A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove este certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio -que recaeu na obra de Luis Yang ‘Sunny 16’- consta dunha dotación económica de 1.250 €
O xurado especializado do certame, integrado polos profesionais María Gil, historiadora da arte e investigadora; Brais Rodríguez, ilustrador e profesor; e Toño Vilaverde, libreiro especializado, decidiu outorgarlle un accésit con diploma a Gemma Pérez, pola súa obra ‘Mi nick era #humeda’
Na rolda final de clasificados foron tamén seleccionados os fanzines ‘Macheta 7’, da Asociación Artístico-cultural Huhú e Asociación Teixo; ‘Así somos’, de Raquel Montero; e ‘sólo una vez más’, de Aisha Rey
Este I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego recibiu un total de 57 proxectos, con 54 publicacións válidas, que o público poderá ver e ler na Expofanzines que acollerá Viñetas desde o Atlántico 2024 no Palexco da Coruña do 12 de agosto ao 30 de setembro
A escultora, deseñadora e pintora de modelos en producións de Stop Motion galega Laura Pazos deseñou o trofeo do premio, que a artista Aisha Rey (gañadora do Combate de Debuxantes de Autobán 2023) se encargou de pintar para que cada ano o galardón sexa unha peza única
O I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024, promovido pola Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, xa ten gañador. Luis Yang alzouse co galardón grazas á súa obra Sunny 16. O xurado especializado do certame, integrado polos profesionais María Gil, historiadora da arte e investigadora; Brais Rodríguez, ilustrador e profesor; e Toño Vilaverde, libreiro especializado, decidiu outorgarlle, tamén, un accésit con diploma a Gemma Pérez, pola súa obra ‘Mi nick era #humeda’.
Este I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024 recibiu un total de 57 proxectos, con 54 publicacións válidas. Na rolda final de clasificados foron tamén seleccionados os fanzines Macheta 7, da Asociación Artístico-cultural Huhú e Asociación Teixo; Así somos, de Raquel Montero; e sólo una vez más, de Aisha Rey. O público poderá ver e ler todas as obras presentadas a concurso na Expofanzines que acollerá o festival Viñetas desde o Atlántico 2024 no Palexco da Coruña do 12 de agosto ao 30 de setembro.
O I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego consta dunha dotación económica de 1.250 euros e un trofeo realizado pola escultora, deseñadora e pintora de modelos en producións de Stop Motion Laura Pazos. A creadora deseñou unha colección de catro esculturas destinadas a ser pintadas cada ano por un artista diferente como parte da recompensa á persoa gañadora do certame. Nesta primeira edición, Aisha Rey (gañadora do Combate de Debuxantes de Autobán 2023) foi a encargada de pintar o trofeo para que sexa unha peza única.
O I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024 é un novo certame pioneiro no sector da autoedición, que nace co desexo de recoñecer o mérito dos creadores independentes do país. Está dirixido todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 15 de maio de 2024, cun máximo de 3 obras por participante, sempre que o/a autor/a ou a maioría dos/as compoñentes do colectivo sexan de orixe galega ou estean fincados/as en Galicia. O tema, a técnica, o formato e o deseño do fanzine eran libres.
ACTA DO XURADO DO I PREMIO AUTOBÁN AO MELLOR FANZINE GALEGO
Unha vez estudadas e analizadas todas as propostas admitidas, o xurado por unanimidade acorda outorgar os seguintes premios aos seguintes proxectos:
• I PREMIO AUTOBÁN:Sunny 16, de Luis Yang.
O xurado outorga o I Premio Autobán a Sunny 16, de Luis Yang, polo xeito no que reflexiona sobre como a fotografía constrúe á vez que obstrúe o recordo. Trátase dun fanzine coidado tanto pola proposta estética como polo acabado e a edición. O xurado destaca que o seu elemento diferencial é a forma na que conviven a fotografía e o debuxo e o poder evocador que resulta desta interacción. Tamén se tivo en conta a traxectoria vinculada ao fanzine e á autoedición do autor, que leva anos traballando este tipo de formatos, nos que se mestura fotografía e debuxo.
• Accésit con diploma:Mi nick era #humeda, de Gemma Pérez.
O xurado sinala que “Mi nick era #humeda” de Gemma Pérez é precisamente o que se nos ven á cabeza cando pensamos na palabra “fanzine”. Destaca polo seu uso do deseño gráfico, a súa edición coidada, a narrativa e o compromiso social abordado desde a vivencia persoal e o sentido do humor. “É o inicio á sexualidade dunha nena que logo se transforma”.
• Mencións:
Macheta 7, da Asociación Artístico-cultural Huhú e Asociación Teixo, pola súa homenaxe ao punk.
Así somos, de Raquel Montero, polo seu aspecto táctil.
sólo una vez más, de Aisha Rey, polo seu emprego sensible da sinestesia.
Todas as publicacións presentadas ao certame formarán parte de:
• A exposición ExpoFanzines do Viñetas desde o Atlántico do ano 2024.
• A sección de fanzines da Biblioteca de Estudos Locais da Coruña.
EXPOFANZINES NO VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2024
O público poderá ter acceso ás máis de 50 publicacións participantes no I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023 2024 tanto a través da exposición que organiza o festival Viñetas desde o Atlántico no Palexco do 12 de agosto ao 30 de setembro de 2024, como no fondo permanente que se poderá consultar na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña.
En palabras da Asociación Autobán, “esta mostra, e o palmarés en particular, ofrecen unha precisa radiografía dun movemento vizoso e inclasificable, sorprendentemente ecléctico e militante, que trata todo tipo de temáticas adultas con multitude de técnicas e enfoques. Botando un ollo a estas páxinas, evidénciase unha certeza: estas artistas chegarán lonxe, hai canteira en Galicia (e en galego). Esperamos con ilusión que o Premio Autobán se manteña e que, edición a edición, a colección de fanzines da Coruña non deixe de crecer e de documentar os cambios e transformacións dun medio orgullosamente mutante, desbordante de imaxinación e con potencial para seguir explorando”.
SOBRE AUTOBÁN
Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas.
A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O Festival Autobán propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.
Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.
Aunty Rayzor, Afrorack, Haya Zaatry, Kabeaushé e Lapilli percorreron esta mañá a enseada de San Simón para coñecer, de perto, as bateas e o sector do mexillón
Se no Festival Sinsal SON Estrella Galicia é o publico quen se sorprende ao coñecer o cartel; as bandas e solistas que participan no evento -a meirande parte delas é a primeira vez que visitan Galicia- son quen descubren abraiadas, ao chegar a Redondela, a espectacular contorna natural na que se atopa a illa de San Simón.
Na mañá deste luns, cinco das bandas e solistas que conviviron co público esta fin de semana no arquipélago conformado por San Simón e Santo Antón tiveron a ocasión de coñecer, de perto, o patrimonio natural da Ría de Vigo. A manchega Lapilli, as nixerianas Aunty Rayzor, o ugandés Afrorack, a palestina Haya Zaatry e o keniata Kabeaushé, ao bordo dunha embarcación histórica e acompañadas de guías, descubriron a diversidade mariña da zona e achegáronse ás bateas para descubrir a labor do sector do mexillón nas Rías Baixas.
A visita, celebrada coa colaboración de Estrella Galicia e encadrada como parte das actividades de promoción e difusión cara ao exterior do territorio que Sinsal realiza no marco dos Rías Baixas Fest (a campaña promovida pola Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas), rematou cunha pequena degustación e, incluso, con actuacións improvisadas das artistas Aunty Rayzor e Lapili fronte á enseada de San Simón.
Amoebo, unha banda galega emerxente afincada na Coruña, celebrará un concerto nos Atardeceres do Gaiás do próximo venres 2 de Agosto as 21:00 h.
Así nos convidan a desfrutar do seu espectáculo nese espazo tan idílico, ao tempo que falan do proxecto que supón Amoebo, do auxe da música en galego, do momento no que se atopan e do futuro da banda.
Sendo unha banda autoxestionada e con unha traxectoria moi curta (escasos 2 anos) este verán pasaron por escenarios como O Son do Camiño, Atlantic Pride ou Surfing the Lerez, e próximamente estarán no Festival de la Luz, Treceroeis, MUMI, Feira do 1900, etc.
Sete propostas habitarán os espazos do festival ao que se suma este ano unha colaboración co Ciclo de Artes Vivas e Mediación de A Casa Vella en Amiadoso xunto ós habituais Claustro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, Claustro de Santa María de Melón e Claustro do Mosteiro de Ribas de Sil en Nogueira de Ramuín:
Paulina Espinosa e Mariana Oliveira (México e Portugal), Álvaro Murillo (Extremadura), Patricia Hastewell e Noé Ferey (Catalunya), Diego Garrido (Catalunya), Daniel Rodríguez e as Xunquereteiras (Galicia), Fito Guevara Morales (Costa Rica), Nuria Sotelo & Clara Ferrão (Galicia)
Danza no Claustro celébrase os días 28 de xullo, 2, 3 e 4 de agosto ás 20:00h:
+28 de xullo – A Casa Vella – Amiadoso, Allariz. Colaboración co Ciclo de Artes Vivas e Mediación da Casa Vella e as intervencións únicas de Fito Guevara e Nuria Sotelo & Clara Ferrão, xunto con Paulina Espinosa e Mariana Oliveira.
+2 de agosto – Claustro de Santo Estevo de Ribas de Sil en Nogueira de Ramuín.
+3 de agosto – Claustro de Santa María de Melón.
+4 de agosto – Claustro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo.
O programa dos días 2, 3 e 4 de agosto componse coas pezas de Paulina Espinosa e Mariana Oliveira (México e Portugal), Álvaro Murillo (Extremadura), Patricia Hastewell e Noé Ferey (Catalunya), Diego Garrido (Catalunya), Daniel Rodríguez e as Xunquereteiras (Galicia).
Danza no Claustro é un proxecto da Plataforma Cultural SóLODOS. Paisaxes cheas de historia e singularidade da provincia de Ourense son o contexto para que artistas internacionais e locais, xunto coas comunidades, constrúan un proxecto cultural en común. Os artistas tras un proceso de creación e investigación artística nos diferentes claustros e espazos, realizan unha exhibición do seu traballo creativo. A danza como motor cultural que potencia a historia do lugar, a súa xente, a súa beleza, a súa singularidade…Un xeito diferente de mirar a arquitectura e o patrimonio histórico a través do baile, do movemento.
Algúns datos de Danza no Claustro:
-Coa celebración da 12ª edición Danza no Claustro pasa a ser o festival de danza máis lonxevo de Galicia.
-Neste anos formaron parte do programa artistas de 12 países, sendo os máis habituais as de Galicia e resto do Estado, México e Costa Rica.
-Danza no Claustro forma parte da rede Acieloabierto desde 2021.
-Desde 2021 forma parte do proxecto a firma Adolfo Domínguez, quen viste ás artistas para as funcións no festival.
-Do 2013 ao 2019 naceu e celebrouse no Claustro de San Francisco de Ourense. No 2021, ano Covid-19 celebrouse soamente a extensión prevista en Xunqueira de Espadanedo. Do 2022 ata a actualidade lévase a cabo nos tres claustro actuais. No 2024 A Casa Vella alíase co proxecto propoñendo unha extensión no seu Ciclo de Artes Vivas e Mediación.
Os espectáculos:
-“Cuyeo tapacaminos” de Fito Guevara Morales (Costa Rica). Intervención única no Ciclo de Artes Vivas e Mediación da Casa Vella o 28 de xullo ás 20:00h.
“Cuyeo Tapacaminos” retrata a historia de dous seres, gardiáns dos camiños, co poder de perder a quen a segue e o infinito traballo de habitar cada perda. Inspirada na graza e adaptabilidade do tapacamiños, a coreografía invita a vivir a beleza do presente e abrazar as sorpresas da vida.
-“Vestirme de ti” é a peza da compañía Nuria Sotelo e Clara Ferrão (Galicia), dirixida por Maximiliano Sanford e bailada por Alejandra Balboa e Nuria Sotelo. Intervención única no Ciclo de Artes Vivas e Mediación da Casa Vella o 28 de xullo ás 20:00h.
“Vestirme de ti” é unha metáfora das relacións humanas e a interdependencia que se crea cando interactuamos con outros individuos. A peza critica a exaltación da independencia que nos transmite o sistema de consumo no que vivimos e defende a necesidade de apoio mutuo nas nosas relacións. Un dúo de danza para rúa ou espazos non convencioniais que reflexiona sobre o equilibrio entre opostos.
-“Nunca bailaré solo” de Diego Garrido (Cataluña). Intervención os días 2, 3 e 4 de agosto.
¿Como se pode expresar o inexpresable? o sentimento de perda, a esperanza ¿pódense expresar unicamente con movemento, con danza?
“Nunca bailaré solo” lévanos á búsqueda e encontro da esperanza perdida despois dunha gran perda. Atopar ese brillo que se abre paso entre as sombras, sendo o propio bailarín unha luz en si mesmo, e que serve para recordarnos como espectadores que dentro de nós tamén está esa luz, e esa esperanza que ben pode ser en maior ou menor medida esquecido.
Con esta peza, Diego foi Premio SóLODOS En Danza Ourense 2023 e Premio Xove. Foi galardonado tamén en Valladolid e Badalona.
-“Les passants” Patricia Hastewell Puig e Noé Ferey (Cataluña). A través da rede Acieloabierto. Intervención os días 2, 3 e 4 de agosto.
“Les Passants” é un dúo de danza contemporánea e teatro físico cun formato de estilo cinematográfico onde se encadean escenas con xogos visuais e corporais.
Cada unha ten su propio carácter cas súas personaxes, detalles e relacións. Todo transcurre nun espazo aparentemente mundano onde os corpos se transforman, os tamaños se dilatan e o tempo se manipula, creando así un espazo onírico. ¿Que pasa cando o foco se pon en cada unha das persoas que pasan por este espazo? As vidas dos demáis se nos presentan como auténticos misterios, rompecabezas onde nos faltan moitas pezas que non podemos ter. Pero ao mellor podemos descubrir algo se prestamos atención…
-“8km. en mula” de Álvaro Murillo (Extremadura). A través da rede Acieloabierto. Intervención os días 2, 3 e 4 de agosto.
Unha crónica de sucesos, un feito real ocurrido a noite do 22 de xullo de 1928 serviu como inspiración a Lorca para a súa obra “Bodas de Sangre”. Un amor prohibido nunha sociedade que garda as apariencias. Unha forza instintiva que tende á unión irracional opoñéndose, sen buscalo, ao convencionalismo social. O día da súa voda unha noiva escapa co seu amante. O noivo ségueos e ten lugar o desenlace.
O corpo emprega o movemento para contar unha historia de amor maldito. Unha crónica danzada da obra, unha versión flamenca da historia. 8 kilómetros son os que percorreron Paco Montes e Paquita Cañada sen poder chegar ao alba.
-“Drauma” de Paulina Espinosa e Mariana Oliveira (México – Portugal). Intervención os días 28 de xullo e 2, 3 e 4 de agosto. É a peza gañadora do certame de creación en SóLODOS En Danza Costa Rica 2023 e finalizan a xira española nos claustros de Ourense.
“Drauma” resúmese na seguinte frase: do trauma ao drama. Paulina e Mariana exploran a través do movemento e en forma dunha divertida e emocional pero non menos dramática viaxe a través dos seus recordos as catro respostas ao trauma: loitar, fuxir, conxelarse e adular.
“De querer” de Daniel Rodríguez e as Xunquereteiras (Galicia). Intervención os días 2, 3 e 4 de agosto.
“De querer” é un encargo do festival Danza no Claustro. É unha peza que se inspira, desde unha visión de presente, nas diversas mostras de amor e afecto entre individuos plasmadas no canto tradicional galego.
Danza no Claustro é un proxecto da plataforma SóLODOS dirixido por Maruxa Salas e Erick Jiménez. Produción Víctor López Carbajales e Manu Lago. Vestiario: Adolfo Domínguez. Foto e vídeo: Pablo Salas e Manu Lago. Coa axuda de: INAEM – Ministerio de Cultura, Deputación de Ourense e Xunta de Galicia a través da AGADIC. Colaboran: Concello de Xunqueira de Espadanedo, Concello de Nogueira de Ramuín, Parador de Santo Estevo, Concello de Melón, Red Acieloabierto, Adolfo Dominguez, Festival Escena Patrimonio, A Casa Vella, Foto Pablo Salas.
Do 12 ao 18 de agosto, A Coruña converterase un ano máis en punto de encontro para amantes da banda deseñada coa celebración desta cita internacional de referencia, a primeira baixo a dirección do autor coruñés Manel Cráneo
O programa de Viñetas desde o Atlántico 2024 presenta unha nova estrutura, en torno a seccións especializadas para os seus diferentes públicos: Viñetas Expo, Viñetas Show, Viñetas Rúa BD, Viñetas Mini, Viñetas Ñam!, Viñetas Pro, Viñetas Inclusivas e Viñetas na Escola
O Salón do Cómic da Coruña acollerá a mostra dos traballos de máis de 40 autoras e autores galegos, un total de 18 exposicións, máis de 100 sesións de sinaturas, unha vintena de editores de toda España presentes na Coruña durante o evento e máis de 30 actividades na Rúa da BD, que contará cun total de 36 expositores
‘Toriyama en Galicia’ é o título da exposición colectiva que lle rende homenaxe ao autor de personaxes xa míticos do noso imaxinario, como Son Goku ou Arale, da man dunha coidada selección de autoras e autores galegos, como Paula Cheshire, José Domingo, Miguel Robledo ou Xulia Pisón, entre moitos outros, con ilustracións debuxadas especialmente para a mostra, ademais dunha escolma de páxinas do fanzine Onda Vital!! e outros obxectos e publicacións relacionados coa obra de Akira Toriyama
As temáticas sociais, a internacionalización e a aposta pola banda deseñada independente e experimental son as claves de Viñetas Expo, que dedicará exposicións monográficas a Genie Espinosa, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos, ademais de acoller as mostras das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023, Paula Mayor e Cristian F. Caruncho, e a mostra dos fanzines presentados ao I Premio Autobán
Por primeira vez, un personaxe de cómic dun autor galego —Gaspariño de Xaquín Marín— súmase á colección de figuras que visten a cidade da Coruña durante a celebración do Viñetas; unha colección que neste 2024 recupera, tamén, a figura de Groucho, de Ventura & Nieto, tras o pasamento de Enrique Ventura, un dos grandes clásicos da revista El Jueves
Fermin Muguruza presentará no marco de Viñetas Show, no Teatro Colón, o seu filme Black is Beltza II: Ainhoa, secuela do éxito Black is Beltza, primeira incursión do artista no cinema de animación, que se presenta de novo acompañada da versión en banda deseñada da historia, debuxada por Susanna Martín
Disciplinas como o cinema, o teatro e a música, sempre relacionadas co universo da banda deseñada, incorpóranse ao cartel deste Viñetas 2024, que contará cunha novidosa serie de entrevistas cos autores convidados en formato ‘Late Night Show’ no Teatro Colón
A Coruña converterase un ano máis no gran referente das e dos amantes do cómic para celebrar, do 12 ao 18 de agosto, a 27ª edición de Viñetas desde o Atlántico. O autor coruñés Manel Cráneo asume neste 2024 a dirección desta cita internacional, que contará cun total de 18 exposicións, ademais da xa tradicional Rúa da BD e dun rico programa de actividades, que incluirá charlas, visitas, firmas de libros, proxeccións de cinema, música e obradoiros para profesionais e público infantil. Así o presentaron esta mañá en rolda de prensa a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o director de Viñetas desde o Atlántico, Manel Cráneo, que estiveron acompañados pola deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade Rodríguez, a xefa do Servizo de Coordinación Cultural da Xunta de Galicia, Rosario Fernández-Albalat Ruiz, e algunhas das autoras e autores galegos participantes.
Como novidade neste 2024, o programa de Viñetas desde o Atlántico presenta unha nova estrutura, en torno a seccións especializadas orientadas aos seus diferentes públicos: Viñetas Expo, Viñetas Show, Viñetas Rúa BD, Viñetas Mini, Viñetas Ñam!, Viñetas Pro, Viñetas Inclusivas e Viñetas na Escola.
Manel Cráneo quixo destacar que, na súa 27ª edición «o Salón do Cómic da Coruña acollerá a mostra dos traballos de máis de 40 autoras e autores galegos, ademais dun total de 18 exposicións, máis de 100 sesións de sinaturas, unha vintena de editores de toda España presentes na Coruña durante o evento e máis de 30 actividades na Rúa da BD, que contará cun total de 36 expositores». O director avanzou, tamén, que «disciplinas como o cinema, o teatro e a música, sempre relacionadas co universo da banda deseñada, incorpóranse ao cartel deste Viñetas 2024, que contará cunha novidosa serie de entrevistas coas autorías convidadas en formato ‘Late Night Show’ que se desenvolverán no Teatro Colón».
As temáticas sociais, a internacionalización e a aposta pola banda deseñada independente e experimental son as claves de Viñetas Expo, que dedicará exposicións monográficas a Genie Espinosa, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos, ademais de acoller as mostras das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023, Paula Mayor e Cristian F. Caruncho, e a mostra dos fanzines presentados ao I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, convocado este 2024.
Pola súa banda, ‘Toriyama en Galicia’ é o título da exposición colectiva que lle rende homenaxe ao autor de personaxes xa míticos do noso imaxinario como Son Goku ou Arale, da man dunha coidada selección de autoras e autores galegos como Paula Cheshire, José Domingo, Miguel Robledo ou Xulia Pisón, entre moitos outros, con ilustracións debuxadas especialmente para a mostra, ademais dunha escolma de páxinas do fanzine Onda Vital!! e outros obxectos e publicacións relacionados coa obra de Akira Toriyama.
Por primeira vez, un personaxe de cómic dun autor galego -Gaspariño de Xaquín Marín- súmase á colección de figuras que visten a cidade da Coruña durante a celebración do Viñetas; unha colección que neste 2024 recupera, tamén, a figura de Groucho, de Ventura & Nieto, tras o pasamento de Enrique Ventura, un dos grandes clásicos da revista El Jueves.
Como outro dos fitos destacados, cabe mencionar, tamén, que Fermin Muguruza presentará no marco de Viñetas Show, no Teatro Colón, o seu filme Black is Beltza II: Ainhoa, secuela do éxito Black is Beltza, primeira incursión do artista no cinema de animación, que se presenta de novo acompañada da versión en banda deseñada da historia, debuxada por Susanna Martín.
PROGRAMACIÓN ESTRATÉXICA DE VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2024
Viñetas Expo
A sección angular do programa desta 27ª edición do festival, bautizada neste 2024 como Viñetas Expo, concentrará 13 exposicións individuais e colectivas de produción propia dentro da sección oficial, comisariadas pola dirección artística do festival, individuais e colectivas, mais outras 5 mostras paralelas organizadas por entidades colaboradoras. As temáticas sociais, a internacionalización —cunha ollada ao mellor cómic chegado de América Latina— e a aposta polas novas voces e a banda deseñada independente e experimental serán as claves da cita.
As sedes oficiais das exposicións de Viñetas Expo serán o Kiosco Alfonso, Palexco, o Palacio de María Pita, a Sala Salvador de Madariaga, a Casa Museo Picasso e o Centro Ágora. A estes espazos sumaranse, tamén, as seguintes entidades colaboradoras: o Circo de Artesáns, a A. C. Alexandre Bóveda, a Cervezoteca Malte, a Pulpeira de Melide e o Bar 13, que organizarán un programa expositivo especial en paralelo á celebración de Viñetas desde o Atlántico 2024.
Neste 2024, Viñetas desde o Atlántico reunirá a figuras como Genie Espinosa —autora do cartel desta edición da cita—, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos, que contarán con exposicións monográficas do seu traballo. O festival quere poñer tamén en valor o rico ecosistema autoral local coas mostras das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023: Paula Mayor e Cristian F. Caruncho. Pola súa banda, a exposición colectiva de autores e autoras galegas Toriyama en Galicia preséntase como un dos grande atractivos deste salón internacional do cómic da Coruña, que contará, ademais, cunha exposición dos fanzines presentados ao I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, organizada pola Asociación Autobán, na que haberá un espazo para a lectura.
Viñetas Show A BD levada ao espectáculo de entretemento a través de actividades diarias no Teatro Colón: un ciclo de cinema baseado en obras de BD —no que se proxectarán Black is Beltza II: Ainhoa, de Fermin Muguruza, Tungsteno, adaptación da novela gráfica de Marcello Quintanilha, e os filmes para toda a familia Rebelión en la granja e Persélosis—, o show «Viñetas Late Night» con entrevistas aos convidados e convidadas de Viñetas 2024 (Fermin Muguruza, Susanna Martín, Genie Espinosa, Jorge Campos, Kundo Krunch, Lucas Varela, Yeyei Gómez, Marc Torices e Marcello Quintanilla) e un concerto ilustrado de Sangre de Muérdago, con Xulia Vicente e Sekone, en colaboración con Autobán.
Viñetas Rúa BD A parte comercial do Viñetas mantén a súa esencia coa participación de editoras e librarías especializadas en banda deseñada procedentes de todo o territorio español. Este ano ábrese tamén unha porta a Portugal coa participación da editora Chili Com Carne, de Lisboa.
Viñetas quere dar un paso adiante cara á especialización da feira, centrando a súa Rúa da BD en librarías especializadas en banda deseñada galegas, con preferencia ás coruñesas, e ampliando o número de editores especializados de todo o estado español, cun total de 36 expositores: 24 editoriais (unha de Portugal), 10 librarías, 1 asociación profesional e as Bibliotecas Municipais da Coruña.
No programa da Rúa da BD haberá firmas con máis de 60 autoras e autores, ademais de 4 obradoiros, 12 presentacións de cómics, 7 faladoiros e dous espectáculos: Pedras de Cartón presentará a súa obra Moby Dick e Chuches Amil ofrecerá un concerto para toda a familia.
No programa da Rúa da BD destacarán, tamén, fitos como a celebración do 45º aniversario de El Víbora, a emisión do Canal de YouTube Recuncho Gamer ou unha sesión de videoxogos e outra de demostración de xogos de cartas, todos eles abertos ao público. Artur Laperla, autor de Superpataca, impartirá un obradoiro infantil na Rúa da BD, que contará, tamén, coa presenza de autores como Jordi Bayarri, Miguel Robledo, Fran Jaraba, David Rubín, Emma Ríos, Xulia Vicente, Xulia Pisón, Víctor Pinel, Martín Romero, Alicia Jaraba, etc.
Deste xeito, a Rúa da BD será un punto de encontro para toda a sociedade, non só como a cara comercial de Viñetas, senón como un espazo para xerar sinerxías e favorecer a relación entre autores e editores cun completo programa de actividades específicas. Ademais, a Rúa da BD contará cunha nova carpa de actividades para acoller as presentacións, charlas e sinaturas e mais o concerto infantil de Chuches Amil, no marco de Viñetas Mini.
Viñetas Mini Trátase da sección infantil de divulgación e entretemento de Viñetas desde o Atlántico 2024, que reunirá contacómics, obradoiros e un concerto infantil. Esta sección concentrará, ademais, unha zona de xogo de entrada libre de ‘Piratix’ e outra de ‘Superthings’ nos Xardíns de Méndez Núñez, durante as horas de apertura da Rúa da BD.
Viñetas Ñam! Un festival gastronómico no que varios restaurantes locais dedicarán un prato da súa carta a personaxes e series de cómic. Esta novidosa sección inclúe, tamén, unha foodtruck que, durante a celebración da feira, estará situada na Rúa da BD, con cafés, bebidas e bocadillos dedicados ao mundo do cómic, en horario de 11.00 a 21.30h.
Viñetas Pro Esta sección engloba as actividades para profesionais e estudantes do sector. Concentrará obradoiros, relatorios, revisión de portafolios e encontros sectoriais.
Viñetas Inclusivas Neste 2024, Viñetas desde o Atlántico deseñou un plan de inclusión social, que integra lingua de signos no «Viñetas Late Night» no Teatro Colón e que se completará cunha semana de actividades destinadas a colectivos desfavorecidos no mes de setembro.
Viñetas desde a Escola É o plan para centros de ensino con obradoiros de iniciación ao cómic -que tiveron lugar na Coruña o pasado mes de maio- e visitas guiadas programadas no último trimestre do ano.
Viñetas BD Viñetas BD é a nova publicación do festival: un libro en formato cómic que substitúe ao tradicional catálogo para acercar a todos os públicos o programa do festival.
VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO, 27 ANOS DUNHA CITA INTERNACIONAL DE REFERENCIA
Viñetas desde o Atlántico é o festival internacional da banda deseñada da cidade da Coruña. Organizado polo Concello da Coruña, cada mes de agosto reúne unha coidada selección de exposicións, artistas invitados, charlas, talleres, visitas guiadas, firmas e actividades paralelas, e unha feira cos expositores profesionais máis relevantes do sector, que converten A Coruña nun fervedoiro de creatividade e nun punto de encontro para amantes da banda deseñada en todas as súas acepcións e singularidades.
Con máis dun cuarto de século ás súas costas, Viñetas desde o Atlántico é unha cita de referencia a nivel internacional para o público e os profesionais, que este 2024 celebrará a súa 27ª edición do 12 ao 18 de agosto. Co empeño de ofrecer unha visión o máis ampla posible do mundo da banda deseñada galega, nacional e internacional, Viñetas desde o Atlántico regresa á Coruña como un proxecto de cidade, arroupado polo sector profesional e cunha vocación de apertura a novas linguaxes, referentes e miradas. Porque A Coruña é, sen lugar a dúbidas, unha cidade de cómic.