Acto de entrega de premios do VIII Certame de Microrrelatos de Vilalba

Imaxe de grupo das persoas premiadas canda a mesa presidencial. Autoría da imaxe: Concello de Vilalba

Este pasado sábado, 5 de setembro, o salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba acolleu o acto de entrega de premios do VIII Certame de Microrrelatos de Vilalba, que organiza o Concello de Vilalba, coa colaboración de Culturalia GZ.

O acto estivo presidido pola Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco Seoane, acompañada da Concelleira de Cultura, Mónica González Fernández, e a Concelleira de Comercio, Turismo e Promoción da Lingua, Mª Xosé Fernández Pardo.

Unha a unha, as persoas premiadas (agás o gañador do 2º premio na categoría adulta, Cándido Paniagua Pousa, de Xinzo de Limia, que non puido asistir) foron acudindo á chamada de Martiño Maseda, administrador de Culturalia GZ, que exercía de condutor da entrega de premios. E, despois de leren cadanseu microrrelato, as premiadas recollían o galardón que respectivamente lles ían entregando as representantes do concello vilalbés.

Mentres a agrupación musical Árdelle o Eixo se encargou de amenizar musicalmente o comezo da cerimonia.

A relación de obras e autores/-as galardoadas foi a seguinte:

Categoría Infantil

1º Premio: Leah Ferreiro García (Vilalba), co seu microrrelato QUÉROTE, AVÓ.

2º Premio: Carmen López Tenreiro (Vilalba), polo microrrelato O BOSQUE DAS MIL MARABILLAS.

3º Premio: Antía Pérez Cendán (Vilalba), co microrrelato AS AMÉRICAS.

Categoría Xuvenil:

1º Premio: Darío Pita Rodríguez (Ferrol), polo microrrelato O SOBRADO.

2º Premio: Duarte Mariño Torrado (Porto do Son), polo microrrelato OLA, HAI ALGUÉN AÍ?

3º Premio: Adriana Garrido Santos (Vilagarcía de Arousa), co microrrelato O LIBRO.

Categoría Adulta:

1º Premio: Patricia Torrado Queiruga (Porto do Son), co microrrelato HISTORIA UNIVERSAL.

2º Premio: Cándido Paniagua Pousa (Xinzo de Limia), polo microrrelato Á HORA ACORDADA.

3º Premio: Alba Sánchez Ares (Santiago de Compostela), co microrrelato APOÑENDO.

En datas vindeiras, os microrrelatos premiados na presente edición xunto aos galardoados na edición de 2025 serán editados nunha publicación a cargo de Alvarellos Editora.

Entrega de premios do VIII Certame de Microrrelatos de Vilalba

Este sábado, 5 de setembro, na Casa da Cultura de Vilalba celebrarase a cerimonia de entrega dos premios ás persoas galardoadas no VIII Certame de Microrrelatos de Vilalba.

Este certame, organizado polo Concello de Vilalba, coa colaboración de Culturalia GZ, vaise consolidando dentro do panorama literario galego. Na presente edición houbo unha achega de 60 obras presentadas nas tres categorías de participación (infantil, xuvenil e adulta).

No acto deste sábado, ademais das persoas galardoadas, tamén estarán presentes a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco Seoane, a concelleira de Cultura, Mónica Gónzalez Fernández, e a concelleira de Comercio, Turismo e Promoción da Lingua, Mª Xosé Fernández Pardo, na mesa presidencial. Martiño Martiño, como administrador de Culturalia GZ, exercerá de presentador do acto.

Para a deliberación deste 2026 contouse cun xurado composto por Mercedes Queixas Zas, profesora e escritora, Atenea Ruibal Durán, bibliotecaria da Biblioteca Municipal de Vilalba, e a docente Pilar Otero Cabarcos.

A relación das obras premiadas e autores/-as das mesmas é a que segue a continuación:

Categoría Infantil

1º Premio: Leah Ferreiro García, co microrrelato QUÉROTE, AVÓ

2ºPremio: Carmen López Tenreiro co microrrelato O BOSQUE DAS MIL MARABILLAS

3º Premio: Antía Pérez Cendán, co microrrelato AS AMÉRICAS

Categoría Xuvenil

1º Premio: Darío Pita Rodríguez, co microrrelato O SOBRADO

2º Premio: Duarte Mariño Torrado, co microrrelato OLA, HAI ALGUÉN AÍ?

3º Premio: Adriana Garrido Santos, co microrrelato O LIBRO

Categoría Adulta

1º Premio: Patricia Torrado Queiruga, co microrrelato HISTORIA UNIVERSAL

2º Premio: Cándido Paniagua Pousa, co microrrelato Á HORA ACORDADA

3º Premio: Alba Sánchez Ares, co microrrelato APOÑENDO

Tamén se contará co acompañamento musical da Asociación Cultural Árdelle o Eixo.

Actos da Cultura Chairega 2026: Homenaxe a Manuel María no seu XXII Cabodano

Coma todos os anos por estas datas, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza os ACTOS DA CULTURA CHAIREGA-2026, en homenaxe a MANUEL MARÍA, coincidindo neste ano co seu XXII CABODANO.

PROGRAMA:

-DOMINGO 6-09-2026 – ÁS 12:30 HORAS
NO ESPAZO MANUEL MARÍA (Entrada de balde)

OFRENDA FLORAL E RECITADO A CARÓN DA SÚA ESCULTURA

APARTADO MUSICAL: CARLOS GÓMEZ OSA

 -SÁBADO 12-09-2026 – ÁS 20:00 HORAS

NO AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA (Entrada de balde. Reserva de localidade en entradasvilalba.es)

CONCERTO A CARGO DO GRUPO: CATRO NUN ZOCO

NOTA_INFORMATIVA_CULTURA-CHAIREGA26

Unha exposición sobre a figura de Manuel Lourenzo completará a estrea de A VELADA DE LONDRES de ButacaZero

A mostra itinerante amosarase por primeira vez este 4 de setembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e acompañará ao espectáculo no seu posterior percorrido para divulgar o legado do mestre da escena galega

Coincidindo coa estrea de A velada de Londres o vindeiro 4 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña, a compañía ButacaZero ofrecerá ao público algo máis ca unha función teatral: unha experiencia completa e un percorrido pola memoria de quen foi unha das grandes figuras da escena galega, Manuel Lourenzo (1943-2025). Trátase dunha exposición itinerante de seis paneis que se instalará no vestíbulo do teatro antes da función e que acompañará á montaxe na súa posterior traxectoria.

Deseñada baixo o título ‘Manuel Lourenzo. A pegada que continúa’, a mostra foi concibida polo director Xavier Castiñeira coa colaboración de Paco Oti, Inma López Silva, Ana Abad de Larriva, Gloria Rico e o fondo bibliográfico da Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor da Universidade da Coruña.

Esta exposición non pretende ser un percorrido histórico exhaustivo pola vida e a obra de Manuel Lourenzo, senón unha homenaxe construída desde a emoción e o afecto do propio Castiñeira polo seu mestre. Máis que explicar a súa traxectoria, a exposición quere celebrar a súa presenza e manter vivo o seu legado.

Un prolífico arquivo: máis de 300 obras e a obsesión por Drácula

A exposición amosa a dimensión colosal dun creador que facía do teatro unha urxencia vital desde que regresou de Alemaña en 1965 para “alumear unha Galicia gris”. Entre os datos e documentos que rescata a mostra destaca a singular disciplina de Lourenzo: un autor que escribiu máis de 300 pezas teatrais (reunidas en sete volumes) regresando puntualmente cada día ás súas obras porque escribir formaba parte da súa maneira de estar no mundo.

Do ‘Pensar co corpo’ ao referente popular

A mostra abarca tamén as múltiples vidas de Manuel Lourenzo: desde a súa faceta como impulsor e fundador de espazos clave para a cultura galega (O Facho, Teatro Circo, a Escola Dramática Galega, a compañía Luís Seoane ou Casahamlet) ata a súa labor pedagóxica, teorizada no seu célebre manual de interpretación Pensar co corpo (2000). O percorrido repasa ademais o seu traballo como tradutor ao galego dos grandes clásicos (Esquilo, Shakespeare, Brecht, Beckett) e a súa conexión co gran público a través de personaxes icónicos na televisión como Melgacho (Mareas Vivas) ou Terito (Fariña).

“Seis paneis apenas poden suxerir a dimensión dunha vida dedicada ao teatro. Esta exposición non pretende contalo todo, só abrir unha pequena fiestra a un home que nos ensinou a mirar e entender a escena como vida compartida”, sinala o director Xavier Castiñeira. “Porque un mestre non permanece só no que ensinou, permanece no que outros son capables de facer grazas a el”.

A exposición poderase visitar de xeito gratuíto no vestíbulo do Teatro Rosalía Castro da Coruña o vindeiro 4 de setembro, coincidindo coa estrea da peza, marcando o punto de partida dun itinerario que levará este tributo a Manuel Lourenzo polos diferentes espazos onde se presente o espectáculo.

A Velada de Londres. Equipo: Xurxo Cortázar, Xavier Castiñeira, Beatriz de Vega, Carlos Pinilla (arriba), Esperanza Mara e Sophia Rodal sentadas

SINOPSE A VELADA DE LONDRES

A elección de A velada de Londres ten tamén unha razón profundamente vinculada á historia da propia obra: en 1999, Xavier Castiñeira foi axudante de dirección de Manuel Lourenzo na súa posta en escena. Case tres décadas despois, Castiñeira retoma aquel texto desde a súa propia mirada e a súa concepción do teatro.

A Velada de Londres mergúllanos na súa visión sobre o universo de Drácula, unha das súas obsesións creativas. Nela imaxina unha escena tras o primeiro capítulo da novela de Bram Stocker, cando Jonathan Harker coñece ao Conde en Transilvania. No retorno a Londres xunto á súa muller Mina, Jonathan revive obsesivamente aquela experiencia, e a súa relación esborrállase entre o desexo, o medo e a fascinación.

A presenza en escena de Esperanza Mara, chelista e soprano, farán que o público poida disfrutar dunha velada teatral, pero tamén musical.

A representación completarase cunha pequena exposición dedicada á vida, obra e legado de Manuel Lourenzo. Un convite a descubrir e celebrar a memoria dun creador que deixou unha pegada imborrable no teatro galego.

ButacaZero

ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira coa que propoñen un teatro que dialoga coa actualidade dende unha mirada crítica e irónica, e no que a tradición teatral se mestura con linguaxes contemporáneas. A compañía, creadora e produtora de propostas como IRIBARNE (con 9 Premios María Casares, entre eles o de mellor espectáculo), O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgadaPapagena32m2Despois das ondas ou Voaxa e Carmín, sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego.

SOBRE A VELADA DE LONDRES, DE BUTACAZERO

  • Estrea absoluta: 4 de setembro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía Castro (A Coruña).
  • Dirección: Xavier Castiñeira.
  • Reparto: Xurxo Cortázar, Sophia Rodal, Teo Piñeiro, Esperanza Mara (soprano e chelista).
  • Banda sonora orixinal: Iago Hermo.
  • Deseño de luz: Violeta Martínez.
  • Espazo escénico: Beatriz de Vega.
  • Figurinista: Carlos Pinilla.
  • Produción e distribución: ButacaZero.
  • Produción en xira: Rubén Capelán.
  • Axudante de dirección: Nuria Montero.
  • Deseño gráfico e prensa: Coma Comunicación Creativa.

Proxección da longametraxe ANTES DE NÓS, de Ángeles Huerta, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, a Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Vilalba, organiza a proxección da longametraxe ANTES DE NÓS, de Ángeles Huerta, continuando deste xeito co CICLO MESTRE MATEO-2026 que durante os próximos meses brindaranos a oportunidade de poder desfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXIV PREMIOS MESTRE MATEO.

Esta terceira proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o xoves 3 de setembro de 2026, ás 20:00 horas.

NOTA-ANTES-DE-NOS