enviar até as 24 horas do 23 de decembro de 2025.
Un xurado internacional, conformado por arpistas e directores de orquestra de recoñecido prestixio, será o responsable de valorar e premiar as creacións, nas que se terán en conta, entre outros aspectos, a proposta creativa; o tratamento da técnica e da escritura para arpa -así como da orquestración-; a coherencia, proporción e equilibrio no traballo técnico; ou o equilibrio entre dificultade e resultado musical. Ademais, o tribunal valorará positivamente aquelas obras con referencias á música ou á cultura galega.
Tanto a obra gañadora como a que se corresponda coa mención de honra (sen contía económica), daranse a coñecer o 15 de febreiro de 2026 e poderanse escoitar por vez primeira ao vivo nun concerto especial que se celebrará da man do Noia Harp Fest.



Noia Harp Fest

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) celebrará a súa duodécima edición os días 30 e 31 de xullo, e 1 e 2 de agosto. Organizado por Nalgures Producións e baixo a dirección artística da Asociación Noia Harp Fest, o evento conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, ademais da colaboración da Deputación da Coruña.

Trátase dunha cita imprescindible do calendario musical para todas aquelas amantes da arpa así como da diversidade artística; pois o evento reúne cada tempada numerosas bandas e solistas, tanto galegas coma internacionais, de diferentes estilos e orixes. Polo de agora, xa se coñecen os primeiros nomes que participarán nesta edición: Ana Crismán, Juliette Commeaux, Laia Blasco, Noela Cotuna, Rebecca Hill e a banda galega D’Súpeto, liderada polo arpista José Álvarez, que se estreará como formación no festival. 
O fío condutor do Noia Harp Fest é a interpretación a través da arpa, polo que durante unhas xornadas o público pode descubrir, de balde, desde músicas ancestrais até creacións contemporáneas de vangarda de diferentes países. Ademais, o evento acolle, desde 2023, o Encontro de Escolas de Arpa de Galicia, que reúne ao alumnado dos centros galegos para tecer comunidade, convivir e interpretar, xuntas, unha composición. 


20250520-NHF-IV-Portus-Apostoli

Inauguración da exposición CORREDORES SAGRADOS, de Lisa Tognon, no Castelo de Pambre

O dpmingo 25 de maio ás 16 h inaugurarase a exposición CORREDORES SAGRADOS, da artista canadense Lisa Tognon, coa colaboracion do IEU, a residencia de artistas palense O Picho e o concello de Palas de Rei. Contarase na inauguración coa intervención da escritora canadense Claire Varin. A exposición pèrmanecera aberta ata o 5 de xullo.

Das 18 ás 21 h O Picho invítanos a  participar nas súas instalacións a un acto no que se presentarán outras obras de Lisa Tognon.

http://ieu.gal/exposicion-de-lisa-tognon-no-castelo-de-pambre-5-maio-ao-5-de-xullo-de-2025/

Sole Felloza contará para público adulto e xuvenil historias de Manuel María


SOLE FELLOZA CONTA ESTE SÁBADO, EN DISTINTAS LOCALIZACIÓNS DE OUTEIRO DE REI, HISTORIAS ESCRITAS POR MANUEL MARÍA. 

Este sábado, día 24 de maio, desde a Casa-Museo Manuel María convidan a un roteiro imaxinario por Outeiro de Rei e a Terra Chá da man da narradora oral Sole Felloza. Un roteiro imaxinario que que se realizará no transcurso dun paseo polo mesmo san Xoán de Outeiro de Rei, parroquia natal de Manuel María e onde se encontra a Casa-Museo. Durante a paseo faranse paradas no adro da igrexa, no campo de Santa Isabel, na desembocadura do regato do Cepelo no río Pequeno…, momentos en que Sole Felloza aproveitará para contar algún dos relatos escritos por Manuel María.

A actividade comezará ás 18 hrs, con saída da Casa-Museo. A dificultade é baixa en relación co itinerario da camiñada e vai dirixida para o público adulto e xuvenil.

Sole Felloza é actriz, dramaturga, fotógrafa e narradora. Directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica. Alén disto, imparte formación en narración oral e desenvolve unha salientábel labor de animación á lectura en distintas bibliotecas do país.

A actividade é libre mais é imprescindíbel facer reserva previa a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no tel. 698177621.