A lectura pública Como dicía Castelao que se está a desenvolver hoxe, martes 1 de xullo, no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, na Igrexa de San Domingos de Bonaval, promete deixar unha fonda pegada emocional e colectiva no corazón de Santiago. O acto inaugural da actividade, que se enmarca dentro do XIII Festival Atlántica, contou coas intervencións de Natividad González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia; Francisco José Prieto Fernández, arcebispo da Diocese compostelá; Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela; Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago; e Soledad Felloza, directora do festival, en calidade de condutora do evento.
Unha vez rematada a inauguración, comezaron as lecturas nas que participaron, alén das devanditas autoridades, outras persoas como Ramiro Rodríguez, cónsul da República Oriental do Uruguai, Mercedes Queixas, deputada da área de Cultura do grupo do BNG no Parlamento de Galicia, Silvia Longueira, deputada do grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega, Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao, Xurxo Lobato, académico da Real Academia de Belas Artes, María Xosé Fernández, vicepresidenta do Museo do Pobo Galego, Ángeles Tilve Jar, directora do Museo de Pontevedra, Francisco Oti, secretario da Academia Galega de Teatro ou Cesáreo Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, por citra algúns.
O acto, aberto ao público, está a contar cunha notable afluencia de asistentes que acoden de xeito espontáneo xerando un ambiente de escoita viva e constante ao longo da xornada. As voces da cidadanía anónima mesturaranse ao longo da tarde con otras máis coñecidas da cultura como Faia Díaz, Avelino González, Mónica Caamaño, Vero Rilo, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira, Ángeles Goás ou a propia Soledad Felloza, entre outros nomes que poñerán corpo e emoción aos textos máis emblemáticos de Castelao. E todo desenvolverase atravesado polo mesmo espírito: celebrar a palabra viva como ferramenta de encontro, memoria e transformación.
A lectura pública Como dicía Castelao está organizado polo Festival Atlántica e conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, e coa colaboración do Arcebispado de Santiago de Compostela, a Fundación Castelao e o Museo do Pobo Galego.
FOTO NP: De esq a dereita: Antonio López, Valentín García, Goretti Sanmartín, Rosario Álvarez, José Prieto Fernández, Natividad González e Soledad Felloza (FOTO: Miguel Muñiz)
O XIII Festival Atlántica chega por primeira vez a Vimianzo cunha programación que mestura historia, tradición oral e espírito rebelde en tres propostas gratuítas pensadas para todos os públicos. O Castro das Barreiras e o Castelo —dous espazos cargados de simbolismo— converteranse en escenarios da palabra viva durante os días 29 de xuño e 2 de xullo. Deste xeito, Vimianzo intégrase na ruta do Festival Atlántica, comprometéndose coa cultura oral e a posta en valor do patrimonio a través das historias que nos conectan.
A xornada do domingo 29 de xuño abrirase ás 19:30 horas no Castro das Barreiras cunha visita guiada especial a cargo do arqueólogo e divulgador Ángel Concheiro, tamén coñecido como Tito Concheiro, quen achegará ao público adulto os segredos e a historia deste importante xacemento da Idade do Ferro, un dos mellor conservados da Costa da Morte. A actividade permitirá coñecer de preto os últimos achados e interpretacións sobre este antigo poboado fortificado, descubrindo a súa complexidade, arquitectura e relevancia histórica. Un convite a pisar sobre as pegadas da historia, a escoitar o que nos contan as pedras e a deixar que o pasado nos fale con voz nova desde o corazón da terra.
Cándido Pazó: historias para rir, lembrar e vivir
A continuación, ás 20:30 horas, tamén no castro, o recoñecido actor e narrador Cándido Pazó presentará Contar para vivilo, unha sesión para público adulto chea de humor, emoción e memoria. Co seu estilo inconfundible, Pazó ofrecerá historias e parrafadas que viaxan no tempo e nos levan de volta ás xentes e lugares doutrora.
Durante sesenta minutos, Pazó despregará o seu inconfundible estilo nunha viaxe feita só de palabras: contos, lerias e parrafadas que transitan por outros tempos, outras xentes e outros mundos, pero que falan directamente ás preocupacións e alegrías do presente. Un espectáculo que mestura retranca e tenrura, e no que o escenario se transforma nun lugar de encontro co vivido e co imaxinado. Porque quen sabe contar, fai que queiramos seguir escoitando. E quen escoita, vive dúas veces.
Pepa a Loba: aventuras, misterio e igualdade dende o corazón do conto
A programación completarase o mércores 2 de xullo ás 11:00 horas no Castelo de Vimianzo coa función Procúrase Pepa a Loba, da narradora Cris Collazo, unha proposta para crianzas a partir dos 5 anos —aberta tamén ao público xeral— na que a lenda da famosa bandoleira galega se transforma nun contacontos participativo con música, danza e moito misterio. A actividade forma parte tamén do campamento de verán da vila.
A historia lévanos ata o ano 1890, xusto no día da inauguración da taberna da mítica Pepa a Loba, figura rebelde e lendaria da tradición galega. A súa extravagante gavela —formada por Xan Quinto “o vello”, Maninocente e mesmo Calamity Jane— celebra a ocasión, mais algo se agocha nas sombras: un tesouro perdido que só Pepa coñece… e que precisa da axuda do público para atopar.
A narradora Cris Collazo ofrece un contacontos dinámico e divertido, no que se reivindica a amizade, a aventura compartida e a igualdade de xénero, todo nun entorno que convida a soñar e a xogar coa historia. Un convite para cativar a pequenos e grandes cunha heroína pouco convencional e moitas ganas de facer rebulir a imaxinación.
Palabra viva como amuleto
Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.
A presenza de Atlántica en Vimianzo é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e ao patrocinio do Concello da vila. Vimianzo forma parte das máis de 27 localidades galegas e portuguesas que este ano acollen o festival. Toda a información está dispoñible na web: www.festivalatlantica.gal.
Palabra viva como amuleto
Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.
A presenza de Atlántica en Santiago e Teo é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, ao patrocinio dos respectivos concellos e á colaboración do Museo do Pobo Galego, da A.C. O Galo e do CSC A Rocha. Santiago e Teo forma parte das 27 localidades galegas e portuguesas que este ano acollen o festival. Toda a información está dispoñible na web www.festivalatlantica.gal.
FESTIVAL ATLÁNTICA
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), co patrocinio e financiación da Área de Cultura-Vicepresidencia d Deputación de Lugo, e coa colaboración do Concello de Vilalba, e dentro dos actos programados co gallo do 2025-ANO CASTELAO, organiza a representación teatral COUSAS, de Castelao, a cargo do grupo Os Quinquilláns.
O acto terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o venres 4 de xullo de 2025, ás 20:00 horas.
O FESTIVAL CELEBRA HOXE A SÚA DERRADEIRA XORNADA COS CONCERTOS DE CARLOS NÚÑEZ E ANTÍA MUÍÑO
Arrancou a primeira xornada do Festival do Pasatempo 2025 con tres dos grandes nomes do panorama musical estatal en galego e euskera, Tanxugueiras, ZETAK e Caamaño&Ameixeiras. O Parque do Pasatempo voltou un ano máis a acoller uns concertos que espertaron o espírito musical dun recinto inigualable que se vestiu de gala para a primeira das dúas xornadas desta edición.
A xornada comezou coa maxia e emoción de Caamaño&Ameixeiras, que coa súa reinterpretación da ritoloxía popular caldeou o ambiente. O prato forte chegou con Tanxugueiras, que cun potente directo amosaron por que son un dos grupos máis importantes da música galega. O fin de festa correu a cargo do navarro ZETAK, que coa súa enérxica electrónica pechou por todo o alto un día memorable.
O día de hoxe, última xornada do festival, destaca cun dos cabezas de cartel desta edición, Carlos Núñez, un dos maiores referentes internacionais históricos da música galega. A súa incursión no universo da folktrónica, xunto a produtores e creadoras que están a redefinir os sons da tradición, é outro exemplo da súa visión aberta e innovadora. Ao longo destes anos, Carlos Núñez vendeu máis dun millón de discos, obtendo un Premio Ondas, a Medalla Castelao e a de Galicia, dúas candidaturas en solitario aos Latin Grammy e galardóns arredor do mundo. Compartirá escenario e xornada con Antía Muíño, artista que se converteu nunha das revelacións da nova canción galega. Con “Carta Aberta”, o seu álbum debut, acumulou case 2 millóns de reproducións e foi escollida embaixadora de Spotify España na súa playlist EQUAL, saíndo nas pantallas de Times Square, en Nova York. A súa proposta é unha viaxe entre o jazz-pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional, perfectamente guiada pola maxia da súa voz.
O festival xorde como unha iniciativa para traer a artistas de primeiro nivel a un parque histórico, poñendo en valor a súa categoría de Ben de Interese Cultural. O espazo é un tesouro agochado da historia galega, construído no século XIX polos indianos da zona. A día de hoxe segue sendo un elemento impresionante en vías de restauración, polo que o evento, dende a liña gráfica creada por Rei Zentolo ata as actividades e comunicación do mesmo, tamén visibilizará os procesos de resignificación dun dos espazos máis históricos e culturais da contorna.
O Festival do Pasatempo de Betanzos é un festival promovido pola promotora PlayPlan, artífice de festivais como o SonRías Baixas, BIGSOUND Pontevedra, Fumega Fest ou das carreiras artísticas de Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Hugo Guezeta, Sabela ou Vimbio entre moitos outros. Ademais, conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco de Concertos do Xacobeo, así como coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos, e o patrocinio de El Águila.
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a palestra CASTELAO POLÍTICO 1916-1950, impartida por Uxío-Breogán Diéguez, historiador e director da cátedra de Memoria Histórica da UDC. Presentará: Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.
O acto terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba o xoves 3 de xullo de 2025, ás 20:00 horas.
Tamén permanece aberta ao público na mesma Casa da Cultura a Exposición SEMPRE EN GALIZA 1944-2024.