As actividades paralelas da Escola Sinsal afondarán na historia do rexistro sonoro en Galicia

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia presenta as actividades paralelas enmarcadas na Escola Sinsal, que afondarán na historia do rexistro sonoro en Galicia

Unha exposición didáctica na que se integra a linguaxe do cómic ou sesións musicais no novo escenario Malmequeres que recuperan arquivos sonoros domésticos son algunhas das propostas que se integran nesta liña de programación  

O investigador e experto Aleks Kolkowski gravará novamente en cilindro fonográfico ás bandas e solistas do festival nas coñecidas ‘Sesións San Simón’, abertas ao público e que se realizarán en distintos puntos do arquipélago



O Festival Sinsal SON Estrella Galicia comeza a desvelar a programación de actividades que terán lugar, de xeito paralelo aos concertos, durante o desenvolvemento do evento, que se celebrará na illa de San Simón do 26 ao 28 de xullo. A primeira das iniciativas que se dá a coñecer é a que corresponde á Escola Sinsal, a proposta que promove a difusión e coñecemento da historia do arquivo sonoro. Unha exposición didáctica que percorre a traxectoria de músiva gravada en Galicia, sesións musicais que recuperan arquivos sonoros domésticos e unha nova edición das Sesións San Simón, nas que as bandas e solistas realizan gravacións breves dos seus temas nun cilindro de cera, formarán parte desta liña de programación. 

Se ben un dos elementos máis destacados do Sinsal SON Estrella Galicia é o seu cartel secreto, o festival propón descubrir con antelación as actividades paralelas, abertas a todos os públicos, que acontecerán á vez que os directos, de xeito que as e os asistentes ao evento poidan tamén ser parte dunha proposta que, alén de ofrecer unha ollada sobre a escena contemporánea, pon en valor o patrimonio cultural, natural e histórico tanto da illa de San Simón coma do universo musical. Neste sentido, a Escola Sinsal é un dos piares da programación paralela. Trátase dun proxecto de divulgación de Sinsalaudio que, desde hai 20 anos, e a través de diferentes iniciativas e visións, pretende difundir e poñer en valor o rexistro sonoro. Testemuñas e obxectos permiten coñecer, alén do valor material, a súa historia social.

Unha das principais actividades enmarcadas na Escola Sinsal é a exposición didáctica e experimental que o público poderá visitar xunto á cafetería de San Simón. Tras difundir o suco do vinilo e a súa evolución ao longo dos anos na edición de 2022, e poñer o foco no casete como o principal soporte sonoro do século XX o pasado 2024, este ano o Festival Sinsal SON Estrella Galicia convidará ao público a descubrir e, por que non, imaxinar,  a historia da música gravada en Galicia a través de oito personalidades do país que tiveron relación coa mesma, desde o século XVII até o século XX. Será un percorrido singular que comezará en Ourense, da man de Domingo Martínez de Presa, e terá unha parada especial en Pontevedra no século XIX con Severino Pérez Vázquez, quen anticipou un precursor do sintetizador de voz, case un “autotune” primitivo. 

Estas historias, así como outras vinculadas a Andrés Avelino Comerma i Batalla, Emilia Pardo Bazán, Enrique Labarta Pose, Maruja Boga, Pedro Ferrer ou Portela Seijo incorpóranse á Escola Sinsal da man, talento e imaxinación de oito artistas do mundo do cómic. Emma Roulette, Begoña García e Alén González, Marta Cartoon, Santi Zubizarreta, Pepa Prieto Puy, Andrés Magán, Rapapawn (Cynthia Alfonso e Óscar Raña) e Mar Masacró serán quen de contar, a través da imaxe, as aventuras que as oito personalidades mantiveron co son ou coa música ao longo dos séculos.

Malmequeres: rastrexando arquivos

Alen da exposición, a Escola Sinsal tamén terá especial protagonismo noutra das novidades desta edición, como é a apertura do escenario Malmequeres. O nome alude ao idioma portugués, “malmequer” e “bem-me-quer”, que identifica á familia das margaridas, e que como parte do imaxinario relativo aos sentimentos é, sen dúbida, unha das frores máis esfolladas da historia.

Neste quinto escenario do evento, e no marco das actividades paralelas, terán lugar as nomeadas Malmequeres: rastrexando arquivos, sesións con casetes e cintas magnetofónicas que permitirán recuperar e poñer en valor arquivos e documentos rexistrados neste formato durante a segunda metade do século XX. No festival escoitaranse e gravaranse tres sesións -cada día será diferente- que explorarán outras tantas coleccións que, aínda que a súa orixe sexa diferente, posúen un mesmo valor simbólico.


Sesións San Simón

Finlamente, a Escola Sinsal tamén contará con novas Sesións San Simón, as gravacións en cilindro fonográfico realizadas polo experto Aleks Kolkowski. Nelas participan de xeito activo as bandas e solistas que conforman o cartel secreto do festival, e consisten no rexistro dunha canción, de dous minutos, nun cilindro de cera. As sesións, realizadas en distintos espazos do arquipélago, son abertas para o público asistente. Algunhas das gravacións realizadas na pasada edición do evento, pódense escoitar e visualizar a través da páxina web www.sinsalaudio.es.


20240627-NP-GAL-A-ESCOLA-SINSAL

‘A oportunidade do agarimo’ fía a imaxe da sexta edición do Camiño Escena Norte

‘A oportunidade do agarimo’ fía a imaxe da sexta edición do Camiño Escena Norte, que amplía a súa aposta polo intercambio cultural coa incorporación da ilustración ao seu cartel 


A navarra Leire Urbeltz é a autora da imaxe da nova edición do CEN, que terá lugar do 13 de setembro ao 27 de outubro en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra

A rede de estancias artísticas e profesionais Cruzamentos apoiará este ano os proxectos ‘El vacío que llena’da compañía galega Furia Sotelo con Babirusa Danza, e ‘Fronteras que hay que cruzar’, de Hika Teatroa con Led Silhouette

Camiño Escena Norte amplía o seu compromiso co intercambio cultural entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, poñendo o foco nas ilustradoras e ilustradores. Así, desde a súa vindeira edición, que se celebrará do 13 de setembro ao 27 de outubro, a imaxe do programa de artes escénicas será creada cada ano por artistas dos territorios CEN. Inaugura esta etapa a creadora navarra Leire Urbeltz (Iruña, 1985) cun inspirador cartel que, nas súas palabras, “aspira a representar a esencia dun traballo tan comprometido e emocionante como o que acontece detrás do pano dun escenario”.

Para Leire Urbeltz, participar na imaxe de Camiño Escena Norte, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), “supón alcanzar visibilidade en comunidades autónomas onde o meu traballo non chegou até o de agora”. “Síntome moi agradecida e ilusionada por abrir o ciclo de ilustradoras das diferentes comunidades autónomas que achegarán a súa arte a través da imaxe do CEN”, sinala a artista.

O cartel do CEN inclúe o lema desta sexta edición, que nesta ocasión é A oportunidade do agarimo, unha frase que recolle dous conceptos fundamentais para o Camiño Escena Norte. Por unha banda, a idea do momento e ocasión, xa que é un programa cultural que abre novas oportunidades, retos, formas de facer e posibilidades ao sector das artes escénicas. E, por outra banda, o afecto, agarimo e coidado con que se crea CEN, proxecto creado desde a comunidade escénica, desde o sector, desde o horizontal.

CRUZAMENTOS

Alén do programa de exhibición Constelacións -anunciado no mes de maio, e no que participarán as galegas Colectivo Glovo, Ibuprofeno Teatro e Píscore Teatro- no marco do CEN 2024 terá lugar unha nova edición do programa Cruzamentos, unha das pezas angulares do proxecto e que ten como obxectivo fundamental promover o intercambio escénico, artístico e profesional entre as compañías dos territorios CEN

Este ano, a rede de estancias artísticas e profesionais que promove a creación, a investigación e a formación escénica,reforzouse ofrecendo ás compañías un acompañamento de até 9.000 euros por proxecto. Ademais, flexibilizáronse as bases ca convocatoria coa intención de acoller propostas de cooperación diversas e transversais. Finalmente, e de cara á sexta edición do CEN, Cruzamentos acollerá dous proxectos, que foron seleccionados entre os 18 presentados, e nos que estaban implicadas máis de 30 compañías dos cinco territorios CEN. A comisión de avaliación que escolleu as propostas contou coa participación de profesionais de prestixio, como é o caso da dramaturga e directora adxunta do Centro Dramático Nacional, Fefa Noia, e da bailarina e responsable de desenvolvemento de proxectos de Dantzaz Centro de Creación Coreográfica Internacional, Bertha Bermúdez.

Así, El vacío que llena, da compañía galega Furia Sotelo en colaboración coa cántabra Babirusa Danza, desenvolverase entre do 14 ao 22 de outubro en A Casa Vella (Amiadoso, Ourense), un espazo de creación artística, encontro, mediación e dinamización do contexto rural. Ademais, Fronteras que hay que cruzar, dos vascos Hika Teatroa xunto á compañía navarra Led Silhouette, terá o seu desenvolvemento no Centro Cultural Egia (Donostia) entre o 23 e o 29 de setembro. 

En anteriores edicións de Cruzamentos, distintas compañías de Galicia tiveron ocasión de convivir profesionalmente e compartir coñecemento con artistas doutros territorios. Foi o caso de Marta Alonso Tejada, Paula Quintas Cía., Os Náufragos Teatro, Kirenia Danza, Olivas Negras, Ibruprofeno Teatro, Caramuxo Teatro, Pedras de Cartón ou ButacaZero. Esta última traballou no 2022 precisamente coa vasca Hika Teatroa sobre un espectáculo que se estreou no Centro Dramático Nacional na pasada tempada e que xirou por Galicia esta primavera: Iribarne.

20240627-NP-Cartel_Lema_Cruzamentos

García Mc presenta “Mírame!”, un canto de dignidade para os nenos de Palestina

García Mc critica no seu novo tema “Mírame!” o xenocidio en Palestina. Desta maneira, o rapeiro mostra o seu apoio cara o sector máis castigado no conflito, os nenos. Unha acción máis que amosa o forte compromiso social de García coas inxustizas cara os máis vulnerables. Nesta ocasión, o artista galego xuntouse co produtor Petrowski (Ezetaerre) para dar forma a este rap cargado de reivindicación e crítica acedas.

Esta canción xúntase a “Quen Son Eu?” e “Aguardiente” como temas publicados recentemente por parte do rapeiro. Preto está xa o seu próximo traballo discográfico, que recibirá o nome de “Sergio Manuel”, e que será un EP de carácter autobiográfico. “Mírame!” é unha paréntese nos lanzamentos do seu novo disco, a modo de canción urxente polos nenos de Palestina.

Por outra banda, ábrese unha nova etapa para o rapeiro, que vén de anunciar fai escasos días o peche do ciclo ca Nación Quilombo. Tras 7 anos de traxectoria nas que creou unha banda rapeira de músicas do mundo, García Mc pecha esta etapa para abrirse a novos horizontes artísticos e creativos que anunciará en breve. As últimas oportunidades de desfrutar deste directo único en Galicia serán este 2024. Un directo que destacou por presentarse ante máis de 20.000 persoas na praza coruñesa de María Pita, entre outras datas moi sinaladas como a do Apóstolo en Santiago. O icónico Festival Revenidas será o lugar encargado para facer a despedida máis pública da Nación Quilombo, cun concerto especial no que interpretarán os seus grandes éxitos. O evento realizado en Vilaxoán de Arousa confirmou o seu concerto para o venres 13 de setembro no último avance de artistas publicado a semana pasada.

MÁIS SOBRE GARCÍA MC

García Mc é un dos grandes referentes da cultura hip-hop en Galicia. O rapeiro galego leva mudando o panorama musical os máis de 25 anos que leva en activo, destacando por levar as súas rimas lonxe das fronteiras galegas con diversas incursións por Latinoamérica, polo afán didáctico e divulgativo que o levou a impartir clases e obradoiros sobre cultura hip-hop e rimas, ou polo seu interese na combinación de xéneros con enfoque multicultural. Así como en numerosos concertos en países como Portugal, Dinamarca, Cuba, Guinea-Bissau ou México, ou na participación en grandes festivais como o SonRías Baixas en 2022 ou o Festival Noroeste da Coruña en 2023.

En 2023, García Mc comezou a asentar as bases do que será o seu próximo traballo co adianto de “Quen son eu?”, que conta coa colaboración con Xisco Feijoo, e “Aguardiente”, no que colaboran artistas do mítico grupo Orishas, Julio Maloa, integrante de La Raíz, ou Dj Hazhe. Estes temas estarán incluídos no seu novo EP titulado “Sergio Manuel”, que verá a luz nos próximos meses e terá un carácter autobiográfico co que promete sorprender de novo ao seu público, amosando así a súa clara faceta innovadora, versátil e inconformista. “Mírame!” irrompe momentaneamente entre os lanzamentos do seu novo disco dada a situación urxente pola humanidade na Palestina Histórica, ao verso de: “Neno palestino, este é o meu rezo, a túa dignidade e luz eu agradezo”.