HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: O PETO

Eles, alleos, os outros, na súa estendida indiferenza, non queren abrazarme nin ferirme.  Pero desde a inconsciencia achegan a min os seus coitelos afiados, abrindo brecha nova ou furgando na vella. E sei que, cando o tallo é grande, cicatriz só é outro xeito de nomear a ferida.

Mais non o fan á mantenta. Ignoran. Simplemente non consideran o escenario no que, de cando en vez, son vulnerable.

Simplemente non saben que aínda latexa o teu poema no peto do pantalón do meu cadáver.

Andanzas do Suso de Lameliña. AFORISMOS

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

AFORISMOS

MUSAS

Esas deusas promiscuas que cando estás en celo non se deixan ver.

NUBES

O ceo sería como un lenzo baleiro se non fose polas nubes, cambiantes e caprichosas.

PRIMEIRA VEZ

As nosas vidas están cheas de primeiras veces. A súa ausencia é a antesala da morte.

MALAS COMPAÑÍAS

Cómpre elixir ben as malas compañías. O éxito ou o fracaso nesta vida depende desta decisión.

FILÓSOFOS

Se de alguén hai que desconfiar é dos filósofos. Cando menos o agardas sacan a munición oculta na gabeta. E dio alguén que conta a filósofos entre os seus mellores amigos.

PANTASMAS

O que máis me anoxa das pantasmas é o seu aire de superioridade, sempre mirándote por riba do ombreiro e sen dirixirche nunca a palabra.

POETAS

Os poetas son como as abellas: van de flor en flor á procura de inspiración.

O Atlantic Pride reuniu máis de 25.000 persoas na súa 5ª edición

O ‘Orgullo do Norte’ celebrado na Coruña do 7 ao 14 de xullo pechou con éxito oito xornadas de concertos, da man de figuras como Vengaboys, Chanel, Nebulossa, Nena Daconte, Raúl, Rosa López, Las Ketchup, Shego, Luna Ki, Morreo, Supremme de Luxe, Lucía Pérez, Mondra, Sila Lúa, Lontreira, Amoebo e ata máis dunha trintena de bandas e artistas de referencia, pese a choiva que se viviu na cidade a pasada semana

A cita consolídase como un referente dos ‘Orgullos’ que se celebran nesta época do ano ao longo da Península, como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, que gaña novos adeptos ano tras ano, e no que se reúnen coloridas propostas para todos os públicos

No seu programa teñen tamén cabida divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega, sesións ‘After Party’ e a celebración dun Certame Literario de Literatura LGTBI+, que neste 2024 rexistrou o seu récord de participación

O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nacido na Coruña no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva, impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña, que conta co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic

O Atlantic Pride reuniu máis de 25.000 persoas na súa 5ª edición. Deste xeito, o ‘Orgullo do Norte’ celebrado na Coruña do 7 ao 14 de xullo pechou con éxito oito xornadas de concertos, da man de figuras como Vengaboys, Chanel, Nebulossa, Nena Daconte, Raúl, Rosa López, Las Ketchup, Shego, Luna Ki, Morreo, Supremme de Luxe, Lucía Pérez, Mondra, Sila Lúa, Lontreira, Amoebo e ata máis dunha trintena de bandas e artistas de referencia, pese que a choiva vivida na cidade a pasada semana nalgunha das veladas.

A cita consolídase como un referente dos ‘Orgullos’ que se celebran nesta época do ano ao longo da Península, como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, que gaña novos adeptos ano tras ano, e no que se reúnen coloridas propostas para todos os públicos. No seu programa teñen tamén cabida divertidas e explosivas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega, sesións ‘After Party’ e a celebración dun Certame Literario de Literatura LGTBI+, que neste 2024 rexistrou o seu récord de participación. 

Iván Cervo, un dos directores do Atlantic Pride, quixo transmitir o seu agradecemento a todas as persoas que un ano máis fixeron posible o festival: artistas, público, equipos, patrocinadores e apoios. “Desde a Asociación Orgullo Coruña e o Atlantic Pride queremos agradecer a todas as persoas e colectivos que gozaron deste evento aberto e diverso, que neste 2024 consolidouse como unha das citas de referencia da música no noroeste peninsular”. E continuou: “Grazas, tamén, aos artistas programados, pola súa xenerosidade e polo bo ambiente que crearon ao longo dos oitos días nos que se celebrou o Atlantic Pride”.

Sobre a asistencia, Cervo destacou que, “a pesar deste atípico verán coruñés, as cifras de público do festival foron case récord nos tres escenarios nos que o evento tivo lugar: a Fundación Luís Seoane, a Praza de Pontevedra e os Xardíns de Méndez Núñez”. “Isto é unha mostra máis do interese que o evento xera na cidade da Coruña”, remarcou, concluíndo que, moi pronto, “agardamos anunciar novidades para a edición 2025 do Alantic Pride e, mentres tanto, seguiremos celebrando a diversidade, a inclusión e a integración durante todo o ano”.

SOBRE O ATLANTIC PRIDE, O ‘ORGULLO DO NORTE’

Entre o 7 e o 14 de xullo, A Coruña volveu ser a sede do ‘Orgullo do Norte’ para celebrar a quinta edición do Atlantic Pride. Neste 2024, o festival propuxo oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. 

O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nacido na Coruña no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva, impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña, que conta co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.

Na súa quinta edición, contou coa presencia das estrelas eurovisivas Nebulossa, Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez, xunto a figuras que pisan forte na nova escena galega, como Mondra, Sila Lúa, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo. Na festa deste ‘Orgullo do Norte’ non faltaron, tampouco, as voces de grandes divas como Chanel, Luna Ki e Supremme de Luxe, ademais das drags Nomi Bull, Cloe Savage e Meiga-I.

No cartel deste Atlantic Pride 2024 destacaron, tamén, nomes como os de Nena Daconte, Shego, Morreo, Raúl, Selena Leo, Eris MacKenzie e Filloas. O grupo Vengaboys foi o encargado de poñer o acento internacional ao festival, mentres que as pinchadas correron a cargo dos dj’s EME DJ, S.Alma, La Suprema, D-Lemma, DJ90, DJ Licho, Roi Porto, La Eterna e DJ Flashback. O festival contou, tamén, coa actuación especial do Coro “Cores”. 

O Atlantic Pride nace na Coruña no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBI+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social do noroeste.

20240717-NP-balance-Atlantic-Pride-2024

A oitava edición de WOS Festival x SON Estrella Galicia celebrarase en 2025

O evento, referente da cultura de vangarda a nivel estatal, fai una pausa este 2024 para repensar o proxecto e explorar novos formatos, escenarios e sinerxias

A próxima edición de WOS Festival x SON Estrella Galicia celebrarase no ano 2025. O evento, referente da cultura de vangarda a nivel estatal, fai unha pausa este 2024 para poder repensar WOS en todas as súas dimensións e explorar así novos formatos, escenarios e sinerxias para a súa oitava edición.

A dirección de WOS Festival, recoñecido como o Mellor Festival Indoor de Europa 2018 nos European Festival Awards e Mellor Festival Indoor Nacional 2023 nos Iberian Festival Awards, tomou a decisión de pospoñer a celebración da nova edición do evento, prevista para este mes de setembro, para que o proxecto presente a calidade que desexa e que, considera, o público merece.

O aumento dos custos de produción dos eventos musicais así como a redución dos prazos de planificación dos mesmos impiden que o proxecto cultural, merecedor tamén do galardón Mellor Promoción Turística 2019 nos Iberian Festival Awards, poida desenvolverse en condicións óptimas -para asistentes, profesionais e equipo- e ofrecer unha proposta programática multidisciplinar de notable calidade artística, tal e como é habitual na iniciativa promovida pola produtora compostelá WORK ON SUNDAY.

Na súa última edición, WOS Festival x SON Estrella Galicia programou, na cidade de Santiago de Compostela, 28 espectáculos -3 deles, estreas mundiais- ao longo de catro xornadas de intensa actividade. Nelas, 3.430 persoas -entre asistentes e público profesional- puideron participar, alén da programación musical, en mesas de debate, proxeccións, talleres e eventos de traballo en rede. Figuras internacionais de primeiro nivel como Actress, Laurel Halo ou Midori Takada visitaron o pasado mes de setembro a capital galega para presentar os seus novos directos en espazos de alto valor patrimonial da cidade.

A dirección de WOS Festival quere agradecer tanto ao seu patrocinador principal SON Estrella Galicia como a Xunta de Galicia, Concello de Santiago de Compostela e Deputación Principal da Coruña -principais institucións públicas colaboradoras do evento- que mostrasen a súa vontade á hora de apoiar a celebración do festival en 2025. Con todo, WOS quere trasladar un agradecemento moi especial ao público que acompañou ao festival desde o seu nacemento e que esperaba con interese a chegada de setembro cunha mensaxe clara e esperanzadora: “Volveremos vernos, con máis ganas se cabe, moi pronto”.

20240717_Nota_Prensa_WOS-Festival-x-SON-Estrella-Galicia_gal

José Ramón Hernández, director artístico de Osikán – vivero de creación, inicia a súa ‘Residencia Paraíso’ no Pazo da Cultura de Carballo

Desde este xoves, día 18 de xullo, e até o martes 30, no marco das Residencias Paraíso 2024, impulsadas polo Colectivo RPM, o creador desenvolverá o seu proxecto de creación escénica ‘Eyilá ashé ebbora – archivo vivo de la resistencia’, co que explora a espiritualidade como potencia política para a transformación social

Unha vez finalizada a súa residencia, José Ramón Hernández ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso no Pazo da Cultura de Carballo no mes de outubro de 2024, no marco da celebración da 33ª edición do festival Internacional Outono de Teatro de Carballo – FIOT

Paralelamente, o artista interdisciplinar participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado polo colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

O artista José Ramón Hernández, fundador e director artístico de Osikán – vivero de creación, inicia a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024 este xoves, 18 de xullo, en Carballo. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. O Pazo da Cultura da localidade bergantiñá acolle, desde mañá xoves e até o martes 30 de xullo, a sexta destas residencias artísticas de 2024, en torno á proposta do artista interdisciplinar que ten por título Eyilá ashé ebbora – archivo vivo de la resistencia, un proxecto de creación escénica que explora a espiritualidade como potencia política para a transformación social. 

Unha vez finalizada a súa residencia artística, José Ramón Hernández ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mes de outubro de 2024, no marco da celebración da 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo – FIOT.

Paralelamente, o creador participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón. 

SOBRE O PROXECTO

Eyilá ashé ebbora – archivo vivo de la resistencia é un proxecto de creación escénica que explora a espiritualidade como potencia política para a transformación social. Inspírase nos saberes subalternos das persoas afro, trans, racializadas e migrantes do sur global e os feminismos negros que se están producindo en España.

Eyilá ashé ebbora – archivo vivo de la resistencia é a segunda investigación da serie escénica Opira, iniciada en Cuba en 2019 e que propón explorar o cruzamento entre o corpo filosófico yoruba, as ritualidades afrocaribeñas e as performatividades contemporáneas.

Trátase dun exercicio de combinación do espiritual e o matérico a partir da escoita profunda e a crítica dos camiños e designios que propoñen cada uns dos doce signos do diloggún, sistema ancestral yoruba de adiviñación na Regra Osha Ifa, practicada en Nixeria, Benín, Cuba, Brasil e outros países do Caribe e AbyaYala, para mirar as problemáticas das nosas sociedades contemporáneas.

SOBRE O ARTISTA 

José Ramón Hernández (Palma Soriano, Cuba, 1988) é un artista interdisciplinar afrocubano graduado do Instituto Superior de Arte de Cuba, fundador e director artístico de Osikán – vivero de creación. A súa práctica desprázase entre a dirección artística, a dramaturxia, a coreografía, o comisariado de artes en vivo, a instalación, a performance, a educación, a mediación e a xestión cultural. A súa investigación creativa pon o foco nas ritualidades afrodescendientes, a performatividade das corporaleidades periféricas, as materias, as espiritualidades, as memorias, as migracións, as cartografías e os desexos. Ensaia os límites entre a ficción e a realidade, o traballo con documentos non ficcionais e as ferramentas do sensible para afectar e intervir procesos sociais e comunidades.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Promovido polo Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.

Neste 2024, as residencias artísticas desenvolvense entre abril e outubro no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón. 

Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.

Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá. 

O maior valor de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa. Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras. 

Residencias Paraíso é un proxecto interinstitucional do Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas.

Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

2024.07.17.-NP-Residencias-Paraiso-Osikan