García Mc lanza o videoclip do seu novo tema “Mírame!”, no que critica duramente o xenocidio en Palestina. Nun vídeo no que xoga coas sombras para recrear imaxes crúas, o rapeiro amosa o seu apoio cara o sector máis castigado no conflito, os nenos. Tras a boa acollida do lanzamento do tema, García mantén o compromiso social que o caracteriza para dar forma a unha representación visual da canción cargada de reivindicación e crítica aceda.

Mírame!”, presentada o pasado xoves baixo a produción de Petrowski (Ezetaerre), xúntase a “Quen Son Eu?” e “Aguardiente” como temas publicados recentemente por parte do rapeiro. Preto está xa o seu próximo traballo discográfico, que recibirá o nome de “Sergio Manuel”, e que será un EP de carácter autobiográfico. “Mírame!” é unha paréntese nos lanzamentos do seu novo disco, a modo de canción urxente polos nenos de Palestina.

Por outra banda, ábrese unha nova etapa para o rapeiro, que vén de anunciar fai escasos días o peche do ciclo ca Nación Quilombo. Tras 7 anos de traxectoria nas que creou unha banda rapeira de músicas do mundo, García Mc pecha esta etapa para abrirse a novos horizontes artísticos e creativos que anunciará en breve. As últimas oportunidades de desfrutar deste directo único en Galicia serán este 2024. Un directo que destacou por presentarse ante máis de 20.000 persoas na praza coruñesa de María Pita, entre outras datas moi sinaladas como a do Apóstolo en Santiago. O icónico Festival Revenidas será o lugar encargado para facer a despedida máis pública da Nación Quilombo, cun concerto especial no que interpretarán os seus grandes éxitos. O evento realizado en Vilaxoán de Arousa confirmou o seu concerto para o venres 13 de setembro no último avance de artistas publicado a semana pasada.

MÁIS SOBRE GARCÍA MC

García Mc é un dos grandes referentes da cultura hip-hop en Galicia. O rapeiro galego leva mudando o panorama musical os máis de 25 anos que leva en activo, destacando por levar as súas rimas lonxe das fronteiras galegas con diversas incursións por Latinoamérica, polo afán didáctico e divulgativo que o levou a impartir clases e obradoiros sobre cultura hip-hop e rimas, ou polo seu interese na combinación de xéneros con enfoque multicultural. O seu éxito quedou patente en concertos como o da de María Pita en 2022, ante 20.000 persoas que celebraban as festas da Coruña, así como en numerosos concertos en países como Portugal, Dinamarca, Cuba, Guinea-Bissau ou México, ou na participación en grandes festivais como o SonRías Baixas en 2022 ou o Festival Noroeste da Coruña en 2023.

En 2023, García Mc comezou a asentar as bases do que será o seu próximo traballo co adianto de “Quen son eu?”, que conta coa colaboración con Xisco Feijoo, e “Aguardiente”, no que colaboran artistas do mítico grupo Orishas, Julio Maloa, integrante de La Raíz, ou Dj Hazhe. Estes temas estarán incluídos no seu novo EP titulado “Sergio Manuel”, que verá a luz nos próximos meses e terá un carácter autobiográfico co que promete sorprender de novo ao seu público, amosando así a súa clara faceta innovadora, versátil e inconformista. “Mírame!” irrompe momentaneamente entre os lanzamentos do seu novo disco dada a situación urxente pola humanidade na Palestina Histórica, ao verso de: “Neno palestino, este é o meu rezo, a túa dignidade e luz eu agradezo”.